29.10.08

dance with me (2)

atravesei o casco vello coa miña ducia de castañas, ben gardadiñas dentro da súa bolsa de papel marrón, quecéndome as mans. o rapaz que mas vendeu sorriu tanto que os seus ollos quedaron pequeniños, entre a pel escura. hoxe na illa ía moito frío, tanto que os nenos levaban luvas e as señoras que habitan os pisos máis grandes do centro da cidade sacaron os seus abrigos de pelexo. subín as escaleiras de begoña, ate o parque. no metro estaba o acordeonista e facía tanto tempo que non o oía que me deron ganas de ir saudalo. tocaba unha canción que non era a de sempre. mais o día comezara, horas antes, ao rexeitar un traballo e cantarlle a x polo teléfono a súa canción favorita. contei unha e mil veces que estaba de paso. a carteira tróuxome un sobre certificado. comprobei a miña incapacidade pra centrar a atención en nada. pechando un capítulo e abrindo outro. dubidando de cando voltarei ter vida académica reglada. sen saber onde irei. nin con quen. sen saber se quero sabelo. descoñecendo o que está a pasar no mundo agora mesmo. estou de paso en todas partes. desfrutándoo



repito video. síntoo

28.10.08

26.10.08

facendo probas coa cabeceira...

25.10.08

chamadas

por primeira vez en dez días, saín a tomar o aire e tiven vida alén da rede. resultou estraño estar en illa peixe, porque quizais o traballo que tiña que facer non me deixara facerme ben idea de onde estaba. facía frío e as rúas do centro seguían o seu ritmo habitual. vin a a, e tamén se me fixo estraño mirala alí, precisamente alí, a sete mil quilómetros de distancia. despois, como se nos oísen falar deles, chamáronnos. e fun inmensamente feliz, escoitalos de novo, que dixeran que nos botaban de menos
falamos moito, entre nós, dos últimos tres meses, porque só nos entendemos as bromas ou aturamos escoitar as mesmas historias unha e outra vez, coma vellas veteranas de guerra. volvín á casa coma se os últimos dez días non existisen. e si que existiron. foron a primeira pista que me lembra o pouquiño que me queda nesta cidade

(por primeira vez en todo este tempo preguntámonos unhas ás outras: credes que a viaxe nos cambiou? e asentimos na cabeza, mais ningunha pode explicar exactamente en que)

22.10.08

trens

se non hai tren de cercanías, que solución queda? coller un bus (carísimo) dunha compañía privada? estar obrigado a ter coche? evitar ter que ir aos sitios pequenos?

quen decide que é prioritario estar conectado con madrí e non con padrón?

hai veces (moitas máis das que me gustaría) nas que este país non che me gusta nadiña

[sabido por caufield con esta nova de por medio]

20.10.08

(tía) oko

hai un cacho que a fixeron nacer. por fin (dentro dun mes) vou coñecer a a. veñen -ela e máis x.- a encher un oquiño, que non sei se existía antes, na miña cabeza. cando volva agardan por min os pequechos máis bonitiños do mundo. non vai a haber nada que me quite o sorriso da cara

19.10.08

migración


falo con J(g). en menos dun mes estará en timor oriental, por un ano. fago reconto de todos cantos están fóra. V na china. P en filipinas. J en brasil. R en méxico. S e L na india, e con elas, dentro de pouco, A(m). A(p) en tailandia. A(v) e, en breves, C e P, no reino unido

o mundo comeza a semellar pequeniño. pero as distancias son demasiado grandes, polo de agora

pequeno caos

durmo coa camiseta dunha misión. teño o cuarto máis recollido ca nunca, agás a mesa, un caos de papeis. pola noite chego a soñar con stallman. aborrezo as organizacións internacionais. tecleo bastante. leo bastante. abuso da capacidade do ordenadorciño. tento baixar os pés á terra. fago plans pra decembro (ir mirar neve). poño os lentes. quito os lentes. agradezo non ter rede no meu cuarto. abúrrome. volvo ao traballo. recoloco a bandeira (que esvara parede abaixo cada dous minutos). chamo a casa (algunha vez). falo monotematicamente. como moito. leo o xornal. poño os lentes. leo mil e un documentos. fago a conta atrás: en vinte días remata a tortura

sorrío. hoxe estou contenta

17.10.08

gris

teño as mans alaranxadas, de tentar que o pelo de m mude de cor. as manchas son irreais. dende que aterrei en illa peixe tamén eu son toda ficción. e non teño senón vida virtual, tras dos lentes verdes e a carapucha gris, diante da pantalla. encho a lámpada de notas que din cousas que case non teñen interese. como só verde e branco. o móbil non soa, non pode soar porque ninguén ten nada que dicir. creo pouco no que fago. ás veces moito. miro as fotos do verán, e de máis atrás. de hai uns días. teño saudade de cousas que foron, e de cousas que poderían ter sido. busco latitudes no mapa, pero non coinciden co que ando a buscar. o centro de todo debera xirar agora en torno a esta pantalla. mais cabeza anda sobrevoando outro lugar, a centos de quilómetros

