2.10.08

crónica xxii.


cheguei aos andes o día que cumpría vintetrés anos. chovía moitísimo e no comedor non había luz. cantáronme o zorionak zuri diante dunha arepa con queixo. despois diso viñeron as viaxes en autobús polo medio dun inmenso xardín verde, a trasandina, as horas de oficina, acostumarse aos chamos, as hamburguesas do señor i. e meterse na cama cedo coma os pitos
pasaron noventa días sen dar aviso
hoxe vai moitísima calor e vou riscando nunha folla as tarefas pendentes xa feitas. recollo os últimos vestixios do computador, as miles de imaxes que roubei. fago reconto de danos colaterais, deses que dá gusto curar. penso en todos cantos coñecín, escribo correos. comezan as despedidas
só hai unha pregunta que se vai repetir, aquí e alá, cando volva. que che pareceu o país? e, coma sempre, non saberei que responder. ese non ter palabras de cando se ten medo a quedar curto

2 comentários:

paideleo disse...

Pasoume a min no meu retorno dos EEUU ou, antes, de Londres. Só respondía que o meu paraíso sería unha mistura das cousas boas de cada lugar onde pisei e gardei algo no corazón.
Boa despedida.

oko disse...

estas no certo, paideleo