17.11.09

última hora

metinme na cama de meus pais cando xa o padre casares ía rematando. era o segundo luns consecutivo. e non o fixera antes dende había tanto tempo que non fun quen de lembralo. debía de ser moi pequena. a semana anterior fora alí, aqueixada dunha dor no peito que non me deixaba durmir nin pensar nin case respirar. onte, había algo na miña cabeza que me producía ese mesmo efecto. despois subín ao meu cuarto e abrín o libro que levaba tantísimo tempo a buscar. dz. e debe de ser certo que as cousas aparecen cando deixas de andar na súa procura. nin coruña, nin compostela, nin pontevedra. no andel máis baixo da única librería que hai aquí, apareceu, mentres escollía un volume para m, que ten saudades de ler en galego
como non podía ser doutro xeito, as vésperas da viaxe saldáranse cunha sorpresa desagradable. porque cada vez que vou marchar pasa algo. e desta pasou que perdín toda a miña memoria dixital. e o que sentín foi perder a miña propia memoria. a da cabeza. asumido que preocuparse e laiarse non vale de moito, tento deixar a tristura ao tempo que deixo quilómetros atrás. a tristura son os pequenos, que non poden entender que marcho por moito tempo. os seus ollos grandes coma mundos. a tristura é sacar unha por unha as fotos que colgan das paredes. os beixos aínda quentiños na cara. pecho unha fietra, abro outra. outro aire. outra paisaxe. unha memoria nova, baleira. que encher e traervos, de aquí nun ano

Sem comentários: