12.11.08

a cidade (ii)

cando soou o teléfono estaba xa media esperta. escoitei, colguei, erguinme e comecei a pasear polo cuarto, como un xeito de asentar as ideas no bandullo. de xeito indirecto, a cidade estaba a despedirse de min, cunha sorte de artimaña revirada, buscándolle as voltas a unha historia que estaba a piques de pechar o seu último capítulo. lembrei, sen querer, a primeira vez que o vin, emblema case forzoso da cidade, de casualidade mentres explorabamos as rúas na noite, recén chegadas dunha viaxe interminable

[fago conta atrás, e sei que podo resultar pesada agonizando ate o infinito a despedida. dáme igual. permítome o luxo -por ser esta a miña casa- de facelo, e tamén de copipegar un textiño que enviei onte ao outro lado da península]



a cidade é ás veces unha cidade de postal, entón é cando menos me gusta. pasean turistas coas cámaras nas mans -nin sequera agochan a súa obscena fixación por retratala toda- e sinalan co dedo as luces, o brillo do peixe, as formas sinuosas de proa e de popa. gostaría de berrarlles e botalos de alí, mais sei que non teño ningún dereito. xa non, porque a cidade comeza a non pertencerme
non hai cousa que máis doia que considerar á cidade como pura pedra, e puro metal, e pura auga. non buscarlle o sentido alén da materia morta. non querela, igual que se pode querer un recordo ou un agasallo sentido
paseo, saudosa, por todos os recantos que foron meus. chega o inverno e as rúas énchense de follas secas, tamén a ría. e a miña cabeza está a medio camiño entre esta e a outra cidade. o debate sentimental entre o titanio e a pedra. entre un inverno duro e outro doce
teño os ollos postos noutro lado, lonxe da cámara. por iso todas as instantáneas que tomo son de postal, insulsas, iguais ás que podería sacar calquera outra persoa. quizais porque a esencia da cidade xa leve gardada moito tempo na retina da miña cámara vella

e soño, tamén, con voltar á casa

6 comentários:

Anónimo disse...

tens o blogue mais bonito que conheço

oko disse...

vaites, agradézollo morgan
que cousa máis bonita deixou escrita

Anónimo disse...

e, para além, creo que mereces umha parabenizaçom. ou hai moitas coincidências ou hai um artefacto chamado "Dende Illa Peixe" que já entrou no meu pensamento. que já deveço por ler.

oko disse...

quizais se dese máis pistas, podería vostede chegar ao texto ese do que fala... ;)

rui disse...

Eu tamén marcho desta cidade cara ao leste que xa coñezo, isto non é tan bonito como Euskal Herria mas logo dun ano vouna botar de menos.

oko disse...

sempre se bota de menos. supoño que é inevitable...