21.8.10

temperance

entón arrola a voz dese taxista que pasa dos setenta, que che canta coplas mentres atravesa a cidade caótica de venres a mediodía. e podes ir mercar flores ás dez da noite nalgún posto de rúa aínda sabendo que nin todas as flores do mundo che poderían axudar a dicir todo o que tes que dicir
as cartas contaban que a túa vida estaba paralizada e que ameazaban grandes cambios e ti, que nunca quixeches crer nestas cousas, durmías co anxo ao carón da cara. que máis dá quen diga aquilo que non queres oír, se as cartas ou calquera que agora che arrodea. tanto tene entón pensas que xa hai tempo que querías falar das visitas, ou da viaxe a chiapas, ou dos novos figurantes que anegan o teu teatro e aquí te ves, durmindo un pouco baixo o ceu gris de despois do xantar, antes de entrar nunha semana estraña que comeza en sábado, e que ten sabor doce e acedo a partes iguais. porque estás a piques de envelenarte dunha máis das grandes farsas que tentan enganarnos coa posibilidade dun mundo millor

19.7.10

paciencia


as unllas e o pelo medran desmesuradamente aquí. existen tantos circos que sería imposible contalos e quizais pola multitude de paisaxes, o mundo interior tamén pasa por infindas estacións diferentes, que bulen coma o movemento das ondas

chove moito e unha acostuma a mollar os pés como reivindicación de algo que aínda non se decidiu o que é. non están os tempos pra facer poesía, e menos poesía política (nunca estiveron os tempos por dentro como pra facer poesía política). e se cadra o definitivo sería coller un narís de paiaso e ir á oficina con el, coma se nada. unha auténtica revolución

non están os tempos para a poesía nin para pensar no futuro, que diría calquera. non hai futuro. no futuro xa non terei estes anos. no futuro vou ser adulta e despois vella e queixareime de que non fixen senón mirar a vida pasar desde a marxe, coma quen non se atreve a meter os pés no río

nen sequera teño plantas. mamá mercou outro paxaro, que outra vez se chama atanís. desta é azul. pero este atanís nunca chegará a coñecerme, a oír a miña voz, a pasear pola casa sobre o meu ombreiro

o tempo pasa tan axiña que o pequeno xa cumpliu dous anos fronte a unha tarta de dora exploradora. e a min, que nin sequera me dou tempo a ver a televisión nas vacacións

xa case nin lembraba que este ano houbo abril. e é que a estación das chuvas opacou o pouco tempo que durou a primavera. xa non hai jacarandas en flor anegando a cidade, nin raios de sol no alto das árbores. hai, iso si, sorrisos e parellas que airean o seu amor coma un trunfo. e, tamén, soidades que vagan coma pantasmas polos recunchos máis grises da cidade, que son todos

as cartas din -porque as cartas falan- que fai falla ser máis flexible, menos estrita, para que a roda da vida volva xirar. e eu que cría non saber o que era a disciplina, descúbrome vítima dos meus propios muros. cinguida a uns padróns predefinidos coma un soldado. disto tampouco pode salvar a poesía e descubro canto de máis sinxelo é dar consellos aos demais que mirar cara dentro dun propio

e van pasando os días e a cidade, que bule e treme coma un animal, vaime pedindo máis. pide máis tempo, pide máis fala, pide máis carne e máis ósos. e eu, que llo vou dando todo, sen protestar. doulle tempo e doulle palabras e doulle a pel toda que vai esfarelando polo roce coa roupa do inverno. doulle sorrisos e, tamén, bágoas e berros. cando me enfada, entón doulle golpes e silencios

e a quen me arrodea, non sei. non sei que dar cando non están os tempos para poesía

así que a eles, a eles prométolles paciencia


15.7.10

terceiro paso

revisitar as palabras, os debuxos, os sons
falar polo teléfono
tentar durmir

segundo paso

aparentar normalidade
impoñer as decisións propias
non querer saber máis do xusto

