19.5.08

Xa non hai queixarse dos problemas de socialización cos vascos. Dous días e medio (coas súas dúas noites) cento corenta e nove vascos e unha galega. A meirande (meirandísima) parte deles, esuskaldunes, convivindo nun albergue perdido no medio da nada. Resultado: unha das mellores fins de semana da miña vida.

Volver á cidade, e que estean agardando as dúas persoas que máis me queren no mundo nunha rúa de pedra de Illa Peixe. Que escoiten comigo a nova de que xa teño asegurada unha longa viaxe no verán.

Recibir unha clase maxistral sobre o individuo posmodermo e sentirme reflectida en cada unha das súas palabras.

Pasar o Día das Letras máis estraño da miña vida, tentando explicarlle ao mundo que veño do recuncho atlántico, e tentando tamén descifrar o euskera, de tan bonito

Etiquetas:

15.5.08

e tres.


de primeiras era só cuestión de estar. foi subindo logo a ser valorada, a media altura da pirámide de maslow. despois era só fuxir. pasar días na montaña, coñecer a tanta xente que fixese falar e falar. esquecer

o seguinte paso foi agochar os berros das paredes con cancións modernas que facían regresións sonoras ao século pasado

finalmente escribir. escribir moito pra zafarse dos mortos que se acumulaban por detrás dos ollos. que se acumulaban como pesos nos nocellos e se bambeaban na abertura das pernas. escribir coma un exercicio automático de alivio, nese intre preciso de deixar de vestir de negro e no armario só había as cores do loito

nese intre preciso no que as engurras nas sabas non deixan que durmas en toda a noite

pensar que a única solución posible é facer a cama con follas de xornal, e durmir

13.5.08

dous.

ao primeiro foron as cartas, que ían sendo menos frecuentes. de semanas pasaron a quincenas. de quincenas a meses. eu non me atrevía a escribir, porque, sabes? cría que non tiña nada que contarche

(no fondo dábame medo que respostases dicindo que outra ocupara o meu lugar)

pensei que xa non querías que imaxinasemos nunca máis un futuro xuntos en técnica patchwork

despois acabei por soñar que non soñaba. xa ti non aparecías na miña cabeza, agochado detrás dalgunha lembranza dun pasado demasiado pasado

finxín que non me importaba e durmín


11.5.08

un.

ao principio todo arrecendía a el. a roupa, a pel, os libros. cada recorte de revista pegado na parede. despois viñeron as súas pegadas, marcadas por todo o corpo, negróns de cores bandeira da nosa liberdade. e chegou a independencia, crérmonos que a vida era posible o un sen o outro
á fin decateime de que el non existía. pedinlle que me devolvera os ollos e convideino a marchar
dende entón, non volvín saber del
fixen panos de cociña coas nosas bandeiras e durmín

10.5.08

world café

Juanita Brown foi a inventora do World Café. De primeiras pensei que era un exercicio de ideas interesante, sen máis. Despois de todo, vinte minutos para conversar arredor dunha pregunta non podía dar pra tanto. Despois decateime de que as preguntas van con truco: están feitas pra que cada un se cuestione moitas cousas do seu xeito de ver as cousas.
Poñelo en práctica fíxome decatar de que non sei dialogar, de que me custa manter conversas tranquilas con persoas de ideoloxías moi diferentes á miña, mais non con persoas de culturas diferentes. E que falar abertamente ao cen por cen é algo imposible se non tes garantías de que non has ser xulgado polo que dis.
Seica arredor do WC se teñen solucionado algúns problemas sociais e políticos. Tamén deberiamos aprender dalgunhas culturas, nas que non se chega a acordos se non están todos os membros do grupo dacordo ou, cando menos, comprenden e aceptan por que se toma a decisión.

