30.5.10

e abril


tendemos a buscar o difícil, porque é nos retos onde atopamos máis pracer. tendemos a complicarnos máis do que debera ser natural. tendemos a encapricharnos con aquilo que non podemos ter

mais se volvese atrás voltaría facer exactamente o mesmo

abril morreu. fixémolo morrer por non dicir que o matamos, que se sinte peor. abril morreu con data de 29 de maio, despois de lúa chea, e deixou un baleiro inmenso no ceo. abril levou para quen sabe onde todos os sorrisos, todos os bicos, todas as palabras. deixamos que maio viñese, e maio chegou para ocupar o sitio que por lei dereita lle correspondía

na tarde de conversas curativas, brindamos cunha beberaxe chegada de alén mar polos días que van vir. apostamos todo o que temos a xuño, porque non pode ser peor que maio

e entón, por non perder costume, só escoito e leo cousas que me fan sentir triste. escoito lene, por exemplo, repasando a letra, frase por frase, en voz alta. e penso nos seus ollos de navegante e cuspo na sorte que tiven sucalos nun abril que non durou tempo abondo pra saber de que cor era o reflexo que ía deixando a luz do día neles

Sem comentários: