22.5.10

araña


ela ás veces falaba en inglés
el ás veces chamábaa con nomes de fenómenos atmosféricos

os dous sabían do triste da súa historia,máis facían coma se non soubesen

e deixaron correr o tempo por de máis

18.5.10

17

aquí aínda é 17. entretéñome poñendo no feisbuc anacos de poemas. que cousas. compostela erguía a voz cara un sol radiante cando eu aínda estaba durmindo. agora compostela -o país enteiro- durme, e pra min aínda é cedo de máis pra ir prá cama: fago o xantar de mañá, arrumo un pouco a casa
aquí ía frío, hoxe, e a miña cabeza vagaba uns nove mil quilómetros cara o leste do mapa
colguei poemas para que alguén os lese e aínda estou por decidir se foron a mantenta -se foron a mantenta ou se foi simplemente o subconsciente que me traizoou-
fago un repaso rápido. mais o que de veras querería poñer sería algún do único libro de poesía que me acompañou na andadura por este lado do mar e que sabe definir, case coma ningún outro, as cousas máis sinxelas
se o abrise ao azar, de seguro sairían versos sobre remorsos, e ela -a outra- e as dúbidas de sempre. se o abrise ao azar podería ate sair unha folla en branco
mais non estou segura de querer abrir ese libro, hox. onte agasalláronme con un fermoso, fermosísimo, de ilustracións máxicas
tan máxicas que as letras esvaen. e non deixo de espiar -de esguello- como os debuxos se moven cando cren que ninguén os mira


16.5.10

calquera lado


marchar a calquera lado
-calquera lado pode ser bo-
deixar que a noite te coma ou comer a noite
deixar sair de dentro o máis primario que se leva dentro

as conversas na distancia. na distancia das liñas de teléfono. na distancia entre as caras -a xusta pra non sentir o bafo na pel-

marchar a calquera lado. cun libro de debuxos baixo o brazo

quen podería resistilo?

14.5.10

e era o lugar máis apacible do mundo. e non puiden durmir
facemos reconto de todas as cancións das que gostamos
evitamos cantalas -chegou maio terrible-

11.5.10

abril

e rematou abril. deste lado do mar
tamén do outro

e maio comezou implacable



(linte cen vinte mil veces. mais cando chegaron as túas liñas, xa os meus ollos levaban chorando desque caera a noite. xa ves, as tristuras veñen todas da man, aínda sen elas sabelo)

6.5.10

pequenas cousas/vitorias cotiás que me fan un chisco máis feliz

(inspirada nel)

  • facer coma que abril non rematou
  • comezar o último libro da reserva en galego que me quedaba. e desfrutalo tanto
  • espertar sorrindo
  • a caloriña da primavera
  • as mañás que non hai tráfico e consigo un asento no autobús, alomenos dous minutos antes de chegar ao traballo
  • islandia e mongolia
  • facer plans e plan e plans aínda que despois non os cumpla
  • quedar con vellos amigos. que os anos de distancia non muden nada do que había antes
  • pensar en voltar a casa
  • falar con x polo teléfono, mesmo se x non di nada polo teléfono
  • recibir novas sobre futuras visitantes
  • facer sorrir a quen me rodea
  • escribir cancións en pizarras alleas
  • falar con papá e mamá os domingos
  • que me rodee xente que me fai sentir ben, que dicía un bo amigo
  • lembrar. que me lembren

e, tamén, claro, illa pedra

1.5.10

abril que marcha


e cando abril marche, terei que inventalo de novo. trinta días non son abondo. trinta días que comezan e rematan en lúa chea
pola rúa ninguén mira, ninguén fai caso. camiño lento porque as pernas non queren ir máis axiña
vai calor. hai ruído. todo dá igual. só hai abril. abril é todo. non quero. non quero que marche. aínda non

26.4.10

25 de abril musical

todo pasa por mirarte, de súpeto, no medio da sala vip dun dos festivais máis grandes de américa latina, e que esteas falando en galego. o galego é universal en canto que os seus falantes o son. tan absurdo como atopar alguén de caldas. tan absurdo como que todo o importante sexa iso, e non a inmensa cantidade de modernos que che arrodean, e que forman parte de bandas polas que a xente paga para oir. é maravilloso desenvolver esa capacidade de relativizalo todo
despois chega a noite e pérdeste no medio dunha marea de xente e non tes como comunicarte e todo semella tan complicado que una hora despois estás comendo tacos no centro e xa o esqueciches
foi fin de semana de brincar, de sentir o rebumbio da música por baixo dos pés. de descubrir que hai máis, hai máis lonxe dos bestsellers musicais. de facer trampas para entrar nalgúns sitios. de rodearse, que dicía un amigo, da xente que fai sentir ben. de falar galego e de evadirse. un pouco
van vinteseis días de abril. este marabilloso abril que tantas cousas trouxo

25.4.10

25 de abril

é 25 de abril. onte mirei a nacho vegas, inmensísimo baixo a lúa mexicana. durmín nun sono profundo e reparador. todo vai ben. todo flúe

e aínda así, non estou tranquila

24.4.10

abril (v)


i.
e porque esta semana as novas de alá fan pensar no moito que boto de menos a casa. e no difícil que é ser de axuda falando con alguén que está partido, completamente crebado

ii.
porque ademais, están acontecendo cousas alá que non debería perder. as distancias ás veces fanse inmensas

iii.
porque comezo a desconfiar das casualidades

iv.
porque o ser humano tende a facer as cousas máis difíciles do que son. e porque é na dificultade onde atopamos o maior pracer

v.
porque cada semana é impredecible. porque o tempo vai con présa de máis

vi.
porque o corpo é feble, tamén. mais non tanto coma o espírito

vii.
e porque abril foi o mes máis estraño, sen dúbida

20.4.10

tlatelolco (outra vez)


voltín a tlatelolco. porque facía moito que non ía, porque facía moito que non pensaba nel. como xa lle perdera un pouco o medo, a sensación foi ben distinta. igualmente terrible, mais distinta. e pola noite, xa non tiven pesadelos coa praza
aínda así, volvo ter ganas de ir de novo

15.4.10

abril (iv)

tócanse dous estremos. por un lado, está a fama, e o culturetismo, e as caras serias diante dunha imaxe ou as cámaras de televisión facendo entrevistas. está a ademiración e os autógrafos. do outro lado está xente que nunca saiu da súa aldea, que nunca mirou un semáforo nin foi ao cinema
e eu, en primeira fila, son espectadora duns e doutros. e non sei ben se quero seguir no medio, ou fuxir correndo cara algún dos lados

tamén isto é abril

12.4.10

serpe


como unha serpe de pedra enleada en si mesma
construínme un muro arredor
e non vou deixar que calquera entre

11.4.10

casa azul


desacougo é a palabra exacta que di o que me produz a casa azul. por segunda vez e a sensación foi a mesma. despois, coyoacán estaba cheo de xente que paseaba a primavera. as árbores tan floridas que rabuñaban o ceo. eu tamén paseaba. deixei que os meus pés me levaran cara a casa. noite pra descansar e sacar todas esas cousas malas de dentro. e acougar

9.4.10

primavera

despois dun día marabilloso soe vir un día terrible. e o mellor que pode pasar despois dun día terrible, cargado de traballo, no que vas correndo dun lado para outro, no que o teu corpo está feble, como sen forza, e todo sae mal, e xa só tes ganas de ir pra casa, pero veña, un esforzo máis, o mellor que che pode pasar entón é que esquezas que xusto ese día a túa profesora de brasigalego non vai estar, e no seu lugar apareza un carioca cuaseperfecto, deses que entran pola porta e todo o resto do mundo deixa de existir. que sexa tan fermoso como, que sei eu, o interior da amazonia, o mar nos trópicos, unha fervenza paradisíaca. tan fermoso, porque fermoso é a palabra para a súa beleza, e non o vulgar guapo, que ninguén poida sacar os ollos del, que parecía que levaba un photoshop incorporado. que ademais sexa terriblemente agradable e gracioso. que sorría tantísimo ao escoitar que si, que son galega. que sorría ao maldicir á burocracia que me obriga a ter un título que diga que sei portugués, cando é obvio que o sei. rir mentres ri ao chamarme portuguesa e que me fale de madeira
entón o día sorrí, e volto á casa cargada de enerxía e no meu interior unha voz tenta convencerme de que a próxima vez que o mire lle pida pra casar. por el, convertiríame ao reintegracionismo e ao que fixese falta

sorrío, por dentro e por fóra, que xa dá igual que a xente me mire raro, e penso: abril, que estás a facer comigo?

abril (iii)


falo soa
falo soa
falo soa
comezo a volverme tola

8.4.10

camión


alguén deixou aparcado na miña fiestra un camión amarelo
deixeino no mesmo sitio, non vaia ser que volten por el

5.4.10

abril (ii)

as jacarandas inundan o ceo gris. os esquíos pasean por entre a xente coma se non fose xente. os rapaces xogan á pelota. chegou abril e eu sigo aquí. nada cambiou o suficiente, mais xa amo a cidade

2.4.10

abril

non hai nada que tape a luz neste país. entra por todos os recantos, toda dun golpe, dándolle cores ben interesantes ás paredes dos cuartos pola mañá. mais a culpa de todo non foi da luz. foi da lúa, chea cheísima, que non nos deixaba durmir
dende que comezou a semana, a lúa alterou todos os meus estados mentais de tal xeito que case podería dicir que o comezo de abril foi marcado de vermello no calendario, mesmo antes de empezar o ano
así é. son as nove da mañá e morro co sono. todo está tranquilo; nas vacacións, a cidade fica un pouco baleira. é o momento preciso de desfrutala
e cando marche abril, quen sabe que será

30.3.10

hoxe cortei o pelo
e pode que todo -absolutamente todo- o importante sexa iso
en definitiva