27.7.09

plunge (vii)

os ollos do leon son terriblemente luminosos. tanto que por veces e dificil manter a ollada. nos dias de despedida os ollos de todos semellan un algo pesarosos. as despedidas tenhen sempre un aquel de pode que non volva a ser. e xa non se sabe que escribir a modo de despedida, nin que dicir. a de onte, a primeira de todas, diluiuse co cansancio de cando o sol esta xa moi arriba, coma unha premonicion. e a casa non esta rematada. e pode que non volvamos nunca pra mirala. pero nestes dias iso e o menos importante. porque estan as persoas. e diso foi do que nos falou j, movendo os ollos nerviosa pola mesa, pola herba. e falou do primeiro dia, e de como o lume dunha fogueira era o unico que tinha para ofrecernos, e un pequeno cuarto con te quente, e estabamos calados ate os dentes e facia frio, e os mil cans non deixaban de ladrar

probablemente non precisaba dicir nada mais

e agora busco fotografias que regalar. fotografias de lagos e de moreas de palla e de animais e de acrobacias sobre a herba. de dias brillantes e de cicatrices e cortes nas mans. de vodka e danza. de aprender a dicir palabras en mil linguas

os ollos do leon son tan luminosos que as veces dan medo. e non sabes como levalos contigo do mesmo xeito que non sabes como manter vivo o lume cando xa non tes mais madeira que queimar

24.7.09

plunge (vi)


as tres cousas que se din que todo o mundo debera facer na sua vida, engadiria a de facer unha casa. facer unha casa coas propias mans antes que escreber un libro. unha casa que pode que non mires rematada e na que nunca vas vivir
cortar unha arbore ten tamen un certo toque pracenteiro. pelar a madeira e que as tuas mans se humedezan coa vida que corre por baixo da codia. porque q cortou a pola dunha arbore centenaria e a arbore sangrou, unha sorte de liquido escuro que arrecendia a vida
hai vidas que non poden ser contadas nun blogue, porque seria imposible atopar as palabras. e se durmes nun tipi indio probablemente o lume impida que arrefries coa chuva, ou que tenhas medo cos tronos
as mulleres lituanas son incriblemente fermosas. os nenos, como todos os nenos dos sitios pequenos, falanche cando pasas ao seu lado pola rua. e sonten curiosidade por quen tenhen a pel mais escura. cada persoa e un libro no que poder ler. e nestas tres semanas lin tantisimos que non son quen de pechar os ollos co asombro
so restan sete dias e so a promesa de visitar riga de noite me pode facer sorrir

21.7.09

plunge (v)


construir algo coas tuas propias mans ten ese encanto que ven de vello. primeiro traballamos arreo, sen saber moi ben como xuntar todos os materiais. despois empezamos a facer as paredes, a chantar a palla nos paus afiados durante horas. e cortar arbores, e empacar palla e palla e mais palla, todo un mundo de palla, e as feridas nas mans e a pel aspera e a machada sempre a traballar, e cargar a lenha no lombo e pasar o dia espantando os mosquitos, bravos como feras
lituania e cha, tremendamente cha, e pode que por iso tenha tanta auga doce. e nadar nun inmenso lago pola noite e so comparable ao pracer de quecer o corpo canda o lume. espertar cada manha e mirar que ao teu redor so hai arbores e mais arbores, e son tan mestas que case non podes ver as nuben que aproximan chuva a cada rato
e despois esta a xente. que j maldiga porque non sabe falar ingles, non pode falar comigo. e oir as mil historias da boca de t, que viaxou por medio mundo e ten unha curiosidade inmensa por todo. e cando me preguntan se me gustaria vivir asi, como j, no medio da nada, dame medo pensar que no fondo si que me gustaria, algun dia, descansar de todo e de todos, e perderme nun sitio coma este
e sei que botarei de menos todo este verde nos ollos cando volte a casa

15.7.09

plunge (iv) conversas noturnas

- son un home afortunado. estou nun cuarto eu so con catro mulleres
- non tes posibilidades. unha ten mozo estable dende hai anos, outra e lesbiana, ela e galega e eu son negra
- ???

