30.11.06

O sexo dos anxos

Hoxe, as grandes axencias de prensa, as emisoras de radio de máis longo alcance e astra as emisoras de televisión autocalifícanse de veículos "informativos". O feito de que cada unha delas coincida case milimétricamente no seu radio de acción cos intereses de mercado económico-ideolóxico de emisor non eiva que, nalgún caso, cheguen a esquecer o pudor adxetivando como "libre" e independente" a súa actividade. (...) Inxenuamente algúns, con plena consciencia os máis, intentan recrear a vella ilusión do individuo que coas súas forzas pode cambiar a historia poñéndose, se preciso é, por riba dela. (...) Parecen pretender que o periodista pode introducir alteracións básicas no funcionamento da sociedade á que serve no máis estrito sentido da palabra.

Ánxel Vence. A independencia do periodista e o sexo dos anxos. 1982

É por isto, e por moitas outras cousas, polas non quero ser xornalista. Por hoxe xa está ben.

29.11.06


Quero facer unha tontería e deixar de ser aburrida. Pero non me atrevo. A vida non é como as películas. Ás veces olvidamos a fronteira entre o que quixeramos que fose e o que é. Fóra están os demais. Dentro está

...

28.11.06

Estreei os meus zapatos novos coma unha nena pequena. Mentres, en Marín chegáballes a auga ao pescozo, porque o río volvía ao seu cauce natural. Agardei a que chegase o bus e marchei pra casa, un pouco triste, porque un dos meus (xa) vellos amores foi amable, nunha amabilidade condescendiente que desinchou o meu ego a ras de chan. E ando desaparecida por Marín, seino. Pero Dios sabe o difícil que é compaxinar a vida académico-laboral e a familiar. Apenas un cine e cinco mil recados. Non quedan ganas de nada. E aínda soñar cunha historia de novela negra. Ser xornalistiña afeizoada estase a facer máis difícil do que a priori poida parecer

23.11.06

Tres intentos de algo que viña sendo o mesmo pero de xeito moi distinto. Escribir os nosos somes nas inmáculas paredes do novo. Cantar ata desgañitarse o Ai, Maruxiña, ou escenificar María de la O. Sair do paréntese no que estiven metida durante dous anos para volver a entrar en lugares indesexables. Acordar entrar a formar parte de iniciativas lusas como equipo junior. Fartarme dos traballos cos que non aprendo nada. Deixar que se metan comigo por estar na tele. Imitar a presentadores famosos, ou a famosos varios. Botar de menos presencias. Disfrutar coa compaña. Lembrarme de buscar a peli que me pediches. Aprender a modular a voz e traducir teletipos do inglés. Facer visitas médicas a enfermitas oculares -non hai un ollo bo, repito-. Enfadarme, por veces, por algunha que outra intransixencia. Odiar as pintadas nas paredes de pedra dos edificios públicos. Cuestionar o valor dalgunhas cousas. Non atreverme a falar co chico da radio. Locutar unha nova sobre a Fontana di Trevi. Facerme punk por culpa dunhas botas de charol. Asinar cos nosos blogs e facer oficial o noso nome blogueiro. Pensar nun novo proxecto en conxunto...

Os amigos, ás veces axudan a olvidar algunhas penas, anque só sexa un parche dunha noite...

16.11.06

Si, saín na tele. Todos foron benevolentes e me animaron. E, non sei, é todo tan novo. Tan diferente.

14.11.06

O fume do tabaco chegou ao asento de atrás mesturado co vento frío da noite. De súpeto lembreime do verán, do fume que chegaba dende a ventana.
A saída só consistiu nunha entrevista pequena e moi institucional, burocrática, medida. Terriblemente aséptica, como soen ser estas cousas da política. E fun con el, que é moi riquiño, pero calado. Calquera sabe que, polo xeral, a xente calada non me gusta. Pero descubrín, sempre acabo descubrindo, que os tímidos, cando collen confianza, deixan de selo. Por eso sempre dou tempo. O tempo que quixera que os demais me desen sempre a min.
Así que fun, e voltei, e agora estou contenta porque ademais teño compañeira no TX2, e ando á procura dun tema para o meu traballo de guión, que quería facelo sobre algún filme interesante, pero apenas atopo bibliografía... E sigo confundida e nerviosa. Pero que ninguén se preocupe. As cousas serán como teñan que ser

9.11.06

Resumo acelerado en plan diario adolescente


Armo escándalo na clase, que se estivese en primeiro, non volvía á facultá coa vergonza. A primeira, o profesor mándame achegarme adiante unhas tres veces. A terceira, dáme un ataque de risa despois de respostar a unha pregunta do profesor ao estilo Mohamed, pensando que non se me oía. A última, ao meu ordenador non lle dá a gana de ir, e tardo o dobre en facer que un coche corra pola miña pantalla.
Na tarde, adícome a buscar unha academia que non acabe co pouco que cobro ao mes. Que caro é ter un nivel aceptable de inglés neste país. Plantéome seriamente recibir clases de conversa dun rapaz que coñecín nun antro de mala reputación xD.
Preocúpome por alguén que está nun estado mental máis ben caótico, e pregúntome se non o estarei eu tamén. Despois, chámoa para quedar, pero a cabina trágame os cartos. Collo a cousa e voume para a biblioteca. Necesito unha ducha e parasitar un rato. Parasitar mentalmente, claro. Mañá teño que ir. E de pensalo, debúllaseme un sorriso na cara. Por fin, por fin hai algo que me ilusiona. Sen tempo non era.

8.11.06


Chego a casa e dígolles que estou namorada. A tele é todo un mundo. Son riquiños, trátanme moi ben, teñen paciencia, son benevolentes, e responden amablemente ás miñas preguntas de nena repelente "para que vale isto???". Está o rapaz de cara triste, que é polo que digo que estou namorada. Ademais ten cara de blogger, que non sei como é, pero el tena. Hai quen di que teño tendencia a namorar dos homes con cara de tristes. Non o sei. Pero o certo é que xa me tarda en chegar o venres para volver, e nunca pensei que se puidese dicir isto dun traballo, pero é que me gusta tanto...

5.11.06

ti optaches polo egoísmo. agora eu escollo a indiferencia


(imaxe: esao)

3.11.06

TX Serán. A ver que tal

31.10.06

1.

Inevitable, o meu encontro cos seus libros. Chego a casa e agarda por min. Non quería mercalo. Non quería lelo. Pero me persigue. Xa hai tempo que me metín na espiral das persecucións. “Regaláronmo en Xerais”, di miña irmá. “É para ti”. Así que abro as páxinas e comezo a devoralo. Aínda non sei que dicir del. Preciso coñecelo máis a fondo.

2.

Visítoos o sábado, só pra saber que tal están, “pra que non olviden a miña voz”. No medio nunha conversa, S. di que se ri dos blogs dos que fan prácticas en xornalismo. Ë un fío tendido para entender que le este blog e o de Xorna. Que entra nesta casa dende hai algún tempo pra rirse de min. Decátome de que no ano e pico de existencia disto, nunca me avergonzara de que o lese miña irmá, meus amigos, algún que outro anónimo que me coñece ben. Incluso que me coñezan en persoa quen antes non me coñecía. Pero non eles. É coma unha violación da miña intimidade. Anque eu xa violei a súa antes. E faise certa a máxima de non recordo quen, que di que tarde ou cedo os teus compañeiros de traballo acabarán sabendo cal é o teu blog. S., a partir de agora podes entrar cando queiras. Agora con invitación. Dito así, non parece tan terrible que se rían de min.

3.

Vou a cemiterio con mamá, o domingo. Repítolle por enésima vez que quero que me enterren no chan, co abuelo, ou con S.T. Dígollo co pleno convencemento de que vou marchar antes ca ela. Disfruto do silencio, e do ruído que fan as pedriñas do chan cando as pisas. Vou co meu vestido novo, para honrar aos mortos, a todos en xeral. Despois atopamos a un home que nos di que pra ser xornalista fai falla moita voluntá. Xa podían ir aprendendo os detractores da carreira. Volvo a casa e poño a mesa. O primeiro domingo de novembro nunca é coma os demais domingos do ano. Fai calor e cheira a día de defuntos. Durmín unha hora máis. Este foi pra min o primeiro domingo de novembro.

4.

Comprei as katuxas. Párame nun paso de cebra Barreiro Rivas e queda a mirar pra elas. Claro que mira pra elas, pra onde, se non?

Na clase, aposto con E. a que saco unha matrícula. A ver quen dos dous as saca. Esta vez, a aposta vai en serio.

Agora marcho. Quedei con M., para facernos un pouco maiores xuntas falando das cousas da vida. Agora teñen un gato. Terei que ir coñecelo un día destes.

27.10.06

Era o meu chico árabe. Onte, a iso das dez, cando baixaba correndo a levarlle a A. algo que deixara na casa, volvino ver. Pasaran xa case tres anos. E estes tres anos foron moito tempo. Cando o vin por última vez, el era xa licenciado en medicina, e eu era aínda unha novata de primeiro de xornalismo. Non sei que foi del. O mir, supoño. Nin sequera o saludei, non sei por que, e non sei se vai voltar, ou se está aquí, ou que raio pasou na súa vida. Moitas conversas de sobremesa no sofá, acordei de súpeto.
Solo agardo volver a velo, e parame a falar con el. Para que volva a ser o meu chico árabe, alomenos por un rato

25.10.06

Chica TVG

Unha marea de 23 aprendices de xornalistas infiltraranse na compañía pública de radio e televisión de Galicia a partir do día 2 de novembro. Foron especialmente entrenados para un único cometido: destruíla dende dentro. Baixo a apacible apariencia de alumnos en prácticas, estas armas de destrucción masiva rematarán coas emisións antes do 30 de abril.
Aviso: se vostede traballa na CRTVG, fuxa antes de ser alcanzado pola onda expansiva...

(Vamos, que me colleron, a min e a 22 máis, para traballar na tele o próximo medio ano. Polo menos o proceso foi democrático, cousa que non poden dicir eles nin eles. Que emoción, xa son chica TVG!!!)

24.10.06

De probas

Xa todos -por unhas vías ou outras- sabiamos que esa praza de prácticas estaba dada. Eu, pola miña conta, sospeito que a outra tamén o estaba, e por iso fixeron proba. Pero foi divertido, porque fixeron preguntas axeitándose a min. Tamén preguntas para pillar, como "que dis se che falo da Sala Galán?". Divertido, si, e esta vez ninguén me chiscou un ollo -adiosgracias-.
Pola tarde veñen os señores da CRTVG a decidir quen de nós pode pasar seis meses de aprendiz audiovisual e/ou xornalístico na cadea pública. Se non me escollen a min, rematouse a miña aventura practiqueira dos próximos seis meses. É o que ten!!!

{nota: esta noite rematou o Ramadam (مضا). Apuren os preparativos, que hai que comezar a celebralo!!!}

21.10.06

aquí estou, coas uñas pintadas de vermello polo aburrimento. sen gran cousa que contar. sen historias, sen anécdotas, sen creacións literarias ridículas, sen links curiosos.
creo que me estou a facer vella e aburrida.


{ah, si, bueno, o tipo de arvis & bauman chiscoume un ollo. houbo quen considerou o aceno como competencia desleal...}

14.10.06

Porto, Porto

Si, unha ponencia non é a cousa máis terrible do mundo, e sen dúbida estaba máis nerviosa que o primeiro día da carreira. O mellor dos dous días, por suposto, as exposicións de Orihuela e Dans, brillantes, ilustrativos, e enriquecedores. -e non é por facer a pelota-.
A compaña tamén axudou bastante, a verdade. Ambas aprendimos moito neste encontro, o poder que cada vez máis teñen os blogs, o seu futuro incerto.
E faría unha crónica exhaustiva, pero hoxe teño máis cousas na cabeza. Teño, por exemplo, a operación de mamá, que non é para tanto, pero ponme nerviosa. As prácticas, comezar a facer traballiños, xa.
E volver a durmir na casa. Agora a miña habitación é verde. Para os musulmáns o verde é o símbolo do paraíso. Eu, non sei, é que non o teño moi claro.