Etiquetas:

7.5.08

esquecín os ollos nalgún lugar da cidade
atópaos, faime saber que os tes
gáñame pola palabra




Etiquetas:

3.5.08


Feliz día da Liberdade de Expresión
para quen aínda crea nela

Etiquetas:

2.5.08

acción/non-acción

mercar amorodos. falar coa fruteira un cacho. mercar un libro. pasear polas rúas ateigadas de xente. cruzarme cun insigne galego. buscar un traxe de baño. poñer/sacar as gafas de sol. pensar nunha promesa
ficar soa na casa, na cidade, por culpa da ponte
poñer a lavadora. non-facer o xantar. escribir unha reportaxe por encarga. falar tres cuartos de hora co tobo de Polgariño. facer plans pró verán. ler. escoitar música de alá. escribir unha carta. comer amorodos. escoitar música de fóra. falar soa. mirarme no espello. escribir

odiar o sol

Etiquetas:

1.5.08

remexendo

precisaba un texto que escribira nalgún dos cursos da carreira. así que, armada de paciencia, collín a memoria externa pra remexer entre os seus caóticos cartafoles. sentíame como cando, de nena, subía ao faiado a buscar roupa vella de mamá, ou do antroido
e fun atopando álbumes de fotos que non lembraba ter sacado. primeiro a ledicia, de voltar a velas, despois a tristura, porque as imaxes desprendían luz, moitísima luz. dende que merquei a cámara, no segundo ano en compostela, fun retratando aos poucos todos os meus días de universidade: as festas, as clases, as conferencias nas que non faciamos nin caso, os recitais e actos culturetas. sobre todo os amigos. apenas saio eu nesas fotos, nin me importa. porque están aqueles que debo de lembrar. uns pouco, quizais porque pouco foi o tempo que estiveron na miña cabeza. outros moitísimo, en cada recuncho, en cada ocasión
e dos que máis, a pequena. teño ducias de fotos repetidas, cun mínimo cambio na posición do pelo ou na xente que pasa polo fondo. tantas tardes na pedra. tantas noites
hoxe artello a miña memoria en fotografías, calculo o meu amor polo número de repeticións, e pregúntome por que tiven que marchar, se ese era o lugar no que encaixaba a miña peza do puzzle...


Etiquetas: ,

30.4.08

Alegato pro-poder

Os antecedentes din que moitos alumnos que pasaron polas mesmas mesas nas que eu asisto a clase agora teñen cargos de certa importancia. Que probablemente dentro duns anos serán peixes gordos.
Por iso sentín arrepíos cando, no medio da explicación, o profesor fixo un inciso pra desexar que ogallá algún día nós fosemos tamén altos cargos, deses que xantan unhas cantas veces ao ano co Ban Ki-Moon de turno ou cos presidentes e primeiros ministros máis variados. En cinco segundos fixo un alegato do poder xerárquico que estructura o mundo actual de xeito suavizado.

Non falou de que acadasemos as nosas aspiracións vitais, nin que conseguisemos pequenas melloras a pequena ou mediana escala no micromundo que nos rodea. Non. Desexou que fosemos deses grises señores de gravata (grises señoras de zapatos de tacón) cunha mesa chea de papeis nun despacho enorme, moi luminoso nalgunha capital do norte, con mil chamadas ao día, con mil compromisos á semana.

E o máis arrepiante de todo, que boa parte da clase asentía cun medio sorriso.
Comezo a crer que non se pode pensar en cambiar o sistema dende dentro tal como vai o mundo

Etiquetas:

27.4.08

apuntamentos pra unha fin de semana

1. Non me gustaron algunhas respostas ao meu texto anterior, como unha que fixeron neste foro. Gustaríame saber de que imposicións se están a falar. Eu nunca coñecín a ninguén que lle impuxeran falar en galego (dado que non me relaciono con esa caste de políticos dos que alguén escribiu (quen fora?) que defendían o galego no parlamento pero criaban os fillos en español. En realidade nin cos desa caste nin cos de ningunha)

2. Hai hoxe un ano que rompín o pé esquerdo. O meu xeso levaba un texto de Salgado por detrás e mais media ducia de debuxos. Aprendín a lección de que a calquera situación lle podes atopar o lado bo. E conformou así o colofón do mellor curso, dos mellores meses, da mellor despedida que tiven nunca

3. Fago plans mirando o mapa. Ogallá puidese voar.

4. Descubro o fetichismo dalgunhas persoas co calzado que usan outras. Que pensar cando che falan mirando prós pés, e non prá cara?

Etiquetas:

24.4.08

perseguidores e perseguidos

22 anos, case 23, e aínda non consigo que moita xente maior -galegofalante- se dirixa a min en galego. Fano en español, a lingua que lles aprenderon a usar pra ir ao médico, arregrar papeis ao notario, ou pra falarlle aos netos. Non o fan pensando en todo o que significa, non o fan pensando, sequera, sáelles automático. E só cando xa levas un bo cacho falando, salta algo no seu cerebro e voltan á lingua que lles é natural.
Este fenómeno non é exclusivo do galego. O profesor Matala, do que xa falei nalgunha ocasión, explicaba que a primeira colonización, a máis forte e perigosa e nai de todas as demais, era a lingüistica.
Para min, que non son lingüista e descoñezo as etapas de tal fenómeno, hai unha característica desta colonización (que ademais de idiomática é, pois, identitaria) que me parece a máis terrible de todas: o autoodio. O autoodio supón pensar que o que vén de fóra é moito mellor, e o de dentro ha quedar relegado ao pé do lume, ao uso doméstico e canto máis ao rural, mellor.


Hai máis ou menos un ano, se mal non lembro, estreábase Linguas cruzadas. Os españolfalantes do documental amosaban a súa admiración por aqueles que usaban o galego como vehículo. A miña experiencia persoal dime que non todo o mundo é así. Non se me borra da cabeza o rapaz aquel que un sábado pola noite, á saída dunha discoteca, me preguntou con desprezo por que falaba galego, se é que non sabía falar en castelán. No subconsciente de gran parte da poboación segue esta premisa do autoodio, de identificar o galego coa ignorancia, co non-saber, e o español coa lingua da cultura.
Así é, señores, non lles estou a falar de anécdotas do franquismo, de cando lles pegaban aos nosos pais por falar o español con seseo e gheada. Falo de min, nacida no 1985, a quen no seu primeiro día de prácticas nun xornal lle dixeron: oye, la próxima vez procura no escribir en gallego. Despois chegar a un medio público e poder facer novas no idioma no que falo, iso foi o paraíso. Non tanto falar cos compañeiros, porque tamén nos medios públicos e monolingües, o número de traballadores que falaban galego cos que topei resultou ser moi baixo.

GB e maila persecución
Sigo dende hai tempo as andainas de Galicia Bilingüe, pero sorpréndeme agora toda a polémica que se está levantando arredor da persecución lingüística do español. Parece que o gato e mailo rato cambiaron os papeis. Pregúntome de que persecución lingüística falan estas persoas. Non fai falla botar unha ollada ao que nos rodea pra ver que todo está en español: os medios de comunicación, os carteis, a educación. Falan do ensino. De que ensino están a falar? No meu instituto só daban clase en galego as profesoras de galego, e máis un de educación física. Falo de Marín, non dun instituto de Valladolid
Algunhas amigas que teño, españolas e monolingües, sorprendíanse cando me escoitaron dicir que fun unha privilexiada, porque Xornalismo é unha das poucas titulacións que hai no sistema galego onde tiven a meirande parte das materias na miña lingua. Míranme horrorizadas preguntando se non hai posibilidade de estudiar a carreira en español. E despois esgrimen argumentos do tipo de: a finalidade é comunicarse, e se tes que cambiar de idioma, cambias e xa está, que falar español non é tan malo. Ante esto, algo moito máis sinxelo: por que cambiar de idioma se a persoa que teño diante non amosa ningún tipo de interés por entender a miña lingua, nin por facer sentirse cómodo a un falante no seu propio idioma?
Haberá a quen lle poia parecer unha posición radical, seguramente. Non serei eu quen critique aos que falan español por facilitarlle a comprensión aos de fóra. Se non fose así, non coñecería a xente tan interesante no país dos vascos. Nunha ocasión atopei a unha rapaza euskaldune, que comezou a falarme en galego. Ademais, vivía en Catalunya, e estaba a aprender o catalán. Ninguén pode falar de liberdades lingüísticas diante de xente que fai tantos esforzos por comunicarse cos demais en cadanseus idiomas. Gustaríame saber cantas linguas coñecen aqueles que falan da persecución do español no estado.
Pero no caso que nos ocupa falamos dos de dentro, dos que naceron na terra, pero renegan do galego, que disque se senten perseguidos. Como dicía hai pouco Moreno Cabrera, o problema non é dos bilingúes, senón dos monolingües. Por que non falar galego, se é a lingua dos meus pais, dos meus avós, bisavós, e así ate perder a conta? Por que prohibirme utilizala en todos os ámbitos da miña vida, nos que está pleno o español? O perigo non se ve porque retroceda este último, senón porque avanza o galego. E iso produce, quizais, un medo. Un medo a ver tremer unha identidade cimentada sobre a supremacía lingüística, social e cultural sobre o outro, o diferente, con todo o pouso que isto foi deixando ao longo de xeracións. O ascenso do español para evitar que o galego, coa súa cruz de prexuízos enriba do lombo, se normalizase. Para uniformizar, ao máis puro estilo colonizador do século XIX.
Se o galego estivese na situación na que agora se atopan linguas coma o popoluca ou o baré, en territorio latinoamericano, non habería estas discusións, porque todos os españolfalantes pensarían que hai que defender os dereitos dos pobriños indíxenas. Como do que se fala é de que ter os mesmos dereitos, de achegar o galego a todos os eidos da vida, pública e privada, é cando aparece o medo.
Se o que queren é convertirse nunha minoría dentro do contexto galego, señores castellanoparlantes, vaian buscando outros argumentos. Porque aquí ninguén lles cre que o galego sexa o perseguidor de nada. Non nos queiran facer pensar que Patiño debuxou O home que falaba vegliota pensando en vostedes.
Para os galego parlantes, buscar a igualdade entre ambas liguas é, hoxe por hoxe, camiñar cara a unha utopía.