13.7.09

plunge (iii) a casa de te

pasaron catro dias a construir unha mesa e dous bancos e mais un columpio e despois grabar os nosos nomes na madeira. e o unico que podia pensar e que esa casa de certo estaba cimentada sobre un amor absoluto ao entorno e as suas xentes. non quixen marchar dali. e serenamente descubrinme no futuro, porque souben que algun dia seria coma ela, a muller da casa do te
fiquei sorprendida ao descubrir que as diferencias non son tan grandes e unha cancion calquera pode lembrar a outra dun lugar tremendamente afastado, e que ao pe do lume, pola noite, todos precisamos de todos para ser un pouco mais felices. alomenos pra poder sorrir

10.7.09

plungue (ii)


se algo tiveron en comun os meus ultimos tres aniversarios e que estaba lonxe da casa e que chovia. choveu, choveu onte, e mentres corriamos dende a sauna a saltar nunha lagoa friisima no medio da noite decatabame de cantas cousas diferentes se poden vivir en tan pouco tempo. manha comezamos co barro e as pedras e niso consiste todo plan de futuro. e probei as augas xelidas do baltico, e aprendin a comunicarme cos nenos so con xestos e probei tes das mais estranhas plantas. tenho un ano mais desde onte, e ten unha importancia minima. porque estou aqui, estou aqui e os dias marchan tan axinha que pode que nin me decate que pasou todo isto

3.7.09

plunge (i)

probablemente non me creriades se vos digo que ao meu caron esta un rapaz de dezaseis anos e dous metros de estatura xogando ao supermario. si, son dias de contrastes. de bailar la bamba minutos despois de ter aprendido alguns pasos de bailes tradicionais xordanos. dende a fiestra que tenho diante podo mirar a extension de casas baixas, de so dous pisos, por entre a paisaxe verdisima. si, parecemos un cumio de nacions, bastante mais unidos que os que levan ese nome, a pesares de que nos acabamos de conhecer. e asi e que nos traducen dende o lituano ao ingles, e de sup[eto xurden os marmurios que traducen ao frances, ao arabe e ao italiano. as veces ao galego, tamen. probar a cada momento comidas estranhas, xogar a xogos que tenhen a unica finalidade de facernos rir. controlar o teclado pra que non salte co cirilico e lembrar que non se poden colocar tiles
non saberia contar cantisimas cousas me fascinaron nestes tres dous dias. pode que as nenas, coas suas trenzas loiras rindo porque non conhecemos o seu idioma. ou as vellas con vestidos de flores e sombreiros de palla. ou quizais a acordeonista e o grupo de nenos cantando pra darnos a benvida ou cada un dos trucos que se nos van ocorrendo aos once que somo pra esquecer que non existe lingua comun posible. o corpo e a millor linguaxe
e a fotografia. prometo subir fotos en canto poida. e ter as saudades xustas de ala

29.6.09

unha vez máis


o odio visceral aos domingos é tamén un xeito de posicionarse. deixar todo sempre para o último momento ou deixar correr as horas coma se o tempo non tivese a máis mínima importancia. unha sorte de animaliño de menos dun ano rachoume pola metade un libriño de cedé, partindo en dous a unha sorte de icona da infancia. e quizais isto fose do máis interesante que pasou nos dous últimos días se non fose porque todos os anteriores estiveron cargados de cousas que xa ninguén sabe se merecen a pena ser contadas ou non
pasan as horas, si, e comeza a invadir o pánico escénico xa case habitual antes de emprender unha nova viaxe, aínda que desta sexa pequena e quizais non poida sequera ser digna ese nome. e por que será que cando volva, xa dentro de nada, estou segura de que todo vai ser un tanto distinto. que perdín un recital, convidada por unha das grandes deste maldito pueblo, e nisto consiste todo arrepentimento posible. mais prometo facer propósito de enmenda: non deixar que nada estrague o tempo que vén por diante
feliz vrao. prometo enviar novas en canto poida

25.6.09

idas e voltas

sanxoán, sampedro e ultreia. as festas do bairro e os concertos. guías do báltico. perder chupetes. mercar sacos de durmir. durmir de pé. vacinas. casas de barro e palla. deixa que che pase a lingua pola perna de pau. profesores magníficos na memoria histórica. maletas varias de casa en casa e, finalmente, ir morrer a algún aeroporto. alguén da máis?

