27.8.07

vémonos no condado, non?

23.8.07

de cuba VI (historias)

O día que descubrín que había gafaspasta / poperos cubanos. Entro nun local que é coma o Krooner compostelán pero na Habana. Vou ata o fondo e pido na barra. Dispóñome a sair pero hai un montón de xente

- perdón, me dejais pasar?
- como no voy a dejar pasar a unha chica tan linda (comentario puramente cubano) y con un corte de pelo tan bonito (comentario popero)

(nota: para os que non saiban como teño o pelo, poderán facerse unha idea aproximada para ambientar a historia)

de cuba V (historias)

(escenario: un val. os protagonistas percorren a cabalo os arrozais. protagonistas: unha valenciana e un cubano)
- que yegua más lista!
-como? que mi yegua es comunista??? ANTES LA MATO

20.8.07

de cuba IV (historias)

(escenario: un patio ao aire libre con luces que funciona de discoteca. a protagonista conversa cun rapaz loiro que todos chaman Ruso)
- Y te gusta nuestra discoteca? Que te parece?
- Es... es... particular
-No, no. Aquí nada es particular. Es todo del Estado!!!!

9.8.07

de cuba III (da xente)




as historias só comezan a ter sentido cando llas contas a alguén que non as viviu. o último mes só comezou a ter sentido cando papá colleu a miña maleta na estación, e t. veu buscarme e fumos á praia. naquela praia todos eran brancos e non había ninguén buceando entre peixes de cores e case ninguén na auga. entón comecei a decatarme de que estaba en marín, e non noutro lado.





o avión é un elemento de confusión. en apenas dez horas atravesei miles de quilómetros, e na miña cabeza non collían dous mundo tan diferentes entre si, e tan próximos no espacio. aínda agora hai cousas que me sorprenden. que negros e brancos non falen, non anden xuntos pola rúa, non se queiran. sorpréndeme o consumismo -non é incrible???-. semella que no canto dun mes estivera todo un ano vivindo alá





porque hai lugares que cambian a un por dentro se os coñeces un pouco. que che removen toda e fan que penses que hai cousas que non están ben. que non é certo que vivamos no mellor dos mundos posibles. que non é certo que poidamos ser felices así





esa, e non outra, foi a grande lección que aprendín dos cubanos. anque eles non o saiban, nin crean que sexa certo. que ser clase media occidentalita, iso non pode facer feliz a ninguén. agora seino, anque non sexa tan forte como pra poder evitalo de todo



de cuba II (do aire)

facía anos que non miraba lucecús. as estrelas lucían coma en ningún sitio. a lúa, espléndida, non se ría de min. era un reencontro, dela e máis eu.
o ceo, dende a Illa, e tamén mirar a patria dende o aire, o recorte das rías. son esas dúas imaxes as que aínda me fan tremer se pecho os ollos



de cuba I (do chan)

La Habana é unha cidade moi sucia, pero chea de cor, e terriblemente pobre e fermosa. Un animal que se adapta aos ollos de quen o mira, que muta, que vai mudando a pel cada día. Que cada mañá –e sobre todo cada noite- ten unha cor diferente. Esa é a Habana que vai grabada na miña retina.

Tardei máis de dez días en ver a cidade de día. Durante tres semanas desexei con todas as miñas forzas que o mes nunca rematase, quedarme alí pra sempre. Mais agora sei que non é así. E quizais sorprenda, pero onde quedaría pra toda a vida é no rural cubano, nas pequenas vilas nas que non hai turista e unha galega é peza de colección. Esa é a Cuba da que namorei de verdade. As paisaxes máis fermosas que xamais ollo humano mirou, como dixo Colón. A xente máis boa que xamais coñecín. Quizais onde menos agardaba atopar foi onde atopei. Foi despois de estar en Provincias –como eles din-, cando me prometín a min mesma que voltaría a Cuba. E vou volver, o máis axiña que poida. Xa o prometín.

(E quizais pregunten por que Cuba, se me queda tantísimo por coñecer no mundo. E responderei que un mes é sufieciente para prendarse dun país así, porque Cuba é unha illa en todos os sentidos da palabra, e porque alí pensei, dividinme, tomei decisións e disfrutei como nunca fixera antes)