29.10.09

equilibrio

preciso atopar o equilibrio. despois da semana curativa con a, preciso atopar o equilibrio se non quero que todo o bo e bonito destes quince días previos a marchar a cidade-monstro rache e se desfaga como se desfai a madeira cando arde
dicíannos que o primeiro paso para normalizalo todo cando chegas a un novo lugar é ter unha casa propia, aínda que só sexa un cuarto compartido ou un formigueiro cheo de cascudas. algo ao que poder chamarlle casa. eu creo que antes que unha casa, é preciso convencerse de que todo é normal, de que todo vai ir ben. ter esa casa construída na cabeza
curiosamente, nestes días de caos mental e frenetismo, atopo a serenidade nas cousas da eu que fun antes, hai uns anos ou hai uns días, repasando libros e obxectos do máis variado. lembrar, por exemplo, mentres escoito o nomadak, o grupo punk mongol que t poñía no coche cando iamos camiño dalgún lago alá polo mes de xullo. ou hoxe, cando me pediron un traballo que fixera na carreira, e descubrinme lendo uns textiños que escribira ha de haber uns tres anos ou catro. un sobre michael haneke e o outro sobre mario camus. descubrinme pensando que nada cambiara demasiado dende entón. nin o meu xeito de escribir, nin o meu xeito de organizar a información, nin o meu xeito vulgar de analizar e sintetizar. e iso deume unha tranquilidade que nada nos últimos días me puidera dar
morey, nun libro que é dende hai moito tempo a miña particular biblia, utilizaba a imaxe da cidade de dentro do peito. e eu, que xa teño roubada esa idea moitas veces, sinto que agora a cidade de dentro do meu peito é unha cidade con toque de queda, na que non se sabe moi ben que pode pasar, e na que a normalidade sería acordar un alto el fuego entre as partes. e despois durmir ate espertar nalgun outro sitio

Sem comentários: