21.11.07

IPUIN IBERIARRAK

“... batek burua bestearen gainean
atsedentzeko zuen era lasaia izan zen
erabakia eragin ziona."
(manuel rivas)

Esta tarde fun a mirar-escoitar contos ibéricos. E resultou que eses contos ibéricos de autores en cinco linguas da península (as oficiais) eran narrados en euskara. De primeiras encantoume, sobre todo porque era moi relaxante, e porque non entender nada (ou case nada) permitiume fixar a atención noutras cousas: os músicos en directo, a iluminación, o narrador e, sobre todo, as imaxes mudas que se proxectaban no fondo do escenario. Apenas estiven en tres dos contos, e non obstante o de Manuel Rivas identifiqueino non máis aparecer a primeira imaxe, sen oir palabra. E asustome a miña capacidade de observación: en canto apareceu un lenzo en branco e mais unha man agarrando un carboncillo, eu xa sabía que era o seu conto (anque despois outros elementos mo confirmaron: o que debuxaban as mans eran uns paxaros, e o conto remataba coa palabra maite -amor- debullada en código internacional)
por que sería? tan previsible é?
por outra parte, é a primeira vez que escoito un conto galego en euskera. e soa realmente ben!!!

19.11.07

La Habana en imaxes

vino e non puiden resistirme a mercalo. un feixe de fotos da habana... na mesiña de noite, cun lapis atravesado por entre as páxinas, repousa un libro mercado alá, sobre a teoría do sistema capitalista de samir amin. que cousas.
estes días éntrame saudade, debe de ser de tanto falar de latinoamérica na clase. dubido poder volver este vrao. que mágoa. deixei contas pendentes por alá, para obrigarme a voltar
e mentres, na casa, agarda o magnífico libro que aínda non comecei. por que non o traería???

[ampliación das 23:54

"...Que sería de min se non existises, miña cidade da Habana.
Se non existises, miña cidade de soño, en claridade e escuma edificada,
que sería de min sen os teus portais, as túas columnas, os teus bicos, as túas fiestras.
Cando andaba polo mundo ías comigo,
eres unha canción na miña gorxa,
un pouco do teu azul na miña camisa, un amuleto contra a saudade"

Fayad Jamis (tradución semi-libre e un pouco mala)]

18.11.07

Heroes

Antes non tiña moi claro cal das personaxes de Heroes era a miña favorita. Dende o capítulo de hoxe, o 20 da primeira temporada, teño claro que é Peter Petrelli (cousa que non quita que o Haitiano me siga a parecer o máis mellor e máis guapo, claro)

(Abstéñanse comentarios que conten o que pasa no remate da temporada. Gracias)

17.11.07

pegada

tentar imprimir unha pegada a ferro.
tardarei meses en decatarme de que a pegada só quedará se imprimo a forza normal.
nin máis, nin menos

(lembrades cando a huella do dedo ía no carné de identidade?)
busco alguén que me diga por onde podo sair por bilbao que sexa semellante ao tipo de sitios -ou máis ben tipo de xente- que me gusten, -ou que vaian mellor comigo-

estou empezando a desanimarme (nocturnamente aínda non atopei o meu lugar)

16.11.07

cuestión de sorte?


ando estes días a pensar se o tema da sorte será contaxioso. dende aló por principios de ano, pero máis acentuado a partires de maio, a miña sorte foi medrando espectacularmente. non houbo nada gordo neste ano que fose malo (que ata ao de romper o pé lle saquei cousas boas).
pero se a boa sorte só me afectase a min, non tería tanta gracia, non?
nos últimos dous días teño novas de tres dos meus amores. as tres tiveron un golpe de sorte, de xeito que dúas atoparon traballo, e a unha terceira lle deron algo polo que levaba a agardar moito tempo.
sexa como for (prefiro pensar que isto pasa porque o merecen, porque levan moito tempo traballando arreo, e porque son tres soles), parabéns para as tres. e... mirámonos nos madriles!!!

14.11.07

como están as cousas pra que teñamos que seguir pedindo dignidade...

