26.5.09

homenaxe poética

está o ceo tan límpido esta noite, amor. mira estes pobres óculos, tan fráxiles e perdidos. quixera ser unha desas nenas tísicas antes do mencer e que me colleras nos teus brazos con esa enérxica vontade de querer. ódiote ou ámote, poderías dicirme, e soaría doce e prístino. sábesme a versos endecasílabos e a casa dos avós. res dun vendaval nado nalgún pentagrama telúrico, eres a vianda florida da merenda dunha estirpe de sílfides. atávico na memoria de cada unha delas

ouh, bícame, estrábicos os teus dentes, estrábicas as túas pernas e os teus brazos, e tamén estrábico o teu embigo cosido con teas de presos incívicos en cárceres de papel mollado. maldita civilización, meu ben, que non comprende que nos poidamos amar tanto...

báilame as augas das nove ondas do san xoán, quero ser a túa apócema máxica, o teu tráxico final, o comezo de todos os males e de todas os desexos que poidas ter de aquí ate a apocalipse

abóndame con saber que estarás aí cando apunte o sol. cégame con anxos galácticos que saiban ler raios nas cartas astrolóxicas, con fórmulas da física e da química que ninguén máis ca nós poida descifrar. inventa unha lingua pra nós, afastada dos estúpidos místicos que non cren que poida existir nada alén do escuro e do triste. lene, quero que me peteires pola pel toda. mídeme por riba e por baixo do saio, astrónomo de monóculos invisibles. asasíname con caleidoscopios de follos de amieiro, tatúame o teu nome con calígrafos seculares. podo ser a un tempo foránea e autóctona do teu país

mátame. quero sentir o exército das túas unllas. unha miríade de escarabellos agonizando aos nosos pés. convirte este nome mol na máis fermosa das esdrúxulas

(inspirada nunha tarde de xogos de palabras e nun comentario d'o demo, e adicada a todos os devecen por ler poetas de palabras esdrúxulas. que nunca nos falte humor pra rirnos de nós mesmos e do país que nos tocou vivir)


(se queren algo bo de verdade, escoiten isto ;)

25.5.09

hai cousas que pasan e outras que non. pasan cousas como o día da toalha ou ter que enviar papeis e máis papeis por correo ou que che fagan unha enquisa para a universidade. hai outras que non acontecen. como camiñar e atopalo de súpeto nun lugar calquera. que estea, iso é o que non pasa
e tampouco pasa que cambie nada. xa non entendo as estratexias políticas nin as da xente do común que pasa polo meu lado. ser unha cifra máis do señor presidente, que diso ninguén fala porque non lle importa a ninguén
leo libros que non me interesan o máis mínimo e deixo pasar as horas de vagar. comezo a entender iso de que o tempo é unha creación humana

(e será certo que non queda outra que sacar ganas de rir das cousas que nos pasan. e das que non)

23.5.09

apática é esdrúxula. como límpido. como atávico. como telúrico

22.5.09

non sei se vou ou se veño (se quero ir ou vir)

11.5.09

correlengua

non tería sentido enfadarse polo artigo de BV na voz do domingo a estas alturas. pero é que o tema xa fede. e a palabra correlengua tamén. a última vez que estiven en bilbao falaba do tema con a. contábame que por todo o país dos vascos faise unha carreira pola lingua. incluso podes mercar, simbólicamente, un metro do camiño. no meu país este tipo de actividades nunca moven a tanta xente, dicíalle eu. e non foi de todo verdade porque a cifra de participación do correlingua non me pareceu nada desdeñable
tal e como están as cousas, ir a unha manifestación como a do domingo é case obrigado. (coma sempre aquí, é cuestión de botar, ou alomenos de facerse oir un pouco)

4.5.09

alfaias

admito que canto máis escoito máis me gusta



oficialmente declarada (unha vez máis) fan incondicional de fanny+alexander

29.4.09

abril


primeiro foron os axóuxeres e o pumpún - abreaporta - quenseráserá. despois viñeron as recaídas de saúde (quizais fosen antes tamén). mercar algo pra ler (sempre chegando tarde a todo), despedirse de novo, facer ao ego medrar un pouquiño só pra compensar as recaídas. pasan tan poucas cousas que xa nin son quen de lembralas. só que maio non dá chegado, e con el os días de sorrir. que pode que este ano o meu aniversario se celebre no norte, por cambiar un pouco. e unha vez máis, botarei de menos, cando chegue

21.4.09

e triste,

hai días nos que, pensas, nada pode alegrarte. a tristura sae de moi adentro, saibas o motivo ou non. despois chegan pequenas cousas que che arrincan un sorriso. pequeno, primeiro, e despois amplo. ate fai que te olvides das cousas malas. e agradécense tantísimo...

en dez días...

é inevitable que un enterro obrigue a facer un alto pra reflexionar, incluso se a morte se considera unha realidade máis que afastada. que aínda soan as campás no silencio imposible do camposanto e a cara dos aló presentes, pálidos, cos ollos terriblemente inchados de chorar
as malas novas, aínda que non toquen de cerca, consiguen nubrar grandes alegrías (e é que gardo un segredo, á espera de que a miña cabeza comece a afacerse a el antes de poder contalo)

e despois rematar un libro do que non disfrutei nada, pero que me lembrou de xeito recurrente a unha persoa que coñecín hai uns meses. comezar a buscar cursos e ocupacións varias, darme ao sano pracer da lectura sen presións de ningún tipo, e deixar á cabeza vagar entre recreacións ficticias do que serán os próximos meses.

