8.9.09

poesía


xa hai moito teño un debate interno sobre o xeito no que mellor se comparte a poesía. asisto, nas tres últimas semanas, a recitais que, merecentes ou non deste nome, presentan a poesía de maneira radicalmente distinta
primeiro foron os cataláns, que conseguiron algo que para min era novo: facer ao público partícipe da súa actividade, da preparación e do evento. gostei deles porque racharon a liña de separación entre o que fai e o que vai mirar/oir. porque o importante non foi só a poesía, senón o todo final e o proceso de cada unha das partes
despois veu un recital deses que van con música. moi bonito, si. do que disfrutei. pero os artistas enriba do escenario e o resto abaixo. a única intervención posible, o aplauso
e despois veu o festival. non vou mentir. non me gustou o programa, non me gustaron os poetas (aínda que fixen dous grandísimos descubrimentos vindos do outro lado do minho e do outro lado do océano, e houbo algún máis que se salvou)
pasamos o domingo falando de poesía e das formas de provocación. e concordei cos demais e comigo mesma en varias cuestións. a primeira, na meirande parte dos casos é preciso algo máis que un bo recitador para facer partícipe á xente da poesía (vamos, que é preciso que os poetas baixen dos altares nos que viven e pensen de que xeito poden riscar esa maldita liña invisible que os mantén enriba do escenario, aló nos ceos, e ao resto dos mortais nos mantén abaixo). que facer algo máis aparte de ler tamén é unha arte. que un desnudo integral non é provocación, xa non (pode que o fose hai unhas décadas, non agora. para provocar con poesía é preciso amosar/falar de cousas incómodas, por exemplo, de cousas que ninguén fala. ou facer algo innovador). pensei en moitas máis cousas das que agora non me lembro. e de todos xeitos, o meu debate interno sobre o que é/non é poesía nunca remata. será por iso que hoxe vou á homenaxe a manuel maría. a ver se se me aclaran as ideas un pouquiño máis...

Sem comentários: