27.11.08

na casa


e tamén e isto estar na casa
e moitas cousas máis

camiño polo paseo onde tantísimo cemento impide mirar o mar. fago rutas imaxinarias por rúas que non piso dende hai tanto tempo. prepárome pra voar á pedra a fin de semana. odio non ser quen de adaptarme aos horarios de vida normal

22.11.08

(inciso)

teño dúas minchiñas na casa que fan que non se me quite o sorriso de aparvada da boca. desfruto de dous días de compostela, de falar durante moito rato cos daquí, cos meus. comezarei a darlle ao pandeiro en breves e cando todo o mundo pregunta que vou facer da miña vida non respondo. desfruto do momento. de moitos momentos.

(e ando fóra da rede por motivos de infraestructura. a ratos bótoo de menos)

17.11.08


primeiro foi voltar cun galeano nun paquetiño de papel de estraza, agasallo de y. despois, correr polo metro onda eles, porque o ordenador se puxera maliño e non sabía moi ben quen o pasaba. despois falar co norte, prometendo visita. agradecer que haxa xente que te bote unha man sen coñecerte de nada e tentar durmir ben para afrontar a última xornada na illa

16.11.08

b.

orballaba e a néboa -tan baixa- non deixaba ver se os cumios estaban nevados en b. facía moitísimo frío. j despediuse de min dicindo agur, txori polita, mentres camiñaba cara ao bus. todos entendían esas palabras mais só nós as cinco coñeciamos o seu código. artellar o mundo arredor de catro verbas -begia, polita, beltza, txoria-
pechei entre a pedra dun vello mosteiro a última liña que quedaba por escribir. non só o vrao, senón un ciclo. despedinme con ollos tristeiros da paisaxe, entre vermella e verde de outono. que fermoso o país dos vascos, aínda dende a fiestra dun autobús



14.11.08

rara

aínda lle quedan tres días, mais esta xa está alcumada como a semana estraña. aparece xente nela que sabes con certeza que se pon no camiño por algo. pasan cousas que fan que a cabeza che dea mil voltas e que te plantees o que fas e por que o fas. ris, e bailas, e paseas, e vas a actos e a festas que che amarran forte contra as lousas do chan. falas, falas moito desas cousas que tanto che gustan, do mundo en xeral, do ser galego en particular, do transiberiano, de escribir, de millóns de plans que asedian a cada paso, aos que gostosa lles deixas o pleno dominio do teu maxín


esta é a semana rara porque sabes que as cousas e persoas que pasan por ela veñen pra quedar. porque este verán aprendiches que ninguén nin nada acontece en balde. e ti abres a porta da casa e os convidas a instalarse no pouco espacio que queda entre maleta e maleta

12.11.08

a cidade (ii)

cando soou o teléfono estaba xa media esperta. escoitei, colguei, erguinme e comecei a pasear polo cuarto, como un xeito de asentar as ideas no bandullo. de xeito indirecto, a cidade estaba a despedirse de min, cunha sorte de artimaña revirada, buscándolle as voltas a unha historia que estaba a piques de pechar o seu último capítulo. lembrei, sen querer, a primeira vez que o vin, emblema case forzoso da cidade, de casualidade mentres explorabamos as rúas na noite, recén chegadas dunha viaxe interminable

[fago conta atrás, e sei que podo resultar pesada agonizando ate o infinito a despedida. dáme igual. permítome o luxo -por ser esta a miña casa- de facelo, e tamén de copipegar un textiño que enviei onte ao outro lado da península]



a cidade é ás veces unha cidade de postal, entón é cando menos me gusta. pasean turistas coas cámaras nas mans -nin sequera agochan a súa obscena fixación por retratala toda- e sinalan co dedo as luces, o brillo do peixe, as formas sinuosas de proa e de popa. gostaría de berrarlles e botalos de alí, mais sei que non teño ningún dereito. xa non, porque a cidade comeza a non pertencerme
non hai cousa que máis doia que considerar á cidade como pura pedra, e puro metal, e pura auga. non buscarlle o sentido alén da materia morta. non querela, igual que se pode querer un recordo ou un agasallo sentido
paseo, saudosa, por todos os recantos que foron meus. chega o inverno e as rúas énchense de follas secas, tamén a ría. e a miña cabeza está a medio camiño entre esta e a outra cidade. o debate sentimental entre o titanio e a pedra. entre un inverno duro e outro doce
teño os ollos postos noutro lado, lonxe da cámara. por iso todas as instantáneas que tomo son de postal, insulsas, iguais ás que podería sacar calquera outra persoa. quizais porque a esencia da cidade xa leve gardada moito tempo na retina da miña cámara vella