15.10.08

pobreza


leo o convite. entón lembro que hox recibín un correo con esta nova. pode que a jaima na que durmín no deserto, na wilaya smara, non sexa agora máis ca po. pode que non teña sentido falar de pobreza aquí, que ninguén le. pode que nin sequera teña sentido dicir que me gustan os lugares onde as casas non teñen portas, nin cancelas, e os nenos camiñas escalzos pero sorrín e son vivos e sempre teñen preguntas que facer porque queren sabelo todo. hai sitios nos que mirar pra baixo é o xeito de responder á pregunta de se no norte todos somos ricos. onde non ten sentido ter un cento de títulos académicos porque aprendes máis do que aprenden de ti.
hai lugares onde sobrevivir é o xeito de vida. e hai outros nos que se constrúen muros inmensos por non mirar o que acontece arredor. o mundo enteiro apodrece e case nin nos decatamos

14.10.08

encerro

hox doen os ollos diante da fiestra que me conecta co resto do mundo. busco na rede o seu nome e non me atopo
na declaración universal de dereitos humanos non hai ningunha mención específica ás linguas
teño dez días pra sinalalos co dedo e chamarlles estúpidos

volta


durante cinco días só pensei neses olliños azuis que agardaban por min na casa. despois a pedra e os seus habitantes. vilapán foi quedando lonxe, como unha lembranza afastada, un feixe de historias que contar. estrañar os rapaces, o sol, o verde. a cambio, outras cousas. dez días de traballo duro. despois, voar outravolta, quen sabe a onde

3.10.08

crónica xxiii. (e xa)


todo isto foi a república bolivariana en noventa días. e moito máis. foi namorar mirando a nebulosa de orión e durmindo baixo as estrelas. quixen quedar pra sempre perdida nunha praia rodeada de verde. amei o mar, as terras chas, os montes altísimos. adorei esta revolución, mirándoa nos ollos da xente. fun foránea e coñecín a outros coma min. aprendín que os tolos son os menos tolos de todos, e que aínda quedan espazos nos que poder ser feliz. deixei que o meu pequeno fogar fose un cuarto ateigado de pantasmas e falei do país dos vascos coma se fose a miña propia terra. tamén do país dos galegos con ollos de namorar
quixen quedar aquí pra sempre. despois tiven saudades da casa. inevitablemente, voei

[e a última hora, chega un paquete ao meu nome. ábroo. é de a. un recompilatorio de música e tres libros de poemas. todos de farruco sesto. éntranme as ganas de cuspir toda esta vertixe polos ollos. no canto disto, deito un dos primeiros textos dun dos libros:

Nada pasa salvo el viento que anda.

Estoy en medio del pueblo, sentado en la plaza.
Pero no veo a la gente a mi alrededor.
No oigo a los vendedores de fruta
ni a los niños que cantan.
Y es que mi corazón está en otra parte.

non queda máis por dicir. non polo de agora]

2.10.08

crónica xxii.


cheguei aos andes o día que cumpría vintetrés anos. chovía moitísimo e no comedor non había luz. cantáronme o zorionak zuri diante dunha arepa con queixo. despois diso viñeron as viaxes en autobús polo medio dun inmenso xardín verde, a trasandina, as horas de oficina, acostumarse aos chamos, as hamburguesas do señor i. e meterse na cama cedo coma os pitos
pasaron noventa días sen dar aviso
hoxe vai moitísima calor e vou riscando nunha folla as tarefas pendentes xa feitas. recollo os últimos vestixios do computador, as miles de imaxes que roubei. fago reconto de danos colaterais, deses que dá gusto curar. penso en todos cantos coñecín, escribo correos. comezan as despedidas
só hai unha pregunta que se vai repetir, aquí e alá, cando volva. que che pareceu o país? e, coma sempre, non saberei que responder. ese non ter palabras de cando se ten medo a quedar curto

1.10.08

crónica xxi.


probablemente o mércores foi o último día que mirarei ao granciño de café de cinco anos, na sede do psuv, ao ir pedir uns cartaces. que non foi senón esta mañá que coñecín a un dos veciños da longa rúa que leva a casa, o señor da horta con tartarugas de terra, que me contou que ten unha filla a vivir en ferrol, foi alí a estudar unha mestría e quedou pra sempre. semella que agora todo quere arrecender a casa, a terra, mentres que pasan as horas dos días tan axiña. que nos xornais todo é ecuador e eleccións e medran os murais polas rúas e as bandeirolas polas casas, e aínda son festas en vilapán e xa morreu o verán alá, na casa, e vou preparando a cabeza para o frío, e para o traballo, e para as horas que pase na pedra. que me virá buscar ao aeroporto o bichiño máis lindo do mundo, e tamén teño a cabeza nos correos que me chegan dende asia, do outro lado do globo. quero abarcalo todo pero o mundo, a tal hora, ten unhas dimensións tan pequenas que me desborda por todos os lados