13.7.10

primeiro paso

eliminar as pegadas
evitar os lugares comúns
limpar a memoria

3.7.10

días curativos que deixan atrás a primavera

cando cheguei á oficina, recibíronme cun benvida á casa que me fixo pensar que, claro, en realidade este país é agora a miña casa. durante as horas que seguiron ao mediodía, cantineando, chorándolle aos mariachis por unha canción que nunca cheguei, decateime de que desque volvera tiña obsesión por lavarme os dentes continuamente, sen saber exactamente por que
quizais porque a viaxe fora longa de máis, de arredor de... canto? vinte horas? e cheguei e agardaban por min no aeroporto cun sorriso inmenso e os brazos ben abertos e rindo porque me perderon as maletas. si, claro, é pra rir
cumprira con todas as cousas que tiña que facer: visitar os meus mortos, xogar cos nenos, dicir moitas mil veces quérote, falar, falar, falar, tamén escoitar. dar sorpresas. chorar (moito, moito máis que falar). topar con xente que había mil millóns de anos que non miraba. ir á praia. sorrir. falar de méxico, do tequila, do narco, da violencia
chorar


chorar hoxe cunha despedida, a primeira en todo o tempo que levo aquí. maldito este mundo no que me movo, no que a xente vai e vén continuamente. así afronto un cambio de etapa. nunhas horas, e segundo as consideracións dalgún organismo internacional, deixo de ser xoven pra me converter en adulta

e non podo evitar botar a vista atrás. o ano pasado, algún lugar perdido do oeste lituano. hai dous, baixo un trebón andino. hai tres, sen luz na habana. semella que os camiños me van levando a afastame da casa e eu que me empeño en estar, virtualmente, a través das liñas telefónicas, coa cabeza, que moitas veces está máis alá que aquí

mais si, esta é a miña casa agora. e por iso planeo sair antes do traballo pra ir mercar unhas katiuskas, ou armar un barco de papel o suficientemente grande como para coller dentro (e si, claro, das seis veces que vin o filme, chorei seis, que non é mala media)


estar lonxe, quen o diría. ir facéndose maior. vai un morrendo vai aprendendo, que dirían na casa e, claro, asumir responsabilidades, e tamén asumir as consecuencias das decisións que se toman. as consecuencias, por exemplo, de ir pola vida sen paraugas, ou de querer as cousas que non se poden ter. as persoas tamén


e como chove tanto fóra non deixo de pensar naqueles versos que dicían, como era? os amigos son os que mellor coñecen as dores que se apegan, non, non lembro ben. mais todos sabemos de que versos falo. si, esas dores de inverno

17.6.10

635 (día 59+3)

cantas cousas estrañas nos acontecen ultimamente. exames ás presas, futbol, medias rotas. pásannos días de chuva que alternan escena con días de sol radiante. chamadas telefónicas que nos acusan de crear monstros e máis algunha despedida tinguida dun dramatismo que por momentos semella excesiva. libros de neuroloxía e poemas de passolini. saudades que asaltan a horas insospeitadas. ganas de facer a maleta e marchar
segredos que levo gardando xa tempo de máis, e que só teño ganas de berralos a todo o mundo

son tempos estraños. a miña cabeza está máis alén mar que aquí. o meu cerebro está máis aquí que alén mar. e ningún dos dous funciona como debera

preciso osíxeno e tranquilidade

14.6.10

killing moon

non sei se alguén che falara da lúa no parágrafo número seiscentos trinta e catro. importante porque todo comezara con lúa chea. e todo rematara con lúa chea tamén

decidimos que a solución era expulsar todo o mercurio que nos quedaba no corpo, e deixabamos correr o tempo mentres dabas voltas arredor de min, pequeno satélite. dicías seguir o rastro da miña luz. falabas dunha certa hipersensibilidade á miña luz

-o carreiro que levaba á túa casa estaba marcado cos libros que eu che regalara, escollidos tras dun fondo estudo da primavera nas túas mans-

despois veu o teatro, e a roupa toda de máis, e os nomes que nos puxemos
despois veu o sol e a primavera. despois viñeron filmes e versos

e ao final, ao final de todo, chegou esa palabra que non nos atreviamos a dicir
pasei da rabia á dor. pasaches do capricho á dor

fixen a conta atrás e de súpeto xa nin era abril nin primavera. chovía e polas noites nos picaban insectos que non sabíamos atopar coa luz acesa

a cidade está tola, dixen. por tras das fiestras ameazaba o fume e o desacougo

doíanme os ósos e por iso ti me aloumiñabas o corpo con palabras bonitas. nunca dixeches mentiras. alomenos, non mas dicías a min

e si, o día que marchei, agardaches a perderme de vista polo final da rúa. e entón eu quixen quedar onda ti para sempre

maldita lúa

31.5.10

maio

fago repaso rápido en lectura diagonal de cousas que naceron en papel hai dous anos. dous anos non son moito, penso, mais en dous anos todo mudou abondo como pra sentir que foi máis, que dous anos son unha eternidade. en realidade todo mudou tanto nos dous últimos meses que semellan tamén unha eternidade

fago repaso, dicía, e sinto que a pesares de todo, aquelas liñas están vixentes hoxe, palabra por palabra. os pequenos dramas diarios. As pequenas derrotas que se miran tan grandes por momentos. as dores mudaron, se cadra, mais o xeito no que magoan é moi semellante

volta ao non durmir –ou durmir mal. volta ás caras grises e ás ganas de voltar a un lugar que funciona como unha sorte de curación interna. volta a pensar que nun ano isto non será máis que un mínimo arquivo na memoria, tan sen importancia, porque serán outros os dramas e as derrotas cotiás

mudou o escenario, si. por mudar, mudei de xeografía. mudou o meu corpo e o meu xeito de escribir. mudaron as perspectivas de futuro e de presente, tamén. mudaron as sabáns na cama e os libros que leo polas noites

tamén mudou o xeito de facerme dano a min propia e aos demais. fágome maior, ás veces a marchas forzadas. procuro problemas que eu mesma teño que resolver e que sei resolver. que teño que resolver. mais os problemas, cando eres grande, fanse máis difíciles, máis escuros, enléanse e implican a máis xente

e, como vía de escape, como fuxida, penso na casa, e refúxiome no van invisible que a cidade de pedra –a miña illa-, amorosa, me ofrece. un van pantasmal, frío e húmido dun inverno que se cadra, como cada ano, se resiste a marchar, pero que agarima polo de coñecido que ten. hai quen me agarda do outro lado e penso na aperta, aperta plural, sempre plural, para cando chegue

aínda que se vaia sementando dor –de xeito consciente, xa todos somos grandes- aí están os ollos doces de quen non xulgan, de quen non reprenden, de quen só aconsellan e apoian. e se se fechan os ollos, coa cabeza pousada sobre ese van, estes dous anos, estes dous meses, fican así tan lonxe

30.5.10

e abril


tendemos a buscar o difícil, porque é nos retos onde atopamos máis pracer. tendemos a complicarnos máis do que debera ser natural. tendemos a encapricharnos con aquilo que non podemos ter

mais se volvese atrás voltaría facer exactamente o mesmo

abril morreu. fixémolo morrer por non dicir que o matamos, que se sinte peor. abril morreu con data de 29 de maio, despois de lúa chea, e deixou un baleiro inmenso no ceo. abril levou para quen sabe onde todos os sorrisos, todos os bicos, todas as palabras. deixamos que maio viñese, e maio chegou para ocupar o sitio que por lei dereita lle correspondía

na tarde de conversas curativas, brindamos cunha beberaxe chegada de alén mar polos días que van vir. apostamos todo o que temos a xuño, porque non pode ser peor que maio

e entón, por non perder costume, só escoito e leo cousas que me fan sentir triste. escoito lene, por exemplo, repasando a letra, frase por frase, en voz alta. e penso nos seus ollos de navegante e cuspo na sorte que tiven sucalos nun abril que non durou tempo abondo pra saber de que cor era o reflexo que ía deixando a luz do día neles

26.5.10

eles

eles tamén choran
e cando eles choran as bágoas sáenme en por elas
sen preguntar

24.5.10

eles


eles tamén choran. eles tamén sofren. eles tamén minten

22.5.10

araña


ela ás veces falaba en inglés
el ás veces chamábaa con nomes de fenómenos atmosféricos