10.10.06


Tería mil e unha cousas que contar de Túnez, da xente, do deserto, da beleza dos seus homes, da súa forma tan distinta de ver as cousas e de vivir. Pero hox só teño ganas de dicir que o sinto, e que te quero, e que me sinto mala e que o estou a pasar mal. E aínda así, as palabras non chegan

30.9.06

e xa.

marchei con un feixe de notas de prensa baixo o brazo e dous enderezos de correo electrónico, firme a promesa de enviar un par de fotos tunecinas. quizais aínda non son consciente de que marchei, ou de que non é deixalos a eles, senón a un xornal de merda, e que non teño porque deixar de velos, que para algo están os bares.
morey preguntábase de cantas pequenas mortes estaba feita a vida dun home. eu diría que cada marcha é unha pequena morte, porque vas deixando moitas cousas atrás, aínda que leves moitas outras contigo. esta foi, nalgún sentido, unha pequena morte. non só polo sentimentalismo de deixar a xente atrás. tamén porque, en certo sentido, é deixar atrás marín, e pontevedra, e a casa. porque estes tres meses foron algo máis que un traballo. foron un modo de vida que non repetirei se todo sae como agardo.
cando voltaba no bus, un borracho díxome que non sabía nin quen era el mesmo. hai moita sabedoría nos fondos das botellas. e o conductor sorriume, sorriume durante tres meses, e tiña ganas de gritarlle a todo o mundo xa rematou todo, pero non fun quen e sentei e lembrei as cariñas de todos ao despedirse, a broma de J, o sorriso de B, os ollos preciosos de N. e a súa actitude de tipo duro. a aperta de R(i), a miña carpeta en Intercambios, o naris de M(s), a pila de papeis na mesa baleira, o calendario de días libres. e tantas caras, tantas roldas de prensa, tanto aprendido, os erros nas maquetas, as mil entrevistas, o mar, o sexo, os ministros e os conselleiros, os alcaldes, os mil e un amores. quen sabe se algún día voltarei

29.9.06

marcha

Non, non é que non queira marchar. Cando cheguei, só tiña ganas de deixalo, de coller a porta e dicir, aí vos quedades co voso xornal de merda. Pero agora custa despegarse e marchar. Hoxe agonicei ata tarde a miña marcha. Mañá non quero saber como vai ser. M(s) e N(a) xa me dixeron adeus. Ou ata pronto, que ás veces é o mesmo. Mañá tocaralle ao resto, a N(s), aos fotógrafos, a B. E o certo é que non quero marchar, e non me arrepinto destes tres meses, de canto aprendín, do incrible que é esa xente, capaz de sacar unha edición turrando co monstro do capataz.
Vólvenme as ganas de ser xornalista, esas que nunca tiven. E agora, quizais porque estea sensible, planteo un futuro que non estea de todo afastado dos medios. E teño medo, porque a satisfacción co traballo non a dan os compañeiros, pero foron tan importantes para min este verán... e tamén teño medo, e máis aínda, ao saber que non vou a atopar tanta xente tan boa en ningún sitio. Non, en realidade non quero marchar

26.9.06

e se non fose pola dor hoxe sería un día estupendo. falar co desfacedor de entuertos, saudar ao meu camareiro favorito, volver ás rúas de pedra, a compaña, volver a entrar nas cuarentas de zara (nas do resto do universo sempre entrei, co cal é cousa de zara, que está tallando normal)
e tamén cousas estrañas, como aquel rapaz que ía sentado diante miña no tren e despois camiñou case ao meu carón polas rúas de pontevedra. non creo que o volva ver, porque atopei a m. e xa non souben onde se metera, co cal non lle podo pedir permiso para colgar esta foto súa. e quedei coas ganas de preguntarlle se era artista ou se estudiaba belas artes simplemente. (levaba un carro cun lenzo dentro, e tiña cara de ser unha persoa realemente interesante). sempre me bota para atrás o estúpido medo a non sei que. a próxima vez, queda prometido, pregunto.

{nunca te sentíches gilipollas ao anunciar algo importante na casa e que pasen de ti? creo que me farían moito máis caso se dixese que me caso, que merquei un pantalón ou que rompín unha unlla...}