Etiquetas: , ,

23.4.08

natureza

Ando fascinada, dende hai xa algún tempo, polo ben que fai a natureza as cousas. Todo medido, todo controlado, os prazos, as etapas. Pero ás veces dáme rabia... porque teño que agardar aínda dous meses máis pra coñecer a Polgariño???


{nota: feliz día do libro a tod@s}

Etiquetas:

21.4.08

poucas razóns

o domingo atopei poucas razóns pra marchar e moitas pra quedar no mar e mais na pedra
as miñas primeiras patadas, os agasallos sen punto final, os poetas non poetas e mais morey, os bilbaínos majos dos que apenas quedo co nome, o café nun bar de estrada, o tesouro que por fin quixo vir comigo, e unhas ganas tremendas de voltar, unha semana, un mes, que sei eu, o tempo suficiente pra poder despiollarme desta sensación de non ter asimilado, aínda, que xa non vivo na pedra

Etiquetas:

14.4.08

veña, tod@s a ler

proxecto identidade, xa na regueifa

Etiquetas:

atrapada


entre webs e máis webs que falan de cousas que me interesan
(pero non así)
ganas de rematar
unha semana máis
e volvo ao ataque

Etiquetas:

12.4.08

zagardotegia


podo dicir con seguridade que nunca probei unha carne tan tan tan boa, nin antes me gustara a sidra. que ía moito tempo que non o pasaba tan ben, que non bailaba tanto. aprendín a dicir zazpira (iso, iso, ponme do barril sete) e oso ondo con cara de: guau. descubrín que comer de pé tamén é un pracer. aínda que remate a temporada, volverei a unha zagardotegia, e a de astigarraga ten todas as papeletas de gañar. que fantástico é o país dos vascos!!!

(e ademais, ración dobre de txalaparta en illa peixe, e festa da percusión ao aire libre. que máis se pode pedir a unha fin de semana cargada de traballo académico?)

Etiquetas:

9.4.08

mañá

mañá irei ao sitio ese do que nin sequera sei o nome. alí aparecerás ti, e falareiche da enerxía mareomotríz, e do khmer, e de xogar a ser parte de organismos internacionais, e do viaxe que algún día farei no transiberiano. e mentres ti tremerás co frío porque chove e é noite, pero tentarás disimular pra parecer máis forte e pensarás que nada do que digo ten sentido, porque en realidade nada do que digo ten importancia e despois tomarasme a febre, nada, unhas décimas que fan delirar, e pedirasme que debuxe cun garabullo as pingas de auga que choven do ceo
sorrirei e só así saberás que falo a túa lingua
e non precisaremos nada máis



de lonxe soará unha serea

Etiquetas:

7.4.08

escoito a canción para pechar o ruta mentres repaso que foi do ano pasado. síntome triste
que duro é ir deixando atrás

cando menos me agardedes, fago unha escapada. e pechamos o ruta


(na imaxe, unha foto do avante, que do ruta non tiña ningunha potable)

Etiquetas:

