9.8.07

de cuba I (do chan)

La Habana é unha cidade moi sucia, pero chea de cor, e terriblemente pobre e fermosa. Un animal que se adapta aos ollos de quen o mira, que muta, que vai mudando a pel cada día. Que cada mañá –e sobre todo cada noite- ten unha cor diferente. Esa é a Habana que vai grabada na miña retina.

Tardei máis de dez días en ver a cidade de día. Durante tres semanas desexei con todas as miñas forzas que o mes nunca rematase, quedarme alí pra sempre. Mais agora sei que non é así. E quizais sorprenda, pero onde quedaría pra toda a vida é no rural cubano, nas pequenas vilas nas que non hai turista e unha galega é peza de colección. Esa é a Cuba da que namorei de verdade. As paisaxes máis fermosas que xamais ollo humano mirou, como dixo Colón. A xente máis boa que xamais coñecín. Quizais onde menos agardaba atopar foi onde atopei. Foi despois de estar en Provincias –como eles din-, cando me prometín a min mesma que voltaría a Cuba. E vou volver, o máis axiña que poida. Xa o prometín.

(E quizais pregunten por que Cuba, se me queda tantísimo por coñecer no mundo. E responderei que un mes é sufieciente para prendarse dun país así, porque Cuba é unha illa en todos os sentidos da palabra, e porque alí pensei, dividinme, tomei decisións e disfrutei como nunca fixera antes)

1 comentário:

Zerovacas disse...

e iso que aínda non falache do Cementerio Colón...