e soño, tamén, con voltar á casa

10.11.08

a cidade


a cidade é, as máis das veces, máis que un cúmulo de rúas, de edificios, de ceos grises. a cidade vive, muda de pel, fala. vai deixando pegadas no camiño, pra que a descubras aos poucos, alongando ese momento de desenvolver o agasallo máis agardado, demorarse nun bico, nunha aperta
a cidade prefire a noite, cando hai menos xente pola rúa, menos ruído, e todos temos máis facilidade pra falar
agora que vou marchando, a cidade prefire apurar os pasos e deixarme atopala a cada intre. vai poñendo xente no camiño que quizais estea a aparecer por algo. e tanto dá falar do aragonés ou de madrí ou do que é que será ser xornalista. tanto ten con quen. vou marchando e fago unha lista de cousas pendentes. entre elas, voltar canto antes

7.11.08

e xa! por fin!

rematou o trance, con máis gloria que pena, que valga dicir que os comentarios sobre a miña exposición eleváronme o ego ata o infinito, non tanto as críticas ao traballo en si. eles, o tribunal, sabían que no fondo fixeran a eleción axeitada, que entre gastar tres meses facendo un bo traballo ou pasar tres meses en vilapán e facer un traballo así así, calquera escollería vilapán.
e por iso rematou e xa nin lembro apenas que foron as cousas que me dixeron mentres, de pé, agardaba a que me chovesen os paus por todos lados, ao máis puro estilo televisivo, dese que sale nos zapins.
queda o leve recordo dunha dor de cabeza insistente e as despedidas dalgúns compañeir@s de clase que non sei se voltarei atopar algún día

e xa son libre


6.11.08

fin de fines


mañá remata a tortura de pasar un mes cos ollos pegados ao ordenador. remata cun trámite tan pouco espectacular como unha exposición. quince minutos pra contar aquilo no que en teoría traballei todo o verán, e que na práctica traballei só no mes de outubro, por ter cousas mellores que facer.
e rematar gloriosamente criticando os organismos internacionais, as grandes axencias, os propios gobernos. o pouco interese que hai, en realidade, en pechar a fenda dixital. que desesperanza

4.11.08

u.s.a.

estou aborrecida co bombardeo mediático das eleccións nos u.s.a.
como tantas outras veces, estou totalmente dacordo con desorde


2.11.08

de fins de semana

e ten que ser que nun sitio pequeno, cuasi familiar, teño que atopar a tanta tantísima xente coñecida, amigos de amigos, amigas de amigas de amigas, caras que non agardabas atopar máis que nun lugar, nunha cidade determinada. e que traen novas deses que hai tanto que non miras, que non sabes ben onde viven, como lles vai

e despois dunha noite de música, de música de todo tipo, de cantar moitísimo, de acabar caladiña ate os ósos coa chuva, despois, tarde de domingo de seudodespedidas. j que marcha ao outro lado do mundo e eu que non sei cara que lugar do mapa quero mirar

29.10.08

dance with me (2)

atravesei o casco vello coa miña ducia de castañas, ben gardadiñas dentro da súa bolsa de papel marrón, quecéndome as mans. o rapaz que mas vendeu sorriu tanto que os seus ollos quedaron pequeniños, entre a pel escura. hoxe na illa ía moito frío, tanto que os nenos levaban luvas e as señoras que habitan os pisos máis grandes do centro da cidade sacaron os seus abrigos de pelexo. subín as escaleiras de begoña, ate o parque. no metro estaba o acordeonista e facía tanto tempo que non o oía que me deron ganas de ir saudalo. tocaba unha canción que non era a de sempre. mais o día comezara, horas antes, ao rexeitar un traballo e cantarlle a x polo teléfono a súa canción favorita. contei unha e mil veces que estaba de paso. a carteira tróuxome un sobre certificado. comprobei a miña incapacidade pra centrar a atención en nada. pechando un capítulo e abrindo outro. dubidando de cando voltarei ter vida académica reglada. sen saber onde irei. nin con quen. sen saber se quero sabelo. descoñecendo o que está a pasar no mundo agora mesmo. estou de paso en todas partes. desfrutándoo



repito video. síntoo

28.10.08

26.10.08

facendo probas coa cabeceira...

