30.12.07

Urte berri on

Falabamos a outra noite de cando comezara pra nós o ano 2008. Pra min comezou unha noite chuviñenta de finais de setembro, despois de doce horas en tren. Era o primeiro día da miña nova vida e enfrontábame a unha cidade descoñecida que cheiraba a outro país (agora un pouco meu)
2007, nembargantes, nacera en febreiro, unha desas noites de antroido que nunca deixa de ser noite porque se une coa seguinte. O que seguiu a febreiro foi un facerse maior sen présa, saír sen saber a que hora has chegar, e facer dos bares o mellor lugar para atoparse cos amigos. Foron tempos moi felices e Compostela tiña mil e unha caras.
Foi un facerse maior ao pensar que o mundo ía máis aló da pedra, máis aló dos aloumiños da factoría branca e dunha profesión que algunha vez fora a máis fermosa do mundo.
Quixen ser poeta e amencín pintando peles en maio. Adoecía cun mal xiro e ata iso soubo bo na miña boca. O mar chegou a Compostela en xuño e anegou a terra toda, levándome do outro lado do océano.
Mentirei se digo que 2007 non foi un bo ano. Curto, dende febreiro a outubro. Rematou co anuncio da chegada dun nen@ ao que vou querer ata o infinito. Rematou dispersándonos a todos pola península primeiro, e nuns meses todos perdidos polo mundo.
E agora a nena xa é xornalistiña e vaga pola cidade do gran peixe buscando un acubillo. Hai un ano non crería a vida que lle agarda agora. Proxecta mil historias, mil viaxes

O ollo xa non quere ser poeta. Voltou humilde. Agora só quere vivir

Zorionak eta urte berri on, queridiños

20.12.07

os da casa volvémonos xuntar polo nadal


por se non volvo pasar por aquí nun días...

ZORIONAK

o dito, bo nadal a tod@s!!!
(e sorte co olentzero)

(imaxe: decembro 2006, compostela)

17.12.07

dúbidas

que acontece cando metes a unha xornalistiña a estudiar temas de cooperación internacional? e se ademais esa xornalistiña está fascinada polas potencialidades de internet no desenvolvemento? e se ademais está moi interesada polo devir das linguas minorizadas ou minoritarias? e se se lle manda escribir unha tesina, tese ou traballo de investigación, ou como queiras chamarlle, sobre o tema que ela escolla?

de que credes que escribirá esta xornalistiña (que ademais é galega) en cuestión???

nota: acepto propostas e ideas. o pan aínda é está a amasar, e se lle poden botar ingredientes

(imaxe sacada dalgunha historia da xunta)

16.12.07

CUBA, outra vez. sempre

1. II Encontro Estatal de Cooperación con Cuba

Unha vez que a Illa entra na túa vida, todo cambia. Isto é algo que compartiamos todos os que estabamos alí. Un encontro estupendo, no que aprendín moito, coñecín a moitísima xente máis que interesante, e descubrín que se pode facer moitísimo máis do que se pensa. Un espacio para o debate e a reflexión.

2. Xornalismo, sempre

Din que cando comezas a carreira eres moi utópico, e vaste desenganando co paso do tempo. A min aconteceume á inversa ou, alomenos, diferente. A miña relación co xornalismo fluctuou entre o amor e o odio durante todo este tempo. Agora volvo a ter esperanza.
Coñecer a xente que fai contrainformación, que é alternativa, que está comprometida e traballa de xeito altruísta por causas que cre xustas, iso devólveme a esperanza nun xornalismo mellor, nalgún lugar do mundo. Quizais minoritario, pero que sobrevive. E iso é o que quero coñecer. Despois, xa terei tempo de decidir o meu futuro

3. Verán

E aproveito, estes días que ando a coñecer xente de todas partes, pra preguntar por brigadas e campos de traballo pra facer en agosto e setembro. preciso sair este verán, facer algo de cooperación só por saber como é que é en min. Se alguén sabe algo pra viaxar que non sexa moi caro, que avise. Estarei eternamente agradecida!!!


