Mostrar mensagens com a etiqueta okocentrismo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta okocentrismo. Mostrar todas as mensagens

29.10.08

dance with me (2)

atravesei o casco vello coa miña ducia de castañas, ben gardadiñas dentro da súa bolsa de papel marrón, quecéndome as mans. o rapaz que mas vendeu sorriu tanto que os seus ollos quedaron pequeniños, entre a pel escura. hoxe na illa ía moito frío, tanto que os nenos levaban luvas e as señoras que habitan os pisos máis grandes do centro da cidade sacaron os seus abrigos de pelexo. subín as escaleiras de begoña, ate o parque. no metro estaba o acordeonista e facía tanto tempo que non o oía que me deron ganas de ir saudalo. tocaba unha canción que non era a de sempre. mais o día comezara, horas antes, ao rexeitar un traballo e cantarlle a x polo teléfono a súa canción favorita. contei unha e mil veces que estaba de paso. a carteira tróuxome un sobre certificado. comprobei a miña incapacidade pra centrar a atención en nada. pechando un capítulo e abrindo outro. dubidando de cando voltarei ter vida académica reglada. sen saber onde irei. nin con quen. sen saber se quero sabelo. descoñecendo o que está a pasar no mundo agora mesmo. estou de paso en todas partes. desfrutándoo



repito video. síntoo

17.10.08

gris

teño as mans alaranxadas, de tentar que o pelo de m mude de cor. as manchas son irreais. dende que aterrei en illa peixe tamén eu son toda ficción. e non teño senón vida virtual, tras dos lentes verdes e a carapucha gris, diante da pantalla. encho a lámpada de notas que din cousas que case non teñen interese. como só verde e branco. o móbil non soa, non pode soar porque ninguén ten nada que dicir. creo pouco no que fago. ás veces moito. miro as fotos do verán, e de máis atrás. de hai uns días. teño saudade de cousas que foron, e de cousas que poderían ter sido. busco latitudes no mapa, pero non coinciden co que ando a buscar. o centro de todo debera xirar agora en torno a esta pantalla. mais cabeza anda sobrevoando outro lugar, a centos de quilómetros

5.8.08

crónica vi.


pasei días a pensar fillosdeputa. tamén voei bambeando no aire coma un paxaro, deixando que o aire me dese na cara. o luns, estraño e diferente aos luns de antes, como todas as cousas aquí, cambiei de película e mirábao todo dende platea, coma se non fose comigo. escoitei llaneras, botei remedios nos ombreiros queimados polo sol e durmín acompañada dun milleiro de soños, deses que non deixan descansar, ata que cantou o galo coas primeiras luces do día
outra semana que comezaba a escorregar polos dedos ás présas

21.6.08

transiberiano

se me desen a escoller, entón escollería o transiberiano. dende moscova a beijing. quizais quedase a vivir pra sempre en ulan bator. di p que me imaxina nun sitio afastado e aprendendo a falar algunha lingua que non teña nada que ver coa miña, nin con ningunha que coñezamos (tamén eu o imaxino ás veces)
colleríao no inverno, pra poder dicir que as inmensas montañas nevadas son o máis lindo que vin na miña vida. máis que o océano, máis que o deserto
e de ir con alguén, gostaría de ir con quen estivese disposto a ficar comigo en ulan bator, ou en calquera lado

seino, non hai présa. aínda queda moito ata o próximo inverno

20.6.08

voar


apenas unha semana e comezar a pechar capítulos. coñecer a un punki ou a quen marcha ao congo e falar en galego-portugués durante media noite son só anécdotas dunhas das últimas noites. ir despedíndote de quen sabes que nunca volverás ver

- pásao ben en honduras
- ti pásao ben o resto da túa vida

frases que son coma sentencias
-e non esquenzas aprender a bailar salsa en venezuela. déixate levar
deixarse levar a vida enteira. á miña cabeza cústalle asimilar que estou de paso en todas partes. que aínda non vou ficar en ningures. e que iso é tamén unha marca de identidade. o que dá algo de medo non é pasar un ano fóra, ou pensar en ter os próximos trinta e seis meses comprometidos. o que aterra é pensar que isto pode durar tempo indefinido

pero é aínda cedo de máis. a miña cabeza só pode planificar a curto prazo. o único que sei polo de agora é que vou celebrar o meu aniversario entre un avión e caracas. e despois, xa se verá