25.10.08

chamadas

por primeira vez en dez días, saín a tomar o aire e tiven vida alén da rede. resultou estraño estar en illa peixe, porque quizais o traballo que tiña que facer non me deixara facerme ben idea de onde estaba. facía frío e as rúas do centro seguían o seu ritmo habitual. vin a a, e tamén se me fixo estraño mirala alí, precisamente alí, a sete mil quilómetros de distancia. despois, como se nos oísen falar deles, chamáronnos. e fun inmensamente feliz, escoitalos de novo, que dixeran que nos botaban de menos
falamos moito, entre nós, dos últimos tres meses, porque só nos entendemos as bromas ou aturamos escoitar as mesmas historias unha e outra vez, coma vellas veteranas de guerra. volvín á casa coma se os últimos dez días non existisen. e si que existiron. foron a primeira pista que me lembra o pouquiño que me queda nesta cidade

(por primeira vez en todo este tempo preguntámonos unhas ás outras: credes que a viaxe nos cambiou? e asentimos na cabeza, mais ningunha pode explicar exactamente en que)

22.10.08

trens

se non hai tren de cercanías, que solución queda? coller un bus (carísimo) dunha compañía privada? estar obrigado a ter coche? evitar ter que ir aos sitios pequenos?

quen decide que é prioritario estar conectado con madrí e non con padrón?

hai veces (moitas máis das que me gustaría) nas que este país non che me gusta nadiña

[sabido por caufield con esta nova de por medio]

20.10.08

(tía) oko

hai un cacho que a fixeron nacer. por fin (dentro dun mes) vou coñecer a a. veñen -ela e máis x.- a encher un oquiño, que non sei se existía antes, na miña cabeza. cando volva agardan por min os pequechos máis bonitiños do mundo. non vai a haber nada que me quite o sorriso da cara

19.10.08

migración


falo con J(g). en menos dun mes estará en timor oriental, por un ano. fago reconto de todos cantos están fóra. V na china. P en filipinas. J en brasil. R en méxico. S e L na india, e con elas, dentro de pouco, A(m). A(p) en tailandia. A(v) e, en breves, C e P, no reino unido

o mundo comeza a semellar pequeniño. pero as distancias son demasiado grandes, polo de agora

pequeno caos

durmo coa camiseta dunha misión. teño o cuarto máis recollido ca nunca, agás a mesa, un caos de papeis. pola noite chego a soñar con stallman. aborrezo as organizacións internacionais. tecleo bastante. leo bastante. abuso da capacidade do ordenadorciño. tento baixar os pés á terra. fago plans pra decembro (ir mirar neve). poño os lentes. quito os lentes. agradezo non ter rede no meu cuarto. abúrrome. volvo ao traballo. recoloco a bandeira (que esvara parede abaixo cada dous minutos). chamo a casa (algunha vez). falo monotematicamente. como moito. leo o xornal. poño os lentes. leo mil e un documentos. fago a conta atrás: en vinte días remata a tortura

sorrío. hoxe estou contenta

17.10.08

gris

teño as mans alaranxadas, de tentar que o pelo de m mude de cor. as manchas son irreais. dende que aterrei en illa peixe tamén eu son toda ficción. e non teño senón vida virtual, tras dos lentes verdes e a carapucha gris, diante da pantalla. encho a lámpada de notas que din cousas que case non teñen interese. como só verde e branco. o móbil non soa, non pode soar porque ninguén ten nada que dicir. creo pouco no que fago. ás veces moito. miro as fotos do verán, e de máis atrás. de hai uns días. teño saudade de cousas que foron, e de cousas que poderían ter sido. busco latitudes no mapa, pero non coinciden co que ando a buscar. o centro de todo debera xirar agora en torno a esta pantalla. mais cabeza anda sobrevoando outro lugar, a centos de quilómetros