(foto tomada de cubainformacion.tv)

14.12.07

axenda

non teño tempo estes días. onte cea de clase. hoxe comezos do encontro estatal de cooperación con cuba. mañá e pasado continúa o encontro. para o domingo e comezos de semana perfilar o tema da tesina e rematar a miña parte do traballo de serra leona (diamantes e agricultura). tamén traballo acumulado que está estimulando a miña vea xornalística como non me pasaba hai tempo. o xoves traballo remunerado para a financiación da viaxe proxectada pra semana santa. e o venres un bus todo o día pra chegar a unha cea que devezo por que chegue. e despois, descansar na casa

e namentres, fascinada polo tema da enerxía e mailo desenvolvemento cando van xuntas, e estresada porque non vou ter tempo de argallar as sorpresas que despois han repartir os reis magos ou o olentzero (que unha vai absorvendo coma unha esponxa os costumes dos lugares onde vive!)

13.12.07

u-la maxia?
onde atopala?

(e levo a pregunta na cabeza dende hai días)
1. non podo para de rir por isto...

vía chuza!



2. chego media hora tarde a clase porque me retraso na consulta do médico. no bus atópome co dire que me pon cara de chegar-tarde-está-moi-mal. subo tres pisos correndo. entro na clase afogada e con pintas de boneco de neve (gorro, bufanda, abrigo, a mochila medio colgando dun brazo). e agardando atopar do outro lado un carcamal do pnud, atopo ao pedazo de arxentino treintañero do pnud.
só marmurei un perdón moi baixiño e busquei acomodo nun recuncho. despois mirei para atrás, e decateime de que nunca a clase estivera tan atenta a un profesor (gañamos as mulleres en número, por 18 a 4).
que despois, fixándome ben, estaba un pouco fondón e tampouco era tan guapo, pero acostumada aos vellos e feos que habitualmente nos dan clase...

10.12.07

O I.I.

Explicábanos S. no bus o que inventara na clase. Tratábase do Índice de Ilusión (I.I.). Na súa gráfica a ilusión descendía lixeiramente nas últimas semanas e pensei que a miña gráfica faría máis ou menos o mesmo debuxo. E xa ven que acá non me falta de nada, e non obstante, falta algo.
E lembro, hox, que xa teño bar favorito aquí, e mais que non deixo de coñecer xente estupenda, como a rapaza aquela euskaldune que sabía falar galego e estaba a aprender o catalán. Sempre se atopa quen sorprende

(E agora podería estar nunha festa de famoseo (cos xogadores do athletic incluídos, trala derrota do sábado) e mais estou na casa recuperando a saúde, pra tentar desfrutar dos últimos días de 2007 en Bilbao.)

8.12.07

de maxia e malabares

entrar por primeira vez nunha herriko, ou pasar por dous gaztetxes na mesma tarde foi o principio dunha noite de malabares (e de música, e de mil cousas máis)


todos, señores, somos maxia

(imaxe tomada en kukutza, ao máis pequeno dos malabaristas, que actuaba enriba dunha pelota xigante)

7.12.07

chega o nadal. en bilbao as árbores póñense azuis e o corte inglés inaugura o seu belén vasco


chove, e saio á rúa co meu gorro de la negro

3.12.07

e no 2009...


esta mañá pensaba que aló polo 2009 andaría de paseo por américa latina. os meus destinos favoritos eran brasil e méxico. pero as cousas poden mudar dun intre a outro. e esta tarde entereime que tamén están dentro dos posibles cuba e diversos países africanos e asiáticos. así que, de súpeto, teño ducias de opcións e só unha vida que vivir. non sei que vou facer con tan pouco tempo
(imaxe atopada acá)

1.12.07

de doce a once

nada terá sentido se non falo primeiro de taconeos na cociña que rematan porque o chan esvara, ou do medo a que a arepa crebe ao cortala e botarlle as salsas. De contar como se fan masas distintas da boca do lobby venezolano e rir despois mentres cantamos éxitos dos oitenta e combinar cancións que se escoiten acá e do outro lado do ocáno.
Nada ten sentido se non explico que se encabuxaron porque non saín,e cheguei a casa cun gorro de la que me fai cara de gnomo. Se non digo que cantamos o cumpreanos feliz en euskara e unha versión latina, e que fixemos dunha pequena mesa de cociña un gran comedor para algo máis de vinte comensais. Que saín da casa ás doce da mañá e cheguín ás once da noite.
E rir. Sobre todo, rir.

(Esto é, agora, todo o que teño. Cando me topo ben ou mal. Cando teño ganas de sair ou de quedar na casa. E estou tan, tan a gusto... sigo marabillándome da sorte que teño pra caer entre boa xente)