31.3.08

ausencias


estudiar a túa xeografía cos beizos. cando non estás, xogar á autarquía do propio corpo




(rematado o xogo, xa podo dicir que eu fun esta, esta e mais esta. fotografía de base feita por c.)

29.3.08

do sáhara vii

que foi da retina no deserto, que só queda dicir unha cousa

vou voltar



do sáhara vi


e aprendín a berrar sahara hura

do sáhara v


que podemos facer? que está na nosa man?


28.3.08

do sáhara iv

as mulleres: a alma dos campamentos
as que primeiro se erguen, e se deitan máis tarde. as que fan a casa, crían os nenos, administran os recursos. as que máis sorrín, as que máis cantan, as que máis traballan. as que levan nas costas o peso do deserto, da guerra, da pobreza
sen as mulleres, vivir alí sería imposible. impensable

27.3.08

do sahara iii


non estou aquí pra dar leccións, pra adoutrinar. non sei facelo, non teño dereito, nin armas pra facelo. non quero que teñades esa impresión. só quero dicir aprendín, e quero dicir axuda, e quero dicir queda moito camiño por percorrer, a min como individuo, a min como parte dunha comunidade.
entón digo: ide, ide e comprobade. mirade os ollos dos nenos que nunca miraron a súa terra, que quizais estean medrando para a guerra. dicídelle paz ao xurista que traballa nunha chatarrería, ao enxeñeiro que xa esquenceu todo canto sabía. á muller á que a guerra deixou viúva, orfos os fillos.

se credes que quero dar leccións, que pouco entendedes

26.3.08

do sáhara ii


trouxen os ollos cheos de area do deserto. máis limpos do que os levei.
aprendín a aprender en silencio. a mirar por dentro. admirei todo o que se pode conseguir con vontade. a tristura de quen o deixa todo por unha causa. de quen non é de ningures.
descubrín que o deserto está cheo de cores e sons marabillosos

25.3.08

do sáhara i


aprendín a dicir sahara hura e a admirar a súa dignidade como pobo nada máis chegar. piden só unha cousa: que lles deixen voltar á súa terra. e levan a cabeza ben alta e saben dar, dar todo o que teñen. cambiar a vida dos que os coñecen.
amei o deserto e descubrín que tiñan moito máis que darme do que eu a eles. abrín todos os poros e deixeime levar polas súas voces

(na imaxe, primeira vista de Tifariti, no campamento de refuxiados saharaui de Tinduf, Arxelia)

16.3.08

días de deserto

Levamos en total uns setenta quilos de cousas. As nosas favoritas son os lápises de cores, e tamén eses que din "eu escribo en galego". Lápises pra debuxar ilusións.
Marchamos pra vivir sete días fóra do mundo, fóra do mundo que nos é habitual. Unha oportunidade que non podiamos deixar fuxir. Din que seica cando lle colles o gusto a marchar, non che sae da cabeza. Por iso será que somos un pobo de emigrantes.

E levo mil cousas na cabeza: a historia de Solá, os mil plans pró vrao, o propósito de aprender unha canción, de ler, de grabar, de observar, sobretodo observar

Ata o luns que vén, que teñan unha boa semana!

14.3.08

SwL e demais


recibo resposta do correo que lle enviei en menos de dúas horas. persoas como javier solá fan que o terrible mundo da cooperación teña sentido. que merece a pena esforzarse por cambiar as cousas

-----

(volvo a coller con forza as ganas por un traballo ao que non lle miraba o sentido. e máis forza aínda despois de visitalos esta tarde)

(imaxe sacada d'aquí)

13.3.08

cinco días por semana

tirado da axenda pró xoves:

