31.12.10

tlatelolco nos límites de 2010

gasto as últimas horas do 31 no df indo a tlatelolco. sento nun muro, frente á igrexa na praza das tres culturas e achégase a min un home. fálame da praza, do 85, do edificio que foi da sre e como se acende de luces cada noite. a súa filla que naceu no 85 -coma min-, parirá en xaneiro, di. dáme as súas beizóns para o ano que entra e marcha sorrindo e mandándome bicos polo ar

e non me atrevo a preguntarlle polo 68. nin polo edificio chihuahua. non podo
quizais porque aínda non podo admitir canto me calou esta parte da historia. canto está a influir en min e no méxico que vivo

na praza hai un mural que di:

in otin ihuan totonaltin nican izcallia
totauhca anahuaca tlathui axcanmochipa cencol moyolixco


que quere dicir:

aquí renacen os nosos camiños e os nosos días en todas partes e no teu corazón
dende agora e pra sempre a nosa gloria de anahuac esperta


pero na pedra que preside a praza, e na que faltan tantos nomes, di que

unha parella dáse bicos nun costado do poema terrible, porque semella que hai un méxico que esqueceu o 68. que nin pensa que sería do país sen o 68

e penso, entón, que seria de min de non ter coñecido tlatelolco

remata o ano fatal e eu fecho o círculo aquí, na praza das tres culturas, agardando a que chegue o ano novo de luces e músicas. decidindo se quero que renazan os camiños ou que haxa un minuto de silencio no banquete