(e hai xa tempo que non son quen de escribir unha soa liña ao dereito, e non sei por que)

10.4.09

londres (vii e fin)


durmir só dúas de cinco noites, viaxar mil e unha horas. ter dor no pé, e un nocello tamaño paquidermo. despedir a gran cidade entre triste e cansa, e volver a onde sempre dun humor estupendo. volver a onda sempre con todos os quilómetros que supón moverse no perímetro de onda sempre
deixar que chova, vente ou asome o sol por tras da fiestra. pensar que facer nos próximos días. dirixir os soños pola noite pra que vaian aparecendo quen quero que aparezan. poñer o pé en alto

4.4.09

londres (vi)

amor eterno a quen (alomenos) tente entender(me)


e un bico


(mañá despido a cidade)

2.4.09

londres (v)

os helicopteros sobrevoan o ceo gris da cidade. tres coches e mais un furgon de policia arriban unha praza pra deter a un rapaz por un unico pecado cometido, bailar entre a xente alleo a sua presencia. os xornais falan de anarquia e vandalismo, combinandoo con fotos de gobernantes que sorrin antes de recepcions reais e festas nas que van debatir sobre unha crise que non lles afecta.
falo de tradicions e de canto cambiou todo nos ultimos trinta anos. debuxo moito, debuxos coma borranchos negros e fotografo so as veces. desfruto das estacions de metro abandonadas de media tarde. durmo a sesta baixo o sol, escoito musica en directo e esquezo as fotos que deberan acompanhar todos estes textos
vou mercar unha revista e atopo traducions de maria do cebreiro ao gales e mailo ingles. lembro polas tardes a moita xente da que hai tempo que non sei nada. falo soa por parques solitarios. devoro un libro que me fai escorar a cada linha
os tiles perdinos. e non sei onde
(e coma sempre, boto de menos. moitas cousas)

30.3.09

londres (iv)

(tirado da caixa de correo electrónico)

onte ía sol en brighton. paseei ao longo dunha praia de pedras e mirei os carruseis funcionando pegados ao mar. comin nuddles nun banco. despois estiven hora e media nun tren, media no metro e outra media nun bus. e cando cheguei a casa a. tiña sushi pra cear e eu mercara muffins de chocolate polo camiño. e fixen os deberes e durmín unha chea e pensei na volta e no de escoitar ae no ordenador dunha canaria e no que ha acontecer de aquí nun mes, tan decisivo para tanto tempo que nos vén por diante, e no axiña que pasa todo ás veces. pensei de buscar traballo, quizais, en acougar uns meses antes de emrender unha viaxe que quizais se faga longa de máis.

hox comin en trafalgar square, tentando fuxir da ollada das pombas. comín cuquis, lin a vaneigem e vin tremer os cimentos sobre os que se sostén a miña cabeza. fixen plans que probablemente nunca serán realidá. desfruto do sol e tremo de emoción coa idea de que o pequecho xa ande cando eu estea aí

28.3.09

londres (iii)

quero que alguén me conte o conto das cidades imposibles


mentres, paseo pola zona das putas, merco libros infantís, apuro o paso abrigándome do frío, como xelados e cuquis e fico fascinada co axiña que pasan os días


esta nunca podería ser unha cidade imposible. mais tampouco está tan mal

25.3.09

londres (ii)

odiei a deshumanización do museo británico. non só o espolio do patrimonio alleo, ate dos mortos alleos, senón tamén, e quizais máis, a humillación, a ridiculización amosada como cultura


(a cambio, pra arrincarme un sorriso, un deseñador xaponés criticou o meu estilo vestindo. e non saín tan mal parada. cousas das grandes urbes)

23.3.09

londres (i)

camiñar todo o día ten o encanto de desfrutar dos escasos días de sol e da compaña de xente coa que facía tanto tempo que non paseabas

admirar o estilo libre da induentaria londinense pode ser tan asombroso coma un museo vivo. tamén a estética da cidade e a evolución dun propio nela


19.3.09

londres

enorme. linda por quen ma amosa. e a dificultade de atopar tiles neste teclado

non namorei dela polo de agora, mais quedan moitas horas

13.3.09

de illa en illa


a illa estaba preciosa de veras o mércores. á mañá gris sucedeuna unha tarde radiante. sentadas no embigo da cidade falamos dun milleiro de cousas e as horas pasaron axiña. tanto que deu mágoa marchar
di x que a quero tanto porque foi o meu último fogar. pode ser, mais non só iso
tamén a outra illa foi o meu fogar nos últimos meses, e por iso vou botala de menos tanto de aquí en diante
en menos dunha semana estarei no terceiro dos vértices que tanto foron no último ano. unha illa que nunca espertou demasiada curiosidade, pero que agarda sorrinte a que chegue

desculpen se tardo en dar sinais de vida

10.3.09

cuarenteoito horas: marín - pontevedra - donostia - bilbao - mungia - bilbao - pontevedra - compostela - pontevedra - marín

discursitos sobre mobilidade aparte. cúmulo de estrés ou algo así

5.3.09

rabia pos-pos-eletoral

cansei dos discursitos sobre a mobilidade do suxeito posmoderno, sobre o consumo de experiencias. cansei de chinis e de coches de fabricación viguesa e francesa e do quintoinferno. cansei dos discursos de patxi lópez e de que agora, de súpeto, o psoe e o pp sexan máis vascos que o irrintzi. cansei de que me pregunten cada dous minutos que a que me dedico, que que é da miña vida. cansei de que os voos sexan tan caros xusto cando quero collelos e que a administración vaia tan terriblemente lenta


(cansei de que as elecións me teñan tan irascible. quero que os próximos catro anos pasen o máis axiña posible. en realidade dáme medo que comecen)

actualización do 06/03: vía chuza, fraude electoral e conclusións
cando menos, clarificador