  • 8.10 - erguerme, almorzar
  • 8.40 - saír da casa pra coller o metro a deusto
  • 9.00 - clase de inglés
  • 10.45 - coller o metro, volver á casa a agardar ao repartidor que trae un paquete
  • 11.00 - ir a voluntariear
  • 14.00 - xantar (comida xa feita de onte)
  • 14.30 - conectarme pra rematar un traballo a entregar o venres
  • 15.30 - saír da casa pra coller o bus, aproveitar pra ler material da clase
  • 16.30 - clase de poboación e políticas públicas
  • 18.00 - no descanso, ir a botar un ollo aos chicos do máster de rr.ii
  • 19.45 - coller o bus de volta á casa, aproveitando a viaxe pra discutir a hipótese do proxecto
  • 20.45 - ir correr
  • 21.30 - ducharme, cear algo
  • 22.00 - facer as tarefas do curso virtual
  • 00.30 - descanso pra vaguear pola rede
  • 02.00 - ir durmir, tardar en durmir alomenos unha hora (o meu cerebro xa non coñece o modo off)

os mellores momentos do día: facer o parvo no descanso da clase, desconectar correndo polo paseo da ría. mandarnos notas cando non mira o profesor se a clase é aburrida. debuxar ollos nas follas dos que sentan ao meu lado

o mellor da semana: non ter nin un chisco de tempo pra pensar que o domingo andarei camiño a madrí, que o luns estarei noutro continente, noutro mundo

10.3.08

post-electoral

vou a aforrar análises post-electorais, e tamén comentarios do que me parece este terrible bipartidismo. recomendo pasar pola casa ghanito e reflexionar sobre o que el escribe, tan acertado. de todo o que se publicou en todos os lados, que cadaquén tire as conclusións que lle parezan axeitadas. creo que non me quedan palabras despois de discutilo tanto, e xa creo que non é suficiente aquilo de: polo menos non gañou rajoy
pode que sexa, quizais, que perdemos un pouco todos

(imaxe sacada d'aquí, que cousas!)

9.3.08

eleccións


A imaxe saqueina hai un par de anos na Coruña, pero hoxe é igual e ata máis válida que entón. "Los asesinos son ellos, son periodistas". Conviría facer reflexión sobre o papel do xornalista hoxe, sobre o impacto que pode ter sobre o votante medio ver na tele, oir na radio, ler no xornal unhas novas de xeito masivo, e que outras non aparezan nin por asomo. A diversidade fica relegada á rede, mais así é imposible que chegue a todo o mundo, porque na rede hai que procurar as novas, nos medios tradicionais son as novas as que procuran ao espectador.
É preciso que analicemos, cada un, se de haber pluralidade e acceso total a fontes diferentes de información, o panorama electoral que impera no estado non sería radicalmente diferente

7.3.08

unha outra vez

un home morto e unha familia destrozada, dixo o ministro.
un país enteiro destrozado.
e a incapacidade duns e doutros de decatarse de que a violencia non é o camiño.
de entre todas, quédome coas palabras que veñen dende o LAB:
esta morte, como tantas outras realidades de violencia, sacude unha sociedade que demanda a superación definitiva do contexto de sufrimento, confrontación e vulneración de dereitos individuais e colectivos que padecemos os homes e mulleres de Euskal Herria

maldita democracia

6.3.08

xornada de ir-reflexión

Seica non podemos manifestarnos no oito de marzo porque estamos en reflexión, pero a xornada de reflexión foi onte, cando me decatei de que este mediodía era o único momento no que podería ir enviar o meu voto por correo e aínda non pensara a quen regalarllo. De lado queda a miña incapacidade de plantexar unha solución a este maldito bipartidismo, á farsa deste sistema, que é de todo menos democrático, e a non ser quen de definirme a min mesma politicamente: se teño armas pra mudar o sistema por dentro, se teño armas pra mudalo dende fóra, ou se debo darme á indiferencia. O fracaso absoluto da sociedade fronte ao individuo


( e río coa idea de que ese sobre que dirixo ao señor presidente da mesa electoral vaia recibila papá. a primeria carta que envío só pra el na miña vida)

4.3.08

(¿?)

dis que nunca falo de ti. mais, que queres que diga?

2.3.08

aizkolari


de escoller, querería coñecer a un aizkolari. con aros ben grandes nas orellas, o pelo algo longo, euskaldune e que sexa quen de cortar un tronco en menos de tres minutos. aquí non os hai. onde terei que ir buscalo?

(meditacións tras ver unha competición de aizkolaris na tele)