26.5.09

homenaxe poética

está o ceo tan límpido esta noite, amor. mira estes pobres óculos, tan fráxiles e perdidos. quixera ser unha desas nenas tísicas antes do mencer e que me colleras nos teus brazos con esa enérxica vontade de querer. ódiote ou ámote, poderías dicirme, e soaría doce e prístino. sábesme a versos endecasílabos e a casa dos avós. res dun vendaval nado nalgún pentagrama telúrico, eres a vianda florida da merenda dunha estirpe de sílfides. atávico na memoria de cada unha delas

ouh, bícame, estrábicos os teus dentes, estrábicas as túas pernas e os teus brazos, e tamén estrábico o teu embigo cosido con teas de presos incívicos en cárceres de papel mollado. maldita civilización, meu ben, que non comprende que nos poidamos amar tanto...

báilame as augas das nove ondas do san xoán, quero ser a túa apócema máxica, o teu tráxico final, o comezo de todos os males e de todas os desexos que poidas ter de aquí ate a apocalipse

abóndame con saber que estarás aí cando apunte o sol. cégame con anxos galácticos que saiban ler raios nas cartas astrolóxicas, con fórmulas da física e da química que ninguén máis ca nós poida descifrar. inventa unha lingua pra nós, afastada dos estúpidos místicos que non cren que poida existir nada alén do escuro e do triste. lene, quero que me peteires pola pel toda. mídeme por riba e por baixo do saio, astrónomo de monóculos invisibles. asasíname con caleidoscopios de follos de amieiro, tatúame o teu nome con calígrafos seculares. podo ser a un tempo foránea e autóctona do teu país

mátame. quero sentir o exército das túas unllas. unha miríade de escarabellos agonizando aos nosos pés. convirte este nome mol na máis fermosa das esdrúxulas

(inspirada nunha tarde de xogos de palabras e nun comentario d'o demo, e adicada a todos os devecen por ler poetas de palabras esdrúxulas. que nunca nos falte humor pra rirnos de nós mesmos e do país que nos tocou vivir)


(se queren algo bo de verdade, escoiten isto ;)

1 comentário:

Fer disse...

És um tesouro.