26.5.09

homenaxe poética

está o ceo tan límpido esta noite, amor. mira estes pobres óculos, tan fráxiles e perdidos. quixera ser unha desas nenas tísicas antes do mencer e que me colleras nos teus brazos con esa enérxica vontade de querer. ódiote ou ámote, poderías dicirme, e soaría doce e prístino. sábesme a versos endecasílabos e a casa dos avós. res dun vendaval nado nalgún pentagrama telúrico, eres a vianda florida da merenda dunha estirpe de sílfides. atávico na memoria de cada unha delas

ouh, bícame, estrábicos os teus dentes, estrábicas as túas pernas e os teus brazos, e tamén estrábico o teu embigo cosido con teas de presos incívicos en cárceres de papel mollado. maldita civilización, meu ben, que non comprende que nos poidamos amar tanto...

báilame as augas das nove ondas do san xoán, quero ser a túa apócema máxica, o teu tráxico final, o comezo de todos os males e de todas os desexos que poidas ter de aquí ate a apocalipse

abóndame con saber que estarás aí cando apunte o sol. cégame con anxos galácticos que saiban ler raios nas cartas astrolóxicas, con fórmulas da física e da química que ninguén máis ca nós poida descifrar. inventa unha lingua pra nós, afastada dos estúpidos místicos que non cren que poida existir nada alén do escuro e do triste. lene, quero que me peteires pola pel toda. mídeme por riba e por baixo do saio, astrónomo de monóculos invisibles. asasíname con caleidoscopios de follos de amieiro, tatúame o teu nome con calígrafos seculares. podo ser a un tempo foránea e autóctona do teu país

mátame. quero sentir o exército das túas unllas. unha miríade de escarabellos agonizando aos nosos pés. convirte este nome mol na máis fermosa das esdrúxulas

(inspirada nunha tarde de xogos de palabras e nun comentario d'o demo, e adicada a todos os devecen por ler poetas de palabras esdrúxulas. que nunca nos falte humor pra rirnos de nós mesmos e do país que nos tocou vivir)


(se queren algo bo de verdade, escoiten isto ;)

25.5.09

hai cousas que pasan e outras que non. pasan cousas como o día da toalha ou ter que enviar papeis e máis papeis por correo ou que che fagan unha enquisa para a universidade. hai outras que non acontecen. como camiñar e atopalo de súpeto nun lugar calquera. que estea, iso é o que non pasa
e tampouco pasa que cambie nada. xa non entendo as estratexias políticas nin as da xente do común que pasa polo meu lado. ser unha cifra máis do señor presidente, que diso ninguén fala porque non lle importa a ninguén
leo libros que non me interesan o máis mínimo e deixo pasar as horas de vagar. comezo a entender iso de que o tempo é unha creación humana

(e será certo que non queda outra que sacar ganas de rir das cousas que nos pasan. e das que non)

23.5.09

apática é esdrúxula. como límpido. como atávico. como telúrico

22.5.09

non sei se vou ou se veño (se quero ir ou vir)

11.5.09

correlengua

non tería sentido enfadarse polo artigo de BV na voz do domingo a estas alturas. pero é que o tema xa fede. e a palabra correlengua tamén. a última vez que estiven en bilbao falaba do tema con a. contábame que por todo o país dos vascos faise unha carreira pola lingua. incluso podes mercar, simbólicamente, un metro do camiño. no meu país este tipo de actividades nunca moven a tanta xente, dicíalle eu. e non foi de todo verdade porque a cifra de participación do correlingua non me pareceu nada desdeñable
tal e como están as cousas, ir a unha manifestación como a do domingo é case obrigado. (coma sempre aquí, é cuestión de botar, ou alomenos de facerse oir un pouco)

4.5.09

alfaias

admito que canto máis escoito máis me gusta



oficialmente declarada (unha vez máis) fan incondicional de fanny+alexander