19.6.09

reencontros

primeiro foi camiñar ate ence e acariñar as cores vivas da plumaxe de atanís. despois volveu ser a cidade, a inmensa cidade reptando, escorregando polos dedos coma un peixe noviño. mercar o xornal onde sempre, e as librerías e a roupa de segunda man, e o mercado con carros de flores na porta e as augas lamacentas do nerbioi, picadas pola poalla
era a cidade enteira a provocar fortuitos encontros visuais entre descoñecidos, e entre antigos amores, e turistas fotografando paisaxes sen importancia, mentres na pedra bulía a verdadeira alma da cidade


mais habería que falar entón de s., da pequena s. tocando o piano nun salón ateigado dos máis estraños instrumentos musicais, e despois falar da luminosa donostia, cos seus xardíns inzados de flores e os areais ateigados de peles douradas. das conversas nocturnas sobra a india e o alén-mar, das cores dos vestidos, dos sorrisos desdentados na ribeira dos centos de ganges que cruzan o mapa
dos reencontros, de tantos meses de ausencias obrigadas. das pequenas dores -compartidas- de todos os días e dos proxectos de futuro. de marchar coa pel cuberta da sal do cantábrico e promesas de mil cartas dende o norte e voltar, voltar sempre, alá polo ecuador dun verán que non tardará en chegar

2 comentários:

rui disse...

Qué sorte de estar en Euskal Herria! Dende o nadal non volvín alí. Badakizu, bera beti neure biotzan dago

oko disse...

si, a pena é que sempre fago visitas moi fugaces :(