17.6.10

635 (día 59+3)

cantas cousas estrañas nos acontecen ultimamente. exames ás presas, futbol, medias rotas. pásannos días de chuva que alternan escena con días de sol radiante. chamadas telefónicas que nos acusan de crear monstros e máis algunha despedida tinguida dun dramatismo que por momentos semella excesiva. libros de neuroloxía e poemas de passolini. saudades que asaltan a horas insospeitadas. ganas de facer a maleta e marchar
segredos que levo gardando xa tempo de máis, e que só teño ganas de berralos a todo o mundo

son tempos estraños. a miña cabeza está máis alén mar que aquí. o meu cerebro está máis aquí que alén mar. e ningún dos dous funciona como debera

preciso osíxeno e tranquilidade

14.6.10

killing moon

non sei se alguén che falara da lúa no parágrafo número seiscentos trinta e catro. importante porque todo comezara con lúa chea. e todo rematara con lúa chea tamén

decidimos que a solución era expulsar todo o mercurio que nos quedaba no corpo, e deixabamos correr o tempo mentres dabas voltas arredor de min, pequeno satélite. dicías seguir o rastro da miña luz. falabas dunha certa hipersensibilidade á miña luz

-o carreiro que levaba á túa casa estaba marcado cos libros que eu che regalara, escollidos tras dun fondo estudo da primavera nas túas mans-

despois veu o teatro, e a roupa toda de máis, e os nomes que nos puxemos
despois veu o sol e a primavera. despois viñeron filmes e versos

e ao final, ao final de todo, chegou esa palabra que non nos atreviamos a dicir
pasei da rabia á dor. pasaches do capricho á dor

fixen a conta atrás e de súpeto xa nin era abril nin primavera. chovía e polas noites nos picaban insectos que non sabíamos atopar coa luz acesa

a cidade está tola, dixen. por tras das fiestras ameazaba o fume e o desacougo

doíanme os ósos e por iso ti me aloumiñabas o corpo con palabras bonitas. nunca dixeches mentiras. alomenos, non mas dicías a min

e si, o día que marchei, agardaches a perderme de vista polo final da rúa. e entón eu quixen quedar onda ti para sempre

maldita lúa