13.11.07

se é por min non volve dar clase

mirade que perlitas soltou hoxe un señor catedrático:
- o do cambio climático é todo unha invención
- "¿tú cuántos cajeros y contenedores has quemado hasta ahora?", a un rapaz vasco da clase
- mandar calar a unha rapaza sobre o tema do cambio climático aludindo a que con só 26 anos non pode ter unha opinión
- discutirlle a unha licenciada en ciencias medioambientales sobre como se produce o burato na capa de ozono, xustificándose en que el sabe porque ten UN libro sobre a Antártida na casa
- deixar o móbil con son na clase, e que lle soe o himno de españa (pura provocación)
- soltar antes de que marchemos da clase: "es que las mujeres, por no tener, no teneis ni hijos".

non estou acá para que me da clase un home así de reaccionario, nin pra que me falten ao respeito (a min ou aos meus compañeiros). etcétera

12.11.07

fin de semana curtísimo


dous días que pasaron voando. eles dous chegaron en bus e resistiron estoicamente as miñas explicacións de guía de tresalcuarto. onte á noite non tiña saldo pra mandarlles unha mensaxe que dixera que esta foi a mellor fin de semana dende que cheguei acá. adoro as visitas, e agardo ter outra antes de estar tan estresada que non lle poida facer caso...

(nas imaxes: dentro do metro camiño a plentzia, sergio pazos no camión vodafone aparcado diante do teatro arriaga e a escola de circo en kukutza)







9.11.07

Oko volve a ser xornalistiña en prácticas a partir do luns. Volta a traballar pra un monstro, desta vez moito máis grande e moito máis temible. Agardo atoparlle a parte boa...



7.11.07

REmeme

Convídame o señor Urizen a participar no meme das 8 cousas. E sorpréndeme dobremente: primeiro porque sae do anonimato ou lurkeirismo e me comenta, e segundo porque hai tres posts xa eu falaba de memes culturetas.
Cavilando en que podería escribir, pensei en todas as reminiscencias do terruño ou dos galegos que atopei por acá dende que cheguei. Aí van oito



1. A primeira persoa coa que falei en Bilbao foi un conductor de autobús. Era de Vilalba

2. A primeira persoa da miña clase coa que falei é de Moaña. Somos as dúas únicas galegas da clase

3. A nai da miña profe de inglés na EOI é de Arzúa

4. Estes días andan as paredes de Bilbao a amosar publicidade dun concerto de Luar na Lubre

5. A ETB2 retransmite o Luar

6. E. ten unha sueira de Nunca Máis, de cando veu a limpar a costa de Camariñas

7. As veces que falo galego na casa me comprenden perfectamente: seica o italiano de calabria é moi semellante ao galego, por unha banda, e pola outra, un erasmus en Lisboa axuda moito a entendelo, tamén.

8. Nos postos de libros de segunda man é típico atopar libros sobre Gz. Ata mirei algún en galego, de poesía, sobre todo.

Para outro día deixo anécdotas como o día que coñecín un garda civil de Negreira, e outras historias

(imaxe: Bizkaibus na Habana, xullo de 2007)

6.11.07

a miña precariedade é a túa desinformación



Súmome á campaña do SXG da que me entero vía O'Xirarei. Porque mellorar a situación de precariedadedos traballadores da información é unha das vías para acadar información de mellor calidade.
Porque como xa saben, señores, isto non afecta só a xornalistas, senóna todas as persoas ás que chegan os medios de comunicación ou a información que estes transmiten.
Vai sendo hora de que as cousas muden

5.11.07

de concertos

O primeiro é sempre dicir que son fantásticos, que saltei coma unha nena pequena, e que a única mágoa foi miralos de tan atrás (e chegar tarde). Quizais a eles lles deba estar hoxe coas amígdalas de tamaño de pelotas de tenis, ou quizais á miña inconsciencia nocturna (que fai que nunca me abrigue o suficiente). Quen sabe.

Pero faltábanme moitos alí. A verdade é que estabamos pouquiños, comparado cos que soemos ser, e aínda descontando aos emigrantes. E tiven que agardar ao sábado pra ver a dúas suxeitas que me funcionan sempre como a voz da conciencia, as miñas particulares Pepiñas Grilas.