19.6.09

reencontros

primeiro foi camiñar ate ence e acariñar as cores vivas da plumaxe de atanís. despois volveu ser a cidade, a inmensa cidade reptando, escorregando polos dedos coma un peixe noviño. mercar o xornal onde sempre, e as librerías e a roupa de segunda man, e o mercado con carros de flores na porta e as augas lamacentas do nerbioi, picadas pola poalla
era a cidade enteira a provocar fortuitos encontros visuais entre descoñecidos, e entre antigos amores, e turistas fotografando paisaxes sen importancia, mentres na pedra bulía a verdadeira alma da cidade


mais habería que falar entón de s., da pequena s. tocando o piano nun salón ateigado dos máis estraños instrumentos musicais, e despois falar da luminosa donostia, cos seus xardíns inzados de flores e os areais ateigados de peles douradas. das conversas nocturnas sobra a india e o alén-mar, das cores dos vestidos, dos sorrisos desdentados na ribeira dos centos de ganges que cruzan o mapa
dos reencontros, de tantos meses de ausencias obrigadas. das pequenas dores -compartidas- de todos os días e dos proxectos de futuro. de marchar coa pel cuberta da sal do cantábrico e promesas de mil cartas dende o norte e voltar, voltar sempre, alá polo ecuador dun verán que non tardará en chegar

11.6.09

de vacas


lendo o último texto de cabaretvoltaire lembrei que no verán pasado apenas probei o leite. é curioso como se traspapelan as lembranzas na memoria e de súpeto saltan, como activadas por un resorte. no sitio no que estaba entón o leite era un artigo de luxo, e apenas o goberno podía garantilo para os nenos -e sempre en po-
era estraño abrir a neveira e que nunca houbese un cartón de leite. mais, de botar, o que máis botaba de menos eran as vacas. resultaba raro pasear por unha paisaxe tan verde e ver tan poucas vacas. das que había, todas tremendamente fracas, desas que din que son indias e que aguantan máis a calor (e que nunca souben se era certo ou unha cábala de quen o contaba)
pensaba entón como sería unha paisaxe aquí sen vacas

semella que a única preocupación que temos hoxe en día é abrir a neveira e que siga habendo un cartón de leite dentro. apenas se le, mira ou oe del. quizais teña razón jaureguizar e as mortes lentas manquen menos. o caixa negra das vacas tolas lembraba esta semana (xa pasadas as europeas) que fai case unha década que ninguén volve a vista cara o rural galego. porque, se cadra, pra todos nós o mellor sería que o leite aparecese directamente na cunca, pra así non ter que ler de onde son as vacas ás que llo munxiron

8.6.09

elecións europeas

sorpréndeme -e non sei por que a estas alturas- que UPyD conseguira en Gz 14.019 (o 1,29% dos votos) mentres que outros partidos como II só conseguiu o 0,31%. do PP e do PSOE non digo nada. tampouco dos resultados en EH. creo que xa non queda nada por dicir

(bonitas palabras pra ter que ver cunhas elecións, por outra parte)

5.6.09

china

visitas tan fugaces que deixan un sabor estraño. un saber somentes que queres cruzar o globo pra ir visitar o continente prometido, e que pase axiña o tempo (ou botalo pra atrás un par de anos)
e un caderno chegado de terras lonxanas que agarda que lle contes historias marabillosas

26.5.09

homenaxe poética

está o ceo tan límpido esta noite, amor. mira estes pobres óculos, tan fráxiles e perdidos. quixera ser unha desas nenas tísicas antes do mencer e que me colleras nos teus brazos con esa enérxica vontade de querer. ódiote ou ámote, poderías dicirme, e soaría doce e prístino. sábesme a versos endecasílabos e a casa