24.4.08

perseguidores e perseguidos

22 anos, case 23, e aínda non consigo que moita xente maior -galegofalante- se dirixa a min en galego. Fano en español, a lingua que lles aprenderon a usar pra ir ao médico, arregrar papeis ao notario, ou pra falarlle aos netos. Non o fan pensando en todo o que significa, non o fan pensando, sequera, sáelles automático. E só cando xa levas un bo cacho falando, salta algo no seu cerebro e voltan á lingua que lles é natural.
Este fenómeno non é exclusivo do galego. O profesor Matala, do que xa falei nalgunha ocasión, explicaba que a primeira colonización, a máis forte e perigosa e nai de todas as demais, era a lingüistica.
Para min, que non son lingüista e descoñezo as etapas de tal fenómeno, hai unha característica desta colonización (que ademais de idiomática é, pois, identitaria) que me parece a máis terrible de todas: o autoodio. O autoodio supón pensar que o que vén de fóra é moito mellor, e o de dentro ha quedar relegado ao pé do lume, ao uso doméstico e canto máis ao rural, mellor.


Hai máis ou menos un ano, se mal non lembro, estreábase Linguas cruzadas. Os españolfalantes do documental amosaban a súa admiración por aqueles que usaban o galego como vehículo. A miña experiencia persoal dime que non todo o mundo é así. Non se me borra da cabeza o rapaz aquel que un sábado pola noite, á saída dunha discoteca, me preguntou con desprezo por que falaba galego, se é que non sabía falar en castelán. No subconsciente de gran parte da poboación segue esta premisa do autoodio, de identificar o galego coa ignorancia, co non-saber, e o español coa lingua da cultura.
Así é, señores, non lles estou a falar de anécdotas do franquismo, de cando lles pegaban aos nosos pais por falar o español con seseo e gheada. Falo de min, nacida no 1985, a quen no seu primeiro día de prácticas nun xornal lle dixeron: oye, la próxima vez procura no escribir en gallego. Despois chegar a un medio público e poder facer novas no idioma no que falo, iso foi o paraíso. Non tanto falar cos compañeiros, porque tamén nos medios públicos e monolingües, o número de traballadores que falaban galego cos que topei resultou ser moi baixo.

GB e maila persecución
Sigo dende hai tempo as andainas de Galicia Bilingüe, pero sorpréndeme agora toda a polémica que se está levantando arredor da persecución lingüística do español. Parece que o gato e mailo rato cambiaron os papeis. Pregúntome de que persecución lingüística falan estas persoas. Non fai falla botar unha ollada ao que nos rodea pra ver que todo está en español: os medios de comunicación, os carteis, a educación. Falan do ensino. De que ensino están a falar? No meu instituto só daban clase en galego as profesoras de galego, e máis un de educación física. Falo de Marín, non dun instituto de Valladolid
Algunhas amigas que teño, españolas e monolingües, sorprendíanse cando me escoitaron dicir que fun unha privilexiada, porque Xornalismo é unha das poucas titulacións que hai no sistema galego onde tiven a meirande parte das materias na miña lingua. Míranme horrorizadas preguntando se non hai posibilidade de estudiar a carreira en español. E despois esgrimen argumentos do tipo de: a finalidade é comunicarse, e se tes que cambiar de idioma, cambias e xa está, que falar español non é tan malo. Ante esto, algo moito máis sinxelo: por que cambiar de idioma se a persoa que teño diante non amosa ningún tipo de interés por entender a miña lingua, nin por facer sentirse cómodo a un falante no seu propio idioma?
Haberá a quen lle poia parecer unha posición radical, seguramente. Non serei eu quen critique aos que falan español por facilitarlle a comprensión aos de fóra. Se non fose así, non coñecería a xente tan interesante no país dos vascos. Nunha ocasión atopei a unha rapaza euskaldune, que comezou a falarme en galego. Ademais, vivía en Catalunya, e estaba a aprender o catalán. Ninguén pode falar de liberdades lingüísticas diante de xente que fai tantos esforzos por comunicarse cos demais en cadanseus idiomas. Gustaríame saber cantas linguas coñecen aqueles que falan da persecución do español no estado.
Pero no caso que nos ocupa falamos dos de dentro, dos que naceron na terra, pero renegan do galego, que disque se senten perseguidos. Como dicía hai pouco Moreno Cabrera, o problema non é dos bilingúes, senón dos monolingües. Por que non falar galego, se é a lingua dos meus pais, dos meus avós, bisavós, e así ate perder a conta? Por que prohibirme utilizala en todos os ámbitos da miña vida, nos que está pleno o español? O perigo non se ve porque retroceda este último, senón porque avanza o galego. E iso produce, quizais, un medo. Un medo a ver tremer unha identidade cimentada sobre a supremacía lingüística, social e cultural sobre o outro, o diferente, con todo o pouso que isto foi deixando ao longo de xeracións. O ascenso do español para evitar que o galego, coa súa cruz de prexuízos enriba do lombo, se normalizase. Para uniformizar, ao máis puro estilo colonizador do século XIX.
Se o galego estivese na situación na que agora se atopan linguas coma o popoluca ou o baré, en territorio latinoamericano, non habería estas discusións, porque todos os españolfalantes pensarían que hai que defender os dereitos dos pobriños indíxenas. Como do que se fala é de que ter os mesmos dereitos, de achegar o galego a todos os eidos da vida, pública e privada, é cando aparece o medo.
Se o que queren é convertirse nunha minoría dentro do contexto galego, señores castellanoparlantes, vaian buscando outros argumentos. Porque aquí ninguén lles cre que o galego sexa o perseguidor de nada. Non nos queiran facer pensar que Patiño debuxou O home que falaba vegliota pensando en vostedes.
Para os galego parlantes, buscar a igualdade entre ambas liguas é, hoxe por hoxe, camiñar cara a unha utopía.