E na casa, o de sempre. Ir ao cemiterio (que é unha das cousas que máis me gusta do ano), celebrar os 28 aniños de I., e despois poñerme enferma e facer que os meus pais quedaran preocupados ao ir coller o avión.
Xa ven como ando de sensible (debe de ser a febre) que xa teño ganas de voltar. Pero preséntanse duros estes dous meses antes do Nadal, e teño que traballar moito pra poder acougar na casa e dedicarme a calcetar bufandas ou a durmir diante da cheminea como faría un gato. Iso é, sempre, o que máis me gusta do Nadal.

1.11.07

retorno

cada mañá saio a esta rúa de pedra para ir a calquera lado. en menos de doce horas estarei do outro lado do norte, na beira do Atlántico. en algo máis de trinta e seis estarei noutra Pedra un pouco distinta, e aínda máis familiar. agárdanme unha manchea de sorrisos, unhas cantas apertas desas que deixan sen respiración e mais un concerto (do que agardo atopar entrada)
adoro esta cidade, pero... quen pode resistirse aos encantos do doce lar?

29.10.07

Meme culturetas

Recibo a encarga dun meme, e como hoxe tiven día monográfico sobre o continente africano, pois aí van ás miñas oito aportacións ao saber blogomíllico (se é que iso existe) sobre a África negra:


1. Sáhara significa auga. Cando falamos da áfrica Subsahariana, en realidade estamos a dicir: África afogada, África afundida. Está ben saber que se está a dicir con certos termos, non?

2. Nos reencontros interétnicos africanos rara vez se utiliza un idioma africano. Sempre son o francés, o inglés, o portugués... as linguas de comunicación. Estase a perder a riqueza cultural deste continente e gran parte da culpa (senón toda) é da época colonial.

3. William ury, un dos más afamados mediadores internacionais, aprendeu case todas as súas técnicas de mediación no xeito de resolver os conflictos internos dos bosquimanos. Ury ten o recoñecemento internacional, pero dos bosquimanos, que sabemos???

4. África está dividida en seis grandes rexións: Oeste, Centro, Magreb, Sur , Leste. Adiviñan cal é a sexta? A diáspora!

5. Na era precolonial, no continente africano si existían alianzas militares en cada etnia para defenderse de posibles agresións. O militarismo tal e como o coñecemos hoxe, e as grandes guerras, chegaron cos europeos.

6. Moitos dos nomes dos países africanos teñen significados "evocadores". Todos nos facemos unha idea do que pode significar Costa de Marfil. Pero por exemplo, Níxer, Nixeria ou Sudán significan "negro" en cadanseu idioma. Etiopía significa "cara torrada" ou "cara queimada".

7. Na Casa África no estado Español, sita nas Illas Canarias, non traballa nin un só negro. Pero segue a ser a Casa África.

8. Dúas sentencias do profesor J. Bolekia que me deixaron pensando:
"Os europeos son os únicos que len, porque non teñen fame"
"O que sería doroso é que dúas persoas, ambas vascas, utilizasen pra comunicarse o español. Isto é o que acontece en África"


Como soan estas cousas ditas por un guineano, non?


nota 1: agradecementos ao profesor Justo Bolkia, por toda esta información.
nota 2: paso a testemuña a O'Xirarei, Caufield e ao Paideleo. Sei que deberían ser oito, máis dubido da miña capacidade de convocatoria.

26.10.07

as chaves

eu nunca antes saíra da casa medio en pixama pola rúa deserta. mandárame unha mensaxe a horas intempestivas dicindo que estaba no portal da súa casa sen chaves, que que podía facer. dado que o meu móbil non daba sinais de querer facerme caso, decidín poñer algo por riba do pixama e sair a buscar pola rúa Barrenkale rastros seus. estaba fatal, cando cheguei tiña as chaves na man. tía, que as atopei. e doume a risa. levaba un xornal na man porque xa decidira que ía durmir na rúa tapada pola letra impresa. agardei a que entrara no portal e volvín para casa. hoxe tiña un sorriso de orella a orella. cousas así teñen que unir, non?

23.10.07

txoria txori

M. descúbreme esta canción. E fico sen palabras. Non é... perfecta?

Hegoak ebaki banizkio
nerea izango zen,
ez zuen aldegingo.
Bainan, honela
ez zen gehiago txoria izango
eta nik...
txoria nuen maite

(dun poema de Joxan Artze, musicado por Mikel Laboa; moitos a coñeceredes por La pelota vasca)

(tradución: se lle cortase as ás sería meu, non tería escapado. Mais así deixaría de ser paxaro, e eu... o que amaba era o paxaro)



21.10.07

- tú tranquila, que pasas por bilbaína
- y eso... por dónde queda?


era xa bastante tarde e un bilbaíno dos de verdade dicíame que case non teño acento, e que por estética, xa son completamente vasca. curioso, verdade? era a segunda ou terceira vez que mo dicían na noite.
e como en compostela, xa empezaron a contarme historias estrañas os desconocidos, e xa identifico a algún clásico da noite.
estou en proceso de adaptación, e creo que xa me está a mudar a pel

19.10.07

kukutza gaztetxea

encantoume kukutza, o seu xeito de xestionarse. o espírito, o ambiente, -a comida-, a estética do edificio. por cousas así, é polo que me encanta esta cidade.

(imaxe sacada daquí, claro)

18.10.07

eusko gudariak

Hoxe encántame "Gortzi", Francisco Letamendía Belzunce, (máis coñecido na miña casa como Francisco Paco) aínda sen coñecelo. Encántame porque teño na casa alguén que me fala cada semana del con admiración. E porque dentro duns días irei a unha das súas clases, só pra comprobar que é tan grande como parece ser. Queda dito.

Eusko Gudariak gara
Euskadi askatzeko,
gerturik daukagu odola
bere aldez emateko.

Irrintzi bat entzun da
mendi tontorrean
goazen gudari danok
Ikurriñan atzean.

Faxistak datoz eta
Euskadi da altxatzen.
goazen gudari danok
gure aberria askatzen.

Eusko Gudariak gara
Euskadi askatzeko,
gerturik daukagu odola
bere aldez emateko.


17.10.07

"en cooperación hai xente moi bonita, é moi fácil namorar"
"este máster tamén funciona como axencia matrimonial. Ao rematar hai moitas parellas feitas entre a xente que se coñece aquí"


partindo destas dúas premisas, quen non collería con máis ganas o de estudiar???
(imaxe roubada de non sei onde, glups!)

16.10.07

SI, EU TAMÉN ODIO A YC


Incrible. Como pode suceder? En serio aínda ten alguén a cara de falar de liberdade de expresión?
Queres darnos leccións de quen é máis aberta, quen é máis moderna, quen vai mellor cos tempos???
Pero quen cres que es??? A que pedestal cres que estás subida?
De verdade pensas que alguén te admira, que alguén a tal hora non se ri de ti, non te critica? Que lección pretendes dar con isto???

síndrome do membro pantasma


hoxe, ao percorrer os corredores da facultade de comunicación, sentín saudade. platós de tele, estudios de radio, obradoiros de fotografías... supoño que é o normal despois de tanto tempo, non?
e hoxe, por fin hoxe, comecei as clases. comezou o que t. chama "a miña nova vida". a ver como vai

nota: si, o xornalismo é o meu "membro pantasma". podedes facer todas as bromas que queirades

14.10.07

cambio en El País

o suplemento interior de El País de hoxe adícase en especial ao cambio que o xornal vai sufrir a partir do día 21. leo escéptica. na primeira páxina o director fai unha afervoada defensa do seu xornal (como é lóxico). atentos

"aspiramos a una sociedad abierta, liberal, moderadamente progresista, lo cual muchas veces ha venido a identificarse con las posiciones de centro izquierda de este país"
"y así pretendemos seguir, igual de beligerantes, de independientesy de incómodos para todos los poderes como (...) hemos venido siendo desde 1976. Ni más, ni menos"

incómodos pra que goberno (hoxe)??? con que esquerda se identifican?
pero, queren que creamos en todo isto a estas alturas?

12.10.07



odio non enterarme das cousas por non entender o seu idioma. pero adoro ver as paredes da cidade empapeladas de carteis na lingua propia. non podo ir a Iruñea, así que me conformarei con subir e baixar as escaleiras de Begoña como penitencia




11.10.07

XÉNESE: ÁMOTE NEGRA


(adaptación)

10.10.07

detención

vou pola rúa cando miro de súpeto un furgón da ertzaintza. no chan, uns sete homes teñen agarrado a outro, coa cabeza contra o chan. choveu moito, e aínda agora poalla. un dos policías colle a mochila do rapaz -porque só é un rapaz- e a mira por dentro. pouco a pouco vou decatándome do que acontece. a primeira pista é que é negro, o cal vai descartando posibilidades. van sacando varias carteiras da súa mochila. probablemente un raterillo. chega un choche da policía municipal. en total, agora suman oito homes, unha furgoneta e tres coches policiais. tratan de levantalo do chan, pero o rapaz non se ten en si. dá a impresión de que está inconsciente. méteno no asento de atrás coma a un saco de patacas, e marchan coas sirenas postas.
creo que teñen os nervios demasiado a flor de pel. son imaxinacións miñas, ou é así?
aquí a xente vive moi tranquila. non sei se xa se acostumaron á violencia, ou é que non lles queda máis remedio. g. sorpréndese de que non debatan do tema na clase, cando o profesor saca o tema. quizais teñan medo a dicir o que pensan, ou quizais é que nin sequera saben que dicir. non sei cal das dúas me parece máis terrible

8.10.07

lembreime de compostela a esa hora na que todo o mundo migra da zona vella para ir meterse nalgún antro da nova. aquí, moi cedo, a xente tamén migra. a miña primeira inmersión noturna rematou no antzokia, falando cun par de tipos extraños que facían soar dúas maracas e falaban en catalán e que non me gustaron nada porque un deles me mirou con desprezo ao lle dicir de onde viña.
gústame esta cidade, agora mentres a miro con ollos de estranxeira, porque podes sentar na herba a ler mentres uns pavos reais pasean por diante, e podes sentar no medio e medio dunha rúa a falar do que agardas do inverno, e tamén podes quedar na casa a mirar a etb. o sol sorrí aínda e semella que os días do inverno van a tardar en chegar

5.10.07

non podo máis que aguantar a risa ao ver o anuncio de Gadis a través do blog d'O Xirarei. Aguantar porque non quero que toda a biblioteca me mire con cara de odio. si, síntome identificada, sobre todo porque sempre teño a palabra riquiño na boca e porque cando recibo un ataque interrogativo, sempre respondo con outra pregunta. penso proclamalo aos mil ventos, claro que si, VIVAMOS COMO GALEGOS!!!

3.10.07


a foto fíxoa T., que tivo a santa paciencia de vir a buscar piso comigo a Bilbao. agora xa estou instalada nunha rúa do casco vello, rodeada de pedra. parece que así compostela doe menos.
e tería mil cousas que contar, que agora boto de menos todo. tanto, que ata puxen unha foto do traballo de mamá de fondo de pantalla. adoro todo o que cheire a galego. todo o que lembre que pasei os últimos anos na cidade máis linda do mundo. e que todos aos que máis quero están por alí (e van vir a visitarme se queren seguir con vida no Nadal)

1.10.07

Mamá díxome que agarde dez minutos máis para apagar a comida. A radio está prendida. Na Serachéganse a Compostela para ver como vai o primeiro día de clase na Universidade. Están na facultá branca e falan cun rapaz de primeiro. Eu tamén estou en primeiro e persigo a Xosé López polos corredores anchísimos de mármore, e escoito na aula1 a Outeiriño falar durante algo máis dunha hora do mito de Fausto.
Hai catro anos preguntábame que demo facía comezando Xornalismo. Agora que rematei, sigo tendo a mesma dúbida.

(prometo poñer fotos de Bilbao en canto postee dende o meu ordenadorciño)

15.9.07

De feito, o que máis me gustou del foi o seu sorriso, que brillaba moito coas luces, e que se vía agrandado, supoño, polos efectos do alcol. Gustoume o seu sorriso, e inventarlle un oficio.
Agora, agora que empezo a vivir de verdade (e máis aínda, se cabe) Compostela, agora é cando teño que me despedir. E éntrame a tristura...
(nota: quen dixo que non sepodía facer unha entrada de blog sobre unha noite de xoves normal???)

10.9.07


pasou o día, pasou a romaría

XA SON FILLA ÚNICAAAAAAAAAAAAAAA (na casa)


e vivan, vivan, vivan as irmás da noiva!!!

7.9.07

Que si, señores, que esta casa vai de capa caída. Estame afectando non acceder á rede regularmente, ter tanto tempo libre e -case- non saber que facer con el, e empezar a planear na miña cabeza a migración a terras do norte, que é polo de agora o único que consigue manterme cerebralmente viva (iso, algún que outro programilla e un par de libros)
Mañá é o día M., e preguntarán se estou nerviosa por quedar de filla única na casa. Pois a verdade é que me manteño escéptica. O mellor do día será fumarme un puro -cubano- diante de toda a familia e estrear o meu vestido made in gz

27.8.07

vémonos no condado, non?

23.8.07

de cuba VI (historias)

O día que descubrín que había gafaspasta / poperos cubanos. Entro nun local que é coma o Krooner compostelán pero na Habana. Vou ata o fondo e pido na barra. Dispóñome a sair pero hai un montón de xente

- perdón, me dejais pasar?
- como no voy a dejar pasar a unha chica tan linda (comentario puramente cubano) y con un corte de pelo tan bonito (comentario popero)

(nota: para os que non saiban como teño o pelo, poderán facerse unha idea aproximada para ambientar a historia)

de cuba V (historias)

(escenario: un val. os protagonistas percorren a cabalo os arrozais. protagonistas: unha valenciana e un cubano)
- que yegua más lista!
-como? que mi yegua es comunista??? ANTES LA MATO

20.8.07

de cuba IV (historias)

(escenario: un patio ao aire libre con luces que funciona de discoteca. a protagonista conversa cun rapaz loiro que todos chaman Ruso)
- Y te gusta nuestra discoteca? Que te parece?
- Es... es... particular
-No, no. Aquí nada es particular. Es todo del Estado!!!!

9.8.07

de cuba III (da xente)




as historias só comezan a ter sentido cando llas contas a alguén que non as viviu. o último mes só comezou a ter sentido cando papá colleu a miña maleta na estación, e t. veu buscarme e fumos á praia. naquela praia todos eran brancos e non había ninguén buceando entre peixes de cores e case ninguén na auga. entón comecei a decatarme de que estaba en marín, e non noutro lado.





o avión é un elemento de confusión. en apenas dez horas atravesei miles de quilómetros, e na miña cabeza non collían dous mundo tan diferentes entre si, e tan próximos no espacio. aínda agora hai cousas que me sorprenden. que negros e brancos non falen, non anden xuntos pola rúa, non se queiran. sorpréndeme o consumismo -non é incrible???-. semella que no canto dun mes estivera todo un ano vivindo alá





porque hai lugares que cambian a un por dentro se os coñeces un pouco. que che removen toda e fan que penses que hai cousas que non están ben. que non é certo que vivamos no mellor dos mundos posibles. que non é certo que poidamos ser felices así





esa, e non outra, foi a grande lección que aprendín dos cubanos. anque eles non o saiban, nin crean que sexa certo. que ser clase media occidentalita, iso non pode facer feliz a ninguén. agora seino, anque non sexa tan forte como pra poder evitalo de todo



de cuba II (do aire)

facía anos que non miraba lucecús. as estrelas lucían coma en ningún sitio. a lúa, espléndida, non se ría de min. era un reencontro, dela e máis eu.
o ceo, dende a Illa, e tamén mirar a patria dende o aire, o recorte das rías. son esas dúas imaxes as que aínda me fan tremer se pecho os ollos



de cuba I (do chan)

La Habana é unha cidade moi sucia, pero chea de cor, e terriblemente pobre e fermosa. Un animal que se adapta aos ollos de quen o mira, que muta, que vai mudando a pel cada día. Que cada mañá –e sobre todo cada noite- ten unha cor diferente. Esa é a Habana que vai grabada na miña retina.

