29.6.09

unha vez máis


o odio visceral aos domingos é tamén un xeito de posicionarse. deixar todo sempre para o último momento ou deixar correr as horas coma se o tempo non tivese a máis mínima importancia. unha sorte de animaliño de menos dun ano rachoume pola metade un libriño de cedé, partindo en dous a unha sorte de icona da infancia. e quizais isto fose do máis interesante que pasou nos dous últimos días se non fose porque todos os anteriores estiveron cargados de cousas que xa ninguén sabe se merecen a pena ser contadas ou non
pasan as horas, si, e comeza a invadir o pánico escénico xa case habitual antes de emprender unha nova viaxe, aínda que desta sexa pequena e quizais non poida sequera ser digna ese nome. e por que será que cando volva, xa dentro de nada, estou segura de que todo vai ser un tanto distinto. que perdín un recital, convidada por unha das grandes deste maldito pueblo, e nisto consiste todo arrepentimento posible. mais prometo facer propósito de enmenda: non deixar que nada estrague o tempo que vén por diante
feliz vrao. prometo enviar novas en canto poida

25.6.09

idas e voltas

sanxoán, sampedro e ultreia. as festas do bairro e os concertos. guías do báltico. perder chupetes. mercar sacos de durmir. durmir de pé. vacinas. casas de barro e palla. deixa que che pase a lingua pola perna de pau. profesores magníficos na memoria histórica. maletas varias de casa en casa e, finalmente, ir morrer a algún aeroporto. alguén da máis?

19.6.09

reencontros

primeiro foi camiñar ate ence e acariñar as cores vivas da plumaxe de atanís. despois volveu ser a cidade, a inmensa cidade reptando, escorregando polos dedos coma un peixe noviño. mercar o xornal onde sempre, e as librerías e a roupa de segunda man, e o mercado con carros de flores na porta e as augas lamacentas do nerbioi, picadas pola poalla
era a cidade enteira a provocar fortuitos encontros visuais entre descoñecidos, e entre antigos amores, e turistas fotografando paisaxes sen importancia, mentres na pedra bulía a verdadeira alma da cidade


mais habería que falar entón de s., da pequena s. tocando o piano nun salón ateigado dos máis estraños instrumentos musicais, e despois falar da luminosa donostia, cos seus xardíns inzados de flores e os areais ateigados de peles douradas. das conversas nocturnas sobra a india e o alén-mar, das cores dos vestidos, dos sorrisos desdentados na ribeira dos centos de ganges que cruzan o mapa
dos reencontros, de tantos meses de ausencias obrigadas. das pequenas dores -compartidas- de todos os días e dos proxectos de futuro. de marchar coa pel cuberta da sal do cantábrico e promesas de mil cartas dende o norte e voltar, voltar sempre, alá polo ecuador dun verán que non tardará en chegar

11.6.09

de vacas


lendo o último texto de cabaretvoltaire lembrei que no verán pasado apenas probei o leite. é curioso como se traspapelan as lembranzas na memoria e de súpeto saltan, como activadas por un resorte. no sitio no que estaba entón o leite era un artigo de luxo, e apenas o goberno podía garantilo para os nenos -e sempre en po-
era estraño abrir a neveira e que nunca houbese un cartón de leite. mais, de botar, o que máis botaba de menos eran as vacas. resultaba raro pasear por unha paisaxe tan verde e ver tan poucas vacas. das que había, todas tremendamente fracas, desas que din que son indias e que aguantan máis a calor (e que nunca souben se era certo ou unha cábala de quen o contaba)
pensaba entón como sería unha paisaxe aquí sen vacas

semella que a única preocupación que temos hoxe en día é abrir a neveira e que siga habendo un cartón de leite dentro. apenas se le, mira ou oe del. quizais teña razón jaureguizar e as mortes lentas manquen menos. o caixa negra das vacas tolas lembraba esta semana (xa pasadas as europeas) que fai case unha década que ninguén volve a vista cara o rural galego. porque, se cadra, pra todos nós o mellor sería que o leite aparecese directamente na cunca, pra así non ter que ler de onde son as vacas ás que llo munxiron

8.6.09

elecións europeas

sorpréndeme -e non sei por que a estas alturas- que UPyD conseguira en Gz 14.019 (o 1,29% dos votos) mentres que outros partidos como II só conseguiu o 0,31%. do PP e do PSOE non digo nada. tampouco dos resultados en EH. creo que xa non queda nada por dicir

(bonitas palabras pra ter que ver cunhas elecións, por outra parte)

5.6.09

china

visitas tan fugaces que deixan un sabor estraño. un saber somentes que queres cruzar o globo pra ir visitar o continente prometido, e que pase axiña o tempo (ou botalo pra atrás un par de anos)
e un caderno chegado de terras lonxanas que agarda que lle contes historias marabillosas