6.4.08

leccións de suxo capitalismo

(ou de como ser hipócrita ata o extremo e que ninguén se decate)
ando estes días a voltas cun traballiño sobre as enerxías renovables en bolivia. de todo o que levo lido quedo cunha idea: os estados occidentais están interesados en fomentar as enerxías limpas en bolivia. moi ben, perfecto, que xenerosos, que invistan os recursos de cooperación nisto. o sorprendente é que cando un comeza a fixarse, decátase de que existen dúas liñas básicas de traballo para o goberno bolivia (con especial incidencia no primeiro):
  • reducción de emisións de CO2
  • implementación de proxectos de enerxías limpas
por que especial incidencia no primeiro? por algo moi claro: cantas menos emisións, máis vendas no comercio de dereitos de emisión. compensa que o norte invista en que o sur emita menos, para que o norte merque os dereitos e poida contaminar máis. aquí teñen unha lección de cinismo fantástica

parte positiva da cuestión: os cartos que os países do sur gañan pola venda de dereitos de emisión só poden ser utilizados en enerxías limpas. o norte cada vez máis dependente, o sur... camiñando no sentido correcto?

(se hai na sala algún enxeñeiro ou un sei-de-todo-un-pouco, que me corrixa se é preciso)

imaxe sacada d'aquí

Etiquetas:

5.4.08

é terrible ter que ficar na casa traballando mentres van estes días de calor. acumúlanse as cousas da clase cos plans para o verán. as posibilidades redúcense na mesma proporción que o orzamento, mais din que soñar non custa cartos. así que aquí me teñen, concentrada en buscar financiadores vacacionais no canto de pensar nas necesidades de formación en enexía en bolivia. que cousas...

Etiquetas: ,

2.4.08

II.

Na clase saen só tres ideas de por que non se xeraliza o uso de SwL
  • Desconfianza do que se colle de balde: "o barato sae caro"
  • Comodidade e lacazanería: por que vou cambiar se teño este sistema que me funciona máis ou menos ben?
  • Reticencias ao descoñecido: "é moi complicado, non podería entendelo"

Alguén ten algunha outra teoría?

Etiquetas:

I.

DH vs CE

Saber ler. Saber ler e escribir. Que os teus fillos e fillas poidan ir á escola -por igual-, á universidade. Que poidan ir ao médico e medrar sás.
Ter un traballo digno. Que os teus veciños tamén o teñan. Durmir cada noite sabendo que mañá vas comer. Que chegarás a vello dignamente, -que a natureza que te arrodea vai seguir igual de viva pra entón-.
Que o teu país medre na súa riqueza de linguas, de etnias, de relixións. De tradicións e costumes.
Aspirar a que non exista un equilibrio nesa balanza e o que máis pese, o que realmente importe, sexan as persoas. Que a diferencia de ingresos non sexa unha fenda na calidade de vida. Que os cartos só sexan unha das moitas vías pra acadar o desenvolvemento humano


(sobra dicir que ese cutre deseño é cousa miña, e que parece que a xente sente arrepíos de presentar algo en clase alén do frío ton dos informes)

Etiquetas: ,

31.3.08

ausencias


estudiar a túa xeografía cos beizos. cando non estás, xogar á autarquía do propio corpo




(rematado o xogo, xa podo dicir que eu fun esta, esta e mais esta. fotografía de base feita por c.)

Etiquetas: ,

29.3.08

do sáhara vii

que foi da retina no deserto, que só queda dicir unha cousa

vou voltar



Etiquetas:

do sáhara vi


e aprendín a berrar sahara hura

Etiquetas:

do sáhara v


que podemos facer? que está na nosa man?


Etiquetas:

28.3.08

do sáhara iv

as mulleres: a alma dos campamentos
as que primeiro se erguen, e se deitan máis tarde. as que fan a casa, crían os nenos, administran os recursos. as que máis sorrín, as que máis cantan, as que máis traballan. as que levan nas costas o peso do deserto, da guerra, da pobreza
sen as mulleres, vivir alí sería imposible. impensable

Etiquetas:

27.3.08

do sahara iii


non estou aquí pra dar leccións, pra adoutrinar. non sei facelo, non teño dereito, nin armas pra facelo. non quero que teñades esa impresión. só quero dicir aprendín, e quero dicir axuda, e quero dicir queda moito camiño por percorrer, a min como individuo, a min como parte dunha comunidade.
entón digo: ide, ide e comprobade. mirade os ollos dos nenos que nunca miraron a súa terra, que quizais estean medrando para a guerra. dicídelle paz ao xurista que traballa nunha chatarrería, ao enxeñeiro que xa esquenceu todo canto sabía. á muller á que a guerra deixou viúva, orfos os fillos.