19.6.08

ollos

releo a miña postal-adiantada-de-aniversario. a adicatoria máis fermosa, esta

tu mirada en suspensión
qué piensas
me atrapa

horas máis tarde dicíanme que, no estremo da longa mesa na que ceabamos, os meus ollos abríanse coma dous faros. dous faros, de tan grandes

(só sete días de anguria e máis de espera por un correo que non dá chegado. e que fermosas palabras)


26.5.08

aire

Di G. que cando estás nas nubes precisas de algo que te amarre á terra. Estou feita de helio e o fío que me ata a un posto de feira das festas é unha tristeira que non sei ben de onde vén, e que fai que non queira marchar, e que á vez teña ganas de quedar, e ao tempo só queira fuxir.
E emociónome cantando un "cumpleaños feliz" a coro a a través do teléfono, e contándolle a todo o mundo a felicidá de cruzar de novo a pucharca. O desorientada que estou por enfrontarme a algo ao que non estou acostumada e nunca fixen.
A tensión de 24 horas ao dia ao cen por cen, dun traballo académico que teño que facer en tan pouco tempo, e do alivio de falar soa en voz alta e escoitar música dalá que me fai evadirme do aquí e do agora.
Por primeira vez agarro con forza as rendas do cabalo e, malia a velocidade, só pido que non se desboque no camiño

7.5.08

esquecín os ollos nalgún lugar da cidade
atópaos, faime saber que os tes
gáñame pola palabra




14.4.08

atrapada


entre webs e máis webs que falan de cousas que me interesan
(pero non así)
ganas de rematar
unha semana máis
e volvo ao ataque

9.4.08

mañá

mañá irei ao sitio ese do que nin sequera sei o nome. alí aparecerás ti, e falareiche da enerxía mareomotríz, e do khmer, e de xogar a ser parte de organismos internacionais, e do viaxe que algún día farei no transiberiano. e mentres ti tremerás co frío porque chove e é noite, pero tentarás disimular pra parecer máis forte e pensarás que nada do que digo ten sentido, porque en realidade nada do que digo ten importancia e despois tomarasme a febre, nada, unhas décimas que fan delirar, e pedirasme que debuxe cun garabullo as pingas de auga que choven do ceo
sorrirei e só así saberás que falo a túa lingua
e non precisaremos nada máis



de lonxe soará unha serea

31.3.08

ausencias


estudiar a túa xeografía cos beizos. cando non estás, xogar á autarquía do propio corpo




(rematado o xogo, xa podo dicir que eu fun esta, esta e mais esta. fotografía de base feita por c.)

8.2.08

pequenas grandes cousas

hai pequenas grandes cousas que fan que haxa días, semanas que sexan estupendas. ter unha irmá que, como dícía o eue, comece a traballar pró estado, xantar na praia, que me conviden a participar n'algo que levaba meses buscando (e que haxa quen se emocione cando llo conto e queira participar), rematar o día (despois dunha clase estupenda sobre xestión da comunicación en situacións de crise) tomando algo nunha terraciña dun quinto piso en getxo, cun precioso teito estrelado enriba
pequenas grandes cousas que fan que adore este lugar

30.12.07

Urte berri on

Falabamos a outra noite de cando comezara pra nós o ano 2008. Pra min comezou unha noite chuviñenta de finais de setembro, despois de doce horas en tren. Era o primeiro día da miña nova vida e enfrontábame a unha cidade descoñecida que cheiraba a outro país (agora un pouco meu)
2007, nembargantes, nacera en febreiro, unha desas noites de antroido que nunca deixa de ser noite porque se une coa seguinte. O que seguiu a febreiro foi un facerse maior sen présa, saír sen saber a que hora has chegar, e facer dos bares o mellor lugar para atoparse cos amigos. Foron tempos moi felices e Compostela tiña mil e unha caras.
Foi un facerse maior ao pensar que o mundo ía máis aló da pedra, máis aló dos aloumiños da factoría branca e dunha profesión que algunha vez fora a máis fermosa do mundo.
Quixen ser poeta e amencín pintando peles en maio. Adoecía cun mal xiro e ata iso soubo bo na miña boca. O mar chegou a Compostela en xuño e anegou a terra toda, levándome do outro lado do océano.
Mentirei se digo que 2007 non foi un bo ano. Curto, dende febreiro a outubro. Rematou co anuncio da chegada dun nen@ ao que vou querer ata o infinito. Rematou dispersándonos a todos pola península primeiro, e nuns meses todos perdidos polo mundo.
E agora a nena xa é xornalistiña e vaga pola cidade do gran peixe buscando un acubillo. Hai un ano non crería a vida que lle agarda agora. Proxecta mil historias, mil viaxes