(imaxe obra de a. coa miña camariña)

29.9.08

crónica xx.


a lagoa estaba encantada e por iso non se descubriu ate que soubo quen eramos e a que iamos ate ela. era fermosa coma ningunha outra. coa néboa, tan mesta, enchíase o pelo e a roupa toda de xeada, e ata pasamos frío, que foi como estar na pedra ou en illa peixe de novo
despois todo foi desinhibirse á noite na praza de vilapán, bailar, falar, falar moito, espertar tarde, roubar laranxas, rir
sentirse aquí, a ratos, coma na casa

26.9.08

crónica xix.

mentres agardaba por unha chamada que nunca chegou, xogamos a imitar aos animais. como fan os cans enfadados? miauuuuuuuuuuuuu. despois fixemos cantas onomatopeas se poden facer coa boca. durmimos ben. fóra da casa non había ruídos onte á noite. por primeira vez

25.9.08

crónica xviii. (festas en vilapán ii.)

que no bus viña falando das misións cubanas e de como é que hai cuba en medio mundo, e non puiden facer reconto de todas as cousas dos últimos dous días. así que agora, biscoito na man e medio café, deste aguachirri que beben aquí, agardo a que cargue unha páxina e reviso todas as fotiños que fun sacando dende o martes. que estamos en festas e onte foi festivo e non traballamos, mais andivemos polo barquiño este no que vivimos dando voltas, e pintamos follas das árbores e descansamos a barriga, que o día anterior foi o aniversario de a. e comimos tarta alomenos tres veces. e cantei o zorionak zuri en cantos idiomas sei. que onte á noite andamos jodiendo, que é como din aquí, e por iso cheguei tarde case dúas horas esta mañá. que pensabamos que había que durmir na porta da igrexa, porque xa non había taxis, ata que o tipo que peor nos cae de todo vilapán nos levou ata a porta da casa, ao módico prezo dun bico cada unha. que a a. se lle quedou a boca aberta ao mirarme bailar. que si, que só bailo con r., que para algo xa nos gañou o corazoncito a todas. é inxusto que agora, que xa comezamos a entrar na vida da xente, teñamos que marchar. bendito fin de semana que nos agarda

(na imaxe, un pouco de okocentrismo fotográfico)

22.9.08

crónica xvii. (festas en vilapán)


o mellor lugar onde durmir é un leito de mandarinas. aprendín o pracer de ir roubarllas ao veciño os días nos que quedo na casa. tamén facer bailes parvos pra que os rapaces se partan da risa e os instructores pensen que estou un pouco tola
nas festas da vila, unirse aos outros estranxeiros, os únicos estranxeros que estamos aquí, e que ata eles se rían de nós ao oir pola megafonía en plena cabalgata, también están con nosotros las compañeras de españa, terra, tráganos ben fondo
explicar un millón de veces que non, que non somos españa, e discutir de historia, de desenvolvemento, da realidade cubana e venezolana, de latinoamérica
deixar que descoñecidos nos expliquen o namorados que están todos do noso pasaporte e acudir á elección da raíña das festas pra decatarnos da sorte que temos de non considerarnos a nós mesmas un cacho de carne con medidas
durmir con música pra poder durmir, chegar ao luns pola mañá con novas que poñen triste. recibir correos dende gz, dende eh, dende italia, dende as illas africanas, todos dicindo quero que volvas e eu que non sei se quero volver ou non, con estas ganas tremendas de apertar e que me aperten

19.9.08

crónica xvi.

que onte, como non había interné, fuxín da oficina e fun a pasar o día cos nenos. e paseando entre árbores cargadas de laranxas e mandarinas, nesta terra na que case todos os cítricos, docísimos, son de cor marela e verde, pensaba nas pequenas cousas que tan feliz me fixeron dende hai máis de dous meses. as busetas coa música altísima e as fiestras abertas, deixando entrar todo o verde directo aos ollos. os nenos que pola noite berran española española no camiño a casa. a cara de d.s. cando o saco a bailar sen música ningunha. os bicos, as apertas. discutir con a. coma se tivesemos tres anos e medio. os cartaces con faltas de ortografía. os mamita e ahorita. a cara dos nenos cando saco a cámara de fotos e lles pido que sorrían. os berros de y. cando marcho pola mañá, buenos días, tía. que o buseiro agarde a que pegue unha carreira de varios -moitos- metros, pra non ter que agardar ao seguinte bus.

t. estaba algo tristeiro, onte, ata que lle cantei unha canción co seu nome. despois roubamos mandarinas ao veciño e camiñamos ata a torreta de alta tensión. pola tarde fun visitar aos outros nenos e tamén bailei sen música e deixei que g. se amarrara forte a min porque ten os ollos máis fermosos e tristes que vin en moito tempo
para eles, os recén chegados, é difícil adaptarse á nova vida. pra min, despois de adaptarme, o difícil é deixala