os dous sabían do triste da súa historia,máis facían coma se non soubesen

e deixaron correr o tempo por de máis

18.5.10

17

aquí aínda é 17. entretéñome poñendo no feisbuc anacos de poemas. que cousas. compostela erguía a voz cara un sol radiante cando eu aínda estaba durmindo. agora compostela -o país enteiro- durme, e pra min aínda é cedo de máis pra ir prá cama: fago o xantar de mañá, arrumo un pouco a casa
aquí ía frío, hoxe, e a miña cabeza vagaba uns nove mil quilómetros cara o leste do mapa
colguei poemas para que alguén os lese e aínda estou por decidir se foron a mantenta -se foron a mantenta ou se foi simplemente o subconsciente que me traizoou-
fago un repaso rápido. mais o que de veras querería poñer sería algún do único libro de poesía que me acompañou na andadura por este lado do mar e que sabe definir, case coma ningún outro, as cousas máis sinxelas
se o abrise ao azar, de seguro sairían versos sobre remorsos, e ela -a outra- e as dúbidas de sempre. se o abrise ao azar podería ate sair unha folla en branco
mais non estou segura de querer abrir ese libro, hox. onte agasalláronme con un fermoso, fermosísimo, de ilustracións máxicas
tan máxicas que as letras esvaen. e non deixo de espiar -de esguello- como os debuxos se moven cando cren que ninguén os mira


16.5.10

calquera lado


marchar a calquera lado
-calquera lado pode ser bo-
deixar que a noite te coma ou comer a noite
deixar sair de dentro o máis primario que se leva dentro

as conversas na distancia. na distancia das liñas de teléfono. na distancia entre as caras -a xusta pra non sentir o bafo na pel-

marchar a calquera lado. cun libro de debuxos baixo o brazo

quen podería resistilo?

14.5.10

e era o lugar máis apacible do mundo. e non puiden durmir
facemos reconto de todas as cancións das que gostamos
evitamos cantalas -chegou maio terrible-

11.5.10

abril

e rematou abril. deste lado do mar
tamén do outro

e maio comezou implacable



(linte cen vinte mil veces. mais cando chegaron as túas liñas, xa os meus ollos levaban chorando desque caera a noite. xa ves, as tristuras veñen todas da man, aínda sen elas sabelo)

6.5.10

pequenas cousas/vitorias cotiás que me fan un chisco máis feliz

(inspirada nel)

  • facer coma que abril non rematou
  • comezar o último libro da reserva en galego que me quedaba. e desfrutalo tanto
  • espertar sorrindo
  • a caloriña da primavera
  • as mañás que non hai tráfico e consigo un asento no autobús, alomenos dous minutos antes de chegar ao traballo
  • islandia e mongolia
  • facer plans e plan e plans aínda que despois non os cumpla
  • quedar con vellos amigos. que os anos de distancia non muden nada do que había antes
  • pensar en voltar a casa
  • falar con x polo teléfono, mesmo se x non di nada polo teléfono
  • recibir novas sobre futuras visitantes
  • facer sorrir a quen me rodea
  • escribir cancións en pizarras alleas
  • falar con papá e mamá os domingos
  • que me rodee xente que me fai sentir ben, que dicía un bo amigo
  • lembrar. que me lembren

e, tamén, claro, illa pedra

1.5.10

abril que marcha


e cando abril marche, terei que inventalo de novo. trinta días non son abondo. trinta días que comezan e rematan en lúa chea
pola rúa ninguén mira, ninguén fai caso. camiño lento porque as pernas non queren ir máis axiña
vai calor. hai ruído. todo dá igual. só hai abril. abril é todo. non quero. non quero que marche. aínda non

26.4.10

25 de abril musical

todo pasa por mirarte, de súpeto, no medio da sala vip dun dos festivais máis grandes de américa latina, e que esteas falando en galego. o galego é universal en canto que os seus falantes o son. tan absurdo como atopar alguén de caldas. tan absurdo como que todo o importante sexa iso, e non a inmensa cantidade de modernos que che arrodean, e que forman parte de bandas polas que a xente paga para oir. é maravilloso desenvolver esa capacidade de relativizalo todo
despois chega a noite e pérdeste no medio dunha marea de xente e non tes como comunicarte e todo semella tan complicado que una hora despois estás comendo tacos no centro e xa o esqueciches
foi fin de semana de brincar, de sentir o rebumbio da música por baixo dos pés. de descubrir que hai máis, hai máis lonxe dos bestsellers musicais. de facer trampas para entrar nalgúns sitios. de rodearse, que dicía un amigo, da xente que fai sentir ben. de falar galego e de evadirse. un pouco
van vinteseis días de abril. este marabilloso abril que tantas cousas trouxo