O ollo xa non quere ser poeta. Voltou humilde. Agora só quere vivir

Zorionak eta urte berri on, queridiños

10.12.07

O I.I.

Explicábanos S. no bus o que inventara na clase. Tratábase do Índice de Ilusión (I.I.). Na súa gráfica a ilusión descendía lixeiramente nas últimas semanas e pensei que a miña gráfica faría máis ou menos o mesmo debuxo. E xa ven que acá non me falta de nada, e non obstante, falta algo.
E lembro, hox, que xa teño bar favorito aquí, e mais que non deixo de coñecer xente estupenda, como a rapaza aquela euskaldune que sabía falar galego e estaba a aprender o catalán. Sempre se atopa quen sorprende

(E agora podería estar nunha festa de famoseo (cos xogadores do athletic incluídos, trala derrota do sábado) e mais estou na casa recuperando a saúde, pra tentar desfrutar dos últimos días de 2007 en Bilbao.)

7.12.07

chega o nadal. en bilbao as árbores póñense azuis e o corte inglés inaugura o seu belén vasco


chove, e saio á rúa co meu gorro de la negro

27.11.07

outra vez na cama, enferma. recaída por non coidarme. por tonta.
esta é a última do inverno, prometido.
non teño tempo que perder

1.11.07

retorno

cada mañá saio a esta rúa de pedra para ir a calquera lado. en menos de doce horas estarei do outro lado do norte, na beira do Atlántico. en algo máis de trinta e seis estarei noutra Pedra un pouco distinta, e aínda máis familiar. agárdanme unha manchea de sorrisos, unhas cantas apertas desas que deixan sen respiración e mais un concerto (do que agardo atopar entrada)
adoro esta cidade, pero... quen pode resistirse aos encantos do doce lar?

21.10.07

- tú tranquila, que pasas por bilbaína
- y eso... por dónde queda?


era xa bastante tarde e un bilbaíno dos de verdade dicíame que case non teño acento, e que por estética, xa son completamente vasca. curioso, verdade? era a segunda ou terceira vez que mo dicían na noite.
e como en compostela, xa empezaron a contarme historias estrañas os desconocidos, e xa identifico a algún clásico da noite.
estou en proceso de adaptación, e creo que xa me está a mudar a pel

8.10.07

lembreime de compostela a esa hora na que todo o mundo migra da zona vella para ir meterse nalgún antro da nova. aquí, moi cedo, a xente tamén migra. a miña primeira inmersión noturna rematou no antzokia, falando cun par de tipos extraños que facían soar dúas maracas e falaban en catalán e que non me gustaron nada porque un deles me mirou con desprezo ao lle dicir de onde viña.
gústame esta cidade, agora mentres a miro con ollos de estranxeira, porque podes sentar na herba a ler mentres uns pavos reais pasean por diante, e podes sentar no medio e medio dunha rúa a falar do que agardas do inverno, e tamén podes quedar na casa a mirar a etb. o sol sorrí aínda e semella que os días do inverno van a tardar en chegar

3.10.07


a foto fíxoa T., que tivo a santa paciencia de vir a buscar piso comigo a Bilbao. agora xa estou instalada nunha rúa do casco vello, rodeada de pedra. parece que así compostela doe menos.
e tería mil cousas que contar, que agora boto de menos todo. tanto, que ata puxen unha foto do traballo de mamá de fondo de pantalla. adoro todo o que cheire a galego. todo o que lembre que pasei os últimos anos na cidade máis linda do mundo. e que todos aos que máis quero están por alí (e van vir a visitarme se queren seguir con vida no Nadal)