Tardei máis de dez días en ver a cidade de día. Durante tres semanas desexei con todas as miñas forzas que o mes nunca rematase, quedarme alí pra sempre. Mais agora sei que non é así. E quizais sorprenda, pero onde quedaría pra toda a vida é no rural cubano, nas pequenas vilas nas que non hai turista e unha galega é peza de colección. Esa é a Cuba da que namorei de verdade. As paisaxes máis fermosas que xamais ollo humano mirou, como dixo Colón. A xente máis boa que xamais coñecín. Quizais onde menos agardaba atopar foi onde atopei. Foi despois de estar en Provincias –como eles din-, cando me prometín a min mesma que voltaría a Cuba. E vou volver, o máis axiña que poida. Xa o prometín.

(E quizais pregunten por que Cuba, se me queda tantísimo por coñecer no mundo. E responderei que un mes é sufieciente para prendarse dun país así, porque Cuba é unha illa en todos os sentidos da palabra, e porque alí pensei, dividinme, tomei decisións e disfrutei como nunca fixera antes)

5.7.07

Pechado por cuestións académico-vacacionais

Académicas porque vou estar o próximo mes facendo un curso. Vacacionais, porque o curso en cuestión impártese na Habana.


{Quedáronme mil cousas por contar da última semana, mil fotos que poñer. Pero entre o portátil vírico, non ter conexión na casa e que nos malditos cibers de Marín non van os usb, desisto. }

Bo mes de xullo a todos. Falamos alá pola primeira semana de agosto!!!

29.6.07

despedidas (iii)

os últimos catro anos foron como un asentarse todo por dentro. parte do que son é culpa vosa. aprendín a querer á xente coa que pasaba vintecatro horas ao día pola maldita necesidade humana de querer.
encaixar era a miña grande preocupación, e atopei unhas cantas pezas irregulares na mesma caixa de puzzle sen facer na que andaba eu.
por iso me gustades. porque non sodes coma o resto. porque conseguín encaixar no in-encaixable. porque seguimos a ser, a pesar de todo, pezas soltas.
ando ás despedidas, estes días. esta noite será a definitiva, de aquí en algo máis dun mes. cando volva xa non terei ganas de estar triste. agora comeza a aventura. "e onde vaiamos estaremos ti e mais eu/ e quen sabe se todo isto non virá tamén", ou algo así dixo o poeta.
pois o dito.



(nota: faltan moitos, moitos moitísimos na foto. pero roubeilla a m., que eu agora viaxo sen equipaxe e non levaba ningunha enriba)

27.6.07

despedidas (ii)


si, si que aprendín. sería unha estupidez e unha mentira decir que non aprendín nada en catro anos metida na factoría. aprendín a aprender, a que me interesen as cousas e buscalas por min mesma. a descubrir que está ben e que mal pola miña propia conciencia, e non por absurdas normas. aprendín que o que algúns me ensinaron non o vou poder facer nunca nun medio (para ben e para mal). aprendín a querer unha profesión que quizais non chegue a exercer nunca, quen sabe.
descubrín que os vou botar de menos (a uns máis, outros menos, outros nada)

26.6.07

despedida (i)


só ti sabes cantas veces chorei na pedra, cantísimas rin. só ti, das noites que fun á Quintana a chamarlle filladeputa á lúa por rirse de nós e estar aí arriba, tan lonxe.
pola rúa funme facendo maior, pola única rúa que me pareceu bonita o día que tiven que escoller destino. e agora marcho, nunha vorixe de caras, de datas, de recordos. nunha vorixe de cousas indefinidas que é o que está por vir. deixo moito aquí. deixo todo o que fun en catro anos. deixo a pegada de mil amores, de mil historias. nons ei cando voltarei, como di a canción. mais agardo atoparte no mesmo sitio, impertérrita, insolente. para que sigas sendo o meu refuxio. o acougo das noites das que é imposible -impensable- durmir.

23.6.07

venres-nait


as grandes noites son aquelas que non planeas e as cousas salen como non pensas que van sair. acompañarse de grandes personaxes é a clave. poñer música e bailar coma tolos, con luis de matos ao fondo no luar. e despois, despois que pase o que sexa. que máis dá? apenas un exame e só dez días para despedir a pedra

20.6.07

A sala de estar é o lugar polo que temos que comezar, se é que ao cabo queremos entender a dinámica constitutiva de abstraccións da caste de "comunidade" ou "a nación".
(D. Morley)

Aprendín a grande lección de que hai frases que, sacadas de contexto, parecen unha tontería. Tamén aprendín que hai frases que, incluso no seu contexto, son unha ida de olla.

Tú, es que estás pensando en el equinocio de verano, pero no siempre es así.
(D., 20/06/07, 00.57 h.)

Sempre así de productivas, as horas de estudio na biblioteca. Con conversas que fan que se che olvide que estás a dous exames de rematar a carreira.

18.6.07

APETEGA

O venres á tarde, cando pasaba pola praza do Toural atopeime cunha "mostra" que non estaba anunciada no sitio-onde-miro-sempre as cousas que pasan nesta cidade. Era unha presentación de traballos de tecnoloxía de rapaces de ESO, que se facía para protestar contra a reducción das horas de Tecnoloxía que van sufrir os rapaces destas idades trala implantación da LOE.
Era impresionante (alomenos para min): aparelliños que percorrían circuitos, norias, ascensores... todo saído das clases e feito por rapaces de entre doce e dezaseis anos. As miñas clases de Tecnoloxía nunca foron tan productivas (quizais porque a natureza non me dotou dese tipo de habilidades). E non obstante a odiar esa asignatura, apoio o reclamo dos profesores: unha materia eminentemente útil para crear, para pensar, para construír. Para evitar crear un ensino hiperespecializado e coxo. Para fomentar xeracións de alumnos que saiban algo máis que as catro regras, porque
A Tecnoloxía é o conxunto de coñecementos e técnicas que,
aplicados de forma lóxica e ordeada, permiten ao ser humano modificar o seu
contorno material ou virtual para satisfacer as súas necesidades, isto é,
proceso combinado de pensamento e acción coa finalidade de crear solucións
útiles.
A min paréceme o suficientemente importante, non si?
(Imaxe e texto sacados daquí)

14.6.07

Nunhas imaxes de arquivo da tele, na descrición...

"as cáride drogueira"
(enténdase ascárida, blogueira)

e moito mellor:
"pedro silva, responsable drogaliza"

que pouca vergonza. agora xa nin se agochan, que ata saen na tele!

13.6.07

Son días de compartir mesa cos universitarios máis pijos que podamos atopar pola cidade, de perder o tempo con bromas que só nos fan gracia a nós e que se nos escapan das mans, e de rallarnos co que pasará, co que virá
Os meniños quedan todos no mes de xullo. Van estar todos menos eu. Diseminados polos medios de Compostela e arredores. Eu mercareilles pulseritas e mandarei algunha postal. Despois, en agosto, cando volva, haberá quen xa non estea. E en setembro volveremos xuntarnos pra celebrar que non sabemos que vai pasar a partir de outubro. O medo vai proporcional ao interese que suscita a incertidume

8.6.07

Provocación


- Se os gafapasta se enfadan, comezarán a tirarnos as súas converse, as súas bailarinas, as súas chapas, os seus libros gafapasta...
- Os seus blogs
- Si, tamén nos tirarán os seus blogs
- E as súas gafas???
- Non, tirarannos todo, menos as súas gafas de pasta

(Non comecei eu, esta conversa, pero gardo o anonimato de quen a iniciou, por se despois toman represalias cara ela)

5.6.07



parece que lle estou dando largas a isto de ser maior, por momentos

4.6.07

creo que vai sendo hora de poñerse a traballar e deixar de pensar no verán
(quen me vai a querer se non me licencio en xuño???)

2.6.07

Ei, bailas igual que miña nai nos anos 60

(e a imposibilidade de describir as últimas dúas noites/día)
cada vez gústame menos a xente normal