se credes que quero dar leccións, que pouco entendedes

Etiquetas:

26.3.08

do sáhara ii


trouxen os ollos cheos de area do deserto. máis limpos do que os levei.
aprendín a aprender en silencio. a mirar por dentro. admirei todo o que se pode conseguir con vontade. a tristura de quen o deixa todo por unha causa. de quen non é de ningures.
descubrín que o deserto está cheo de cores e sons marabillosos

Etiquetas:

25.3.08

do sáhara i


aprendín a dicir sahara hura e a admirar a súa dignidade como pobo nada máis chegar. piden só unha cousa: que lles deixen voltar á súa terra. e levan a cabeza ben alta e saben dar, dar todo o que teñen. cambiar a vida dos que os coñecen.
amei o deserto e descubrín que tiñan moito máis que darme do que eu a eles. abrín todos os poros e deixeime levar polas súas voces

(na imaxe, primeira vista de Tifariti, no campamento de refuxiados saharaui de Tinduf, Arxelia)

Etiquetas:

16.3.08

días de deserto

Levamos en total uns setenta quilos de cousas. As nosas favoritas son os lápises de cores, e tamén eses que din "eu escribo en galego". Lápises pra debuxar ilusións.
Marchamos pra vivir sete días fóra do mundo, fóra do mundo que nos é habitual. Unha oportunidade que non podiamos deixar fuxir. Din que seica cando lle colles o gusto a marchar, non che sae da cabeza. Por iso será que somos un pobo de emigrantes.

E levo mil cousas na cabeza: a historia de Solá, os mil plans pró vrao, o propósito de aprender unha canción, de ler, de grabar, de observar, sobretodo observar

Ata o luns que vén, que teñan unha boa semana!

Etiquetas: ,

14.3.08

SwL e demais


recibo resposta do correo que lle enviei en menos de dúas horas. persoas como javier solá fan que o terrible mundo da cooperación teña sentido. que merece a pena esforzarse por cambiar as cousas

-----

(volvo a coller con forza as ganas por un traballo ao que non lle miraba o sentido. e máis forza aínda despois de visitalos esta tarde)

(imaxe sacada d'aquí)

Etiquetas: ,

13.3.08

cinco días por semana

tirado da axenda pró xoves:

  • 8.10 - erguerme, almorzar
  • 8.40 - saír da casa pra coller o metro a deusto
  • 9.00 - clase de inglés
  • 10.45 - coller o metro, volver á casa a agardar ao repartidor que trae un paquete
  • 11.00 - ir a voluntariear
  • 14.00 - xantar (comida xa feita de onte)
  • 14.30 - conectarme pra rematar un traballo a entregar o venres
  • 15.30 - saír da casa pra coller o bus, aproveitar pra ler material da clase
  • 16.30 - clase de poboación e políticas públicas
  • 18.00 - no descanso, ir a botar un ollo aos chicos do máster de rr.ii
  • 19.45 - coller o bus de volta á casa, aproveitando a viaxe pra discutir a hipótese do proxecto
  • 20.45 - ir correr
  • 21.30 - ducharme, cear algo
  • 22.00 - facer as tarefas do curso virtual
  • 00.30 - descanso pra vaguear pola rede
  • 02.00 - ir durmir, tardar en durmir alomenos unha hora (o meu cerebro xa non coñece o modo off)

os mellores momentos do día: facer o parvo no descanso da clase, desconectar correndo polo paseo da ría. mandarnos notas cando non mira o profesor se a clase é aburrida. debuxar ollos nas follas dos que sentan ao meu lado

o mellor da semana: non ter nin un chisco de tempo pra pensar que o domingo andarei camiño a madrí, que o luns estarei noutro continente, noutro mundo

Etiquetas: ,

10.3.08

post-electoral

vou a aforrar análises post-electorais, e tamén comentarios do que me parece este terrible bipartidismo. recomendo pasar pola casa ghanito e reflexionar sobre o que el escribe, tan acertado. de todo o que se publicou en todos os lados, que cadaquén tire as conclusións que lle parezan axeitadas. creo que non me quedan palabras despois de discutilo tanto, e xa creo que non é suficiente aquilo de: polo menos non gañou rajoy
pode que sexa, quizais, que perdemos un pouco todos

(imaxe sacada d'aquí, que cousas!)

Etiquetas: