31.12.09

e que foi o que



pasou neste ano que remata que non son quen de tomalo como totalidade, non hai nada que o defina, é estraño, foron pezas soltas, pequenas, sen relación entre si. o nexo que une as cousas todas que me acontecen é eu mesma e nada máis
o ano comezou perdida e rematou ubicada, a miles de quilómetros do sitio que me é natural
en decembro de hai un ano dicía: gastemos os días. agora digo que os días pasen de vagar, moi de vagariño, porque xa pasou mes e medio e non me decatei, e esta mañá de súpeto almorzaba chocolate no traballo e xa era unha máis, e deume medo o axiña que pasan os meses e que algunhas cousas muden tanto e outras sigan tan igual, como enquistadas nunha sorte de medo primitivo ao cambio
a cada ano que fago reconto de danos colaterais por feche (e con este xa van cinco inventarios) quéixome do mesmo, de canta xente vou deixando atrás. e por primeira vez a distancia non me parece tanta. estou lonxe fisicamente, mais de certo non creo que deixase de estar alá. e dáme espranzas de poder seguir así por algún tempo máis
o ano que vai ser fechado foi moi bo e moi malo ao mesmo tempo. sacou de min cousas marabillosas e tamén cousas terríbeis. foi un ano de introspectiva. un ano de natureza. un ano de convivir comigo mesma e de querer moito aos demais, aos do meu redor. foi o ano dos olliños azuis e das viaxes. por dentro e por fóra

foi ano de querer máis aínda bilbao, de fundirme na paisaxe noturna de compostela. dos seus habitantes. foi ano de idear ducias de proxetos que quen sabe se algún día sairán adiante. foi ano de perder todo o arquivo dixital e comezar de cero - pero a única perda tráxica é a da memoria-

o ano da desilusión política. o ano de sair á rúa sen medo. o ano de cambiar, tamén, o xeito de pensar e ver as cousas. evoluir, que lle chaman.

2009. casas de palla e barro. trafalgar square e a quintana. os ollos do león. unha festa de fridas. libros de cor violeta e cancións fermosas. a arte do outro lado da raia. unha lehioa, un novo buraco na orella. quizabes, volver estudiar. moitos libros, moitos versos impresos, moita música. un esguince nun pe, unha saúde por veces feble. e a promesa dun ano que chega por diante cargado de forza. por terceiro ano consecutivo, latinoamérica. que chegou para instalarse. e quen sabe cantas cousas máis acontecerán nesta cidade monstro



2 comentários:

rui disse...

Feliz Ano, viaxeira
zorionak eta urte berri on

Questa notte, de esmorga no Morrazo, en Limens, para ser máis preciso

Biquiños

oko disse...

que envexa, andar polo morrazo.
urte berri on e estas cousas pra ti tamén

e unha aperta grande