fago repaso rápido en lectura diagonal de cousas que naceron en papel hai dous anos. dous anos non son moito, penso, mais en dous anos todo mudou abondo como pra sentir que foi máis, que dous anos son unha eternidade. en realidade todo mudou tanto nos dous últimos meses que semellan tamén unha eternidade
fago repaso, dicía, e sinto que a pesares de todo, aquelas liñas están vixentes hoxe, palabra por palabra. os pequenos dramas diarios. As pequenas derrotas que se miran tan grandes por momentos. as dores mudaron, se cadra, mais o xeito no que magoan é moi semellante
volta ao non durmir –ou durmir mal. volta ás caras grises e ás ganas de voltar a un lugar que funciona como unha sorte de curación interna. volta a pensar que nun ano isto non será máis que un mínimo arquivo na memoria, tan sen importancia, porque serán outros os dramas e as derrotas cotiás
mudou o escenario, si. por mudar, mudei de xeografía. mudou o meu corpo e o meu xeito de escribir. mudaron as perspectivas de futuro e de presente, tamén. mudaron as sabáns na cama e os libros que leo polas noites
tamén mudou o xeito de facerme dano a min propia e aos demais. fágome maior, ás veces a marchas forzadas. procuro problemas que eu mesma teño que resolver e que sei resolver. que teño que resolver. mais os problemas, cando eres grande, fanse máis difíciles, máis escuros, enléanse e implican a máis xente
e, como vía de escape, como fuxida, penso na casa, e refúxiome no van invisible que a cidade de pedra –a miña illa-, amorosa, me ofrece. un van pantasmal, frío e húmido dun inverno que se cadra, como cada ano, se resiste a marchar, pero que agarima polo de coñecido que ten. hai quen me agarda do outro lado e penso na aperta, aperta plural, sempre plural, para cando chegue
aínda que se vaia sementando dor –de xeito consciente, xa todos somos grandes- aí están os ollos doces de quen non xulgan, de quen non reprenden, de quen só aconsellan e apoian. e se se fechan os ollos, coa cabeza pousada sobre ese van, estes dous anos, estes dous meses, fican así tan lonxe