26.10.09

a conta atrás



i.
eramos quince, porque faltaba a pequena s, que anda a soñar áfrica. dezaseis pra quince destinos, tan real, tan súpeto, que nos daba arrepíos
dicían que nun mes teño que estar na cidade-monstro. que teño que meter catro cousas na maleta e voar. non/despedirme. cruzar o gran mar por terceira vez
e sen saber todo isto a cidade respiraba tranquila. supoño que non me botou demasiado de menos, dende a última vez que a visitei. e xusto agora, díxenlle, xusto agora que vivimos un momento tan difícil, aquí e alá, é agora cando decido marchar. e ela, coa súa calma de sempre, respondeu. había que escoller, e escolliches

ii.
a deixa enriba da cama un último agasallo. unha pequena fiestra na que respirar aire puro cando estea lonxe dalí. no coche, camiño á estación, fálolle de canto cambia a vida unha decisión pequena ou tomada ás présas. se non viñese aquí, dígolle, se non viñese non habería venezuela, e non habería sáhara, e non habería méxico. se non viñese non estaría aquí contigo, e non tería cambiado tantísimo eu mesma. e ela, que cre que as cousas nunca pasan porque si, asinte. agarda a que marche o bus. promete que nos miraremos canto antes. do outro lado do mar, terei unha pequena fiestra, envolta en debuxos de prata, co recendo do mar que lambe o nerbioi. agardarei amarrada a ela mentres non cheguen as primeiras visitas


Sem comentários: