29.10.09

equilibrio

preciso atopar o equilibrio. despois da semana curativa con a, preciso atopar o equilibrio se non quero que todo o bo e bonito destes quince días previos a marchar a cidade-monstro rache e se desfaga como se desfai a madeira cando arde
dicíannos que o primeiro paso para normalizalo todo cando chegas a un novo lugar é ter unha casa propia, aínda que só sexa un cuarto compartido ou un formigueiro cheo de cascudas. algo ao que poder chamarlle casa. eu creo que antes que unha casa, é preciso convencerse de que todo é normal, de que todo vai ir ben. ter esa casa construída na cabeza
curiosamente, nestes días de caos mental e frenetismo, atopo a serenidade nas cousas da eu que fun antes, hai uns anos ou hai uns días, repasando libros e obxectos do máis variado. lembrar, por exemplo, mentres escoito o nomadak, o grupo punk mongol que t poñía no coche cando iamos camiño dalgún lago alá polo mes de xullo. ou hoxe, cando me pediron un traballo que fixera na carreira, e descubrinme lendo uns textiños que escribira ha de haber uns tres anos ou catro. un sobre michael haneke e o outro sobre mario camus. descubrinme pensando que nada cambiara demasiado dende entón. nin o meu xeito de escribir, nin o meu xeito de organizar a información, nin o meu xeito vulgar de analizar e sintetizar. e iso deume unha tranquilidade que nada nos últimos días me puidera dar
morey, nun libro que é dende hai moito tempo a miña particular biblia, utilizaba a imaxe da cidade de dentro do peito. e eu, que xa teño roubada esa idea moitas veces, sinto que agora a cidade de dentro do meu peito é unha cidade con toque de queda, na que non se sabe moi ben que pode pasar, e na que a normalidade sería acordar un alto el fuego entre as partes. e despois durmir ate espertar nalgun outro sitio

26.10.09

a conta atrás



i.
eramos quince, porque faltaba a pequena s, que anda a soñar áfrica. dezaseis pra quince destinos, tan real, tan súpeto, que nos daba arrepíos
dicían que nun mes teño que estar na cidade-monstro. que teño que meter catro cousas na maleta e voar. non/despedirme. cruzar o gran mar por terceira vez
e sen saber todo isto a cidade respiraba tranquila. supoño que non me botou demasiado de menos, dende a última vez que a visitei. e xusto agora, díxenlle, xusto agora que vivimos un momento tan difícil, aquí e alá, é agora cando decido marchar. e ela, coa súa calma de sempre, respondeu. había que escoller, e escolliches

ii.
a deixa enriba da cama un último agasallo. unha pequena fiestra na que respirar aire puro cando estea lonxe dalí. no coche, camiño á estación, fálolle de canto cambia a vida unha decisión pequena ou tomada ás présas. se non viñese aquí, dígolle, se non viñese non habería venezuela, e non habería sáhara, e non habería méxico. se non viñese non estaría aquí contigo, e non tería cambiado tantísimo eu mesma. e ela, que cre que as cousas nunca pasan porque si, asinte. agarda a que marche o bus. promete que nos miraremos canto antes. do outro lado do mar, terei unha pequena fiestra, envolta en debuxos de prata, co recendo do mar que lambe o nerbioi. agardarei amarrada a ela mentres non cheguen as primeiras visitas


18.10.09

de manifestacións e cousas que non gostan moito

entre cincuenta e cen mil andan as cifras. ás veces os números son algo máis ca números. coa pel de pita. a figura feble de pousa antelo debuxada sobre o escenario ou o discurso vigoroso de xurxo souto. sentín orgullo. o orgullo do día de sol en que todo o mundo sae á rúa, aínda sabendo que pode que mañá ninguén lembre xa que o moveu a moverse. a historia cíclica deste país
e pode que si, que histórico sexa o dezaoito de outubro de dous mil nove, do mesmo xeito que histórico debe de ser o momento político de caos que vivimos. que menos que erguer a voz

...

despois sentín rabia. unha rabia terrible cara ao final, cando un xornalista da televisión saiu ao escenario a facer un directo para o telexornal mediodía. houbo berros. houbo increpacións ao propio xornalista, que estaba alí facendo o traballo que lle mandaban, sobre decisións non tomadas por el. quizais porque ese xornalista é un amigo, doeume. primeiro, porque a tvg deu unha cobertura a esa manifestación que ningún dos que estabamos alí podiamos imaxinar (alomenos tres directos). manipulación? non serei eu quen a negue. obviamente. pero atacar persoalmente a un xornalista non é xeito de manifestar o descontento. os xornalistas, a fin de contas son tan (ou ás veces máis) vítimas que os espectadores da manipulación que os políticos fan dos medios públicos de comunicación

15.10.09

kirmen uribe

miro con rabia a portada dixital de cultura de el país. ao parecer kindle ou hollywood son máis importantes de kirmen uribe, que ven de gañar o premio nacional de literatura. pode que sexa porque o escribiu en euskera e aínda non hai tradución ao español. miren o titular da nova: será que para algúns este feito xa é motivo suficiente de desprecio

14.10.09

a pesar de ter unha interesante vida interior cando estou soa (cousa que non significa máis que que non me aburro demasiado comigo mesma) teño a sensación contínua de que esto que rodea é un tempo baldeiro, de non facer nada. quizais por iso me obsesione cun libro que me ten fascinada case dende a primeira páxina, ou me dedique a facer notas mentais sobre cousas das que querería escribir e xa non lembro (pulula polo taboleiro da cabeza unha foto de arnaldo otegi, o enderezo dun hospital, retallos dunha ponte de teatro e cinema)
agardo impaciente por un correo que virá a me confirmar se pasarei ou non os próximos doce meses a uns miles de quilómetros de aquí. fálase de nadal en cuba e de tarde en cangas. fálase de desubicación e de saudade anticipada. de rural e futuro. e de como esquivar as preguntas de por que non me busco unha vida normal e me deixo de experimentos estraños



e de agasallo, un video preciosísimo

7.10.09

chuva

a nena, que vai cun paraugas de debuxos e medias vermellas, olla pra min mentres paso e ergue o brazo coma se fose o suficientemente alta como pra chocar comigo. a punta do seu paraugas dáme polo cóbado. eu ollo pra ela. sorrío. leva o flequillo todo despeinado polo vento. pasamos de largo e ambas quedamos mirando para atrás e sorrindo
mágoa non ter sido coma ela de nena

5.10.09

póñolle ao pequeno un videoclip de certos señores músicos e ponse a bailar coma un tolo. mentres, j xa está polo sur das américas e s conquistando a áfrica que fala un chisco de portugués
para pasar o rato merco libros, e reviso o correo todos os días agardando contestación. e mollo os pés e deixo correr as cousas estrañas que teñen as noites de sair. tento soster a ollada e non consigo arrincar unha soa palabra de quen ma sostén a min

1.10.09

vídeos

-8">

chegan videos que lembran bos momentos. que o cerebro humano é unha cousa asombrosa, e arquiva lembranzas coma se fosen fición, no mesmo apartado no que almacena os filmes ou as novelas. por iso, mirar as imaxes é unha viaxe interesante a unha realidade que non o é, pero que o foi. que fai que nos sintamos maiores e fai, tamén, que sempre teñamos folgos pra comezar de cero. eis a mellor parte de todo


(sinto que o video estea nunha lingua intraducible pra min, e que a partir do minuto tres todo sexa un monólogo dun dos organizadores, e que de certo o video poida ser pouco interesante pra quen pase por aquí)



descansar dunha fin de semana estraña, comezar outra