15 comentários:

Cesare disse...

correcto, pero o home que falaba vegliota era de Patiño, non de Seoane, ;)

oko disse...

Corrixido!!!
que vergonza, ese erro a estas alturas da vida... :(

paideleo disse...

Mui boa defensa.

Outro de 1985 disse...

Ola, gustoume o teu escrito.

É unha mágoa que haiba tan poucos galegos que traballen pola nosa lingua e cultura.

Teremos que traballar o dobre -por eles- ata que se decaten de que o galego precisa de todos nós pra sobrevivir.

Un saúdo.

reineta disse...

pois si, a min tamén me parece que aínda hoxe se segue pensando chungo dos que falamos galego, de feito estou convencida que este vrau que pasou non me colleron nun posto de traballo por ser galegofalante... de todas maneiras... non saben máis!! en serio, a min paréceme que esa xente que ten actitudes negativas cara o noso idioma (que realmente me parece que non é tanta, outro conto é o uso) máis que odialos (e a min cústame non facelo, en serio) debemos ensinarlles todo isto que nos contaches, e axudalos ó cambio.

eu tm vin o doc de lgs cruzadas, e non sei se te lembras das rapazas que estaban de marcha pola coruña... esas de boa actitude, nada de nada, pura pose, eh? sobre todo unha morena de pelo atado (creo) que decía "pero nos encanta, eh, pero nos encanta" xD e outra... "vi a una familia hoy en el super hablando gallego y me encantó dije ole ole y ole" xDD pois ole miniña, ole

hai que ter máis ilusión da que se ten e habíase que organizar millor...

we, encantada de atoparche, un saudiño ^^

Anónimo disse...

Boas,

Publicamos o teu precioso artigo na CiberIrmandade.

http://www.ciberirmandade.org/sitio2007/content/view/517/1/

Espero que no che amole isto.

Unha grande aperta

Kiko das Leiras

Alex disse...

O que contas é certo.
As dificultades pra os galego-falantes som muitas e pra os neo-falantes ainda som mais.

Mr Tichborne disse...

Podemos falar horas dos ámbitos (profesionais, culturais, administrativos, cotiáns) nos que o galego é vedado e só podemos utilizar o castelán. Isto, en Galiza.
Agora, apuntemos os ámbitos e situacións nas que isto pasa á inversa. Chéganos un post-it por unha cara.
Perseguidos? Veña, vai. Sería unha piada caralluda, se moita xente non a tomase en serio.
Magnífico artigo.

Cruxens disse...

Moi ben!. Magnífico artigo.
Ghraçias

A rapaza do arco disse...

Encantoume a claridade coa que o explicache todo, non podo estar máis de acordo :)
A min o de Galicia Bilingüe parecíame (e paréceme) tan absurdo que pensei que ía pasar sen pena nin gloria e, ben, non digo que vaian conseguir nada máis que ruído pero aínda así agora comezo a preocuparme.
O caso é que os lemas e frases que repiten, a pesar de non estar sustentados por argumentos lóxicos , métenselle na cabeza á xente e fican alí como parásitos. O que me fixo chegar a esa conclusión foi escoitarlle a algúns galegofalantes, que nunca na vida empregaron o español máis que para chapurrear catro cousas, que lles impoñían o galego, a eles!!!!!!!!
Se iso non é reseteo de cerebro...
En fin, que tes todiña a razón do mundo no que dis do autoodio. Supoño que a ignorancia e a falta de interese tampouco axudan.

O Raposo disse...

Totalmemte dacordo e moi ben explicado.
Ademais, non é o castelán o que está en retroceso, é o galego que cada ano que pasa e falado por menos xente. Porque non é o mesmo saber galego, que falalo de forma cotián e natural. E destes últimos cada vez quedamos menos.
Apertas.

carrabouxo disse...

Ola:

Felicidades polo artigo, totalmente de acordo ca tua vision que e a vision de calquer persoa que convive dia a dia ca sua lingua nun ambiente hostil hacia esta. Vivir totalmente en galego en Galiza e imposible, mentras vivir en castelan e moi sinxelo. ¿Cal e a lingua dominante e a dominada? ¿realmente necesita esa proteccion que G.B. reclama hacia o castelan?

Urizen disse...

Deume moito que pensar, a pesares de que o lín tarde.

Trebellaba o outro día en que trala morte da miña avóa, quedei sen lugares onde poder conversar e ser conversado en galego de xeito natural.

E vou mudar iso. Aínda que sexa unicamente por iso, noraboa polo pensamento

oko disse...

moitas gracias a tod@s!!!
a verdade é que estou moi dacordo con todo o que dicides. ser galego en galego non é tan fácil como pensan aqueles que nos queren facer ser tiranos lingüisticamente
a igualdade, como xa dixen, unha realidade

Parada em Marin disse...

No les tengas en cuenta a los viejos que no te hablen en gallego.Fueron muchos los años en los que sufrieron vejaciones,humillaciones y cosas peores.¿Que todo eso es el pasado?.Pues no.Los viejos saben que los fascistas y hasta los caciques son los que mandan aún.No solo los nombres de las calles y de los hospitales se lo recuerdan.También los símbolos en las iglesias,los discursos de los curas,el hecho de que no les tengan en cuenta para nada,los actos vandálicos en sus fincas o el enchufismo en las empresas y en las administraciones.La justicia sigue existiendo solo para los más ricos y los pobres continúan igual de maltratados.Los fachas están.Tu crees que son unos pocos pero no es así.Esos pocos son los que no se esconden,pero la mayoría están ocultos en los partídos que se llaman democráticos(pero que nombran cargos importantes a dedo)Lo puedes ver en nuestra Casa do Mar donde los carteles son,en su mayoría en castellano y las campañas informativas en gallego están ocultas en la zona menos transitada,cuando la gran mayoría de los pacientes se expresan únicamente en gallego.Hay Bó Trato pero para los que hablan en castellano y el "timo" de que los extrangeros entienden mejor,presuponiendo que la humanidad nace entendiendo el castellano.Ya no te digo nada de lo de que los Chiki-fachas rompen los carteles escritos en gallego en la calle no vaya a ser que la gente se olvide de quien manda.
Los viejos miran para los balcones de los ayuntamientos y ven que la bandera impuesta por ley sigue siendo,con minimos cambios,la de los que asesinaron a miles de vecinos honrados(que también hablaban en gallego).
En las empresas se siguen chuleando los más analfabetos y los racistas "de hecho"(no los que lo dicen)porque tienen aún amplio margen de actuación gracias a sus "amistades" y a que nadie controla lo que hacen porque viven aún en el paraíso-facha donde se beneficia el sinvergüenza,no el trabajador.
Los viejos(y nosotros)seríamos realmente libres y se hablaría el idioma de Galicia si nos deshiciesemos de estos "carrachos" todos y que el pasado no estuviese tan presente.Libres,sin iglesia ni esclavistas,cómo casi consiguió el pueblo cuando votó por la República.Pero eso sí:"Non pidas a quen ás pasa negras que faga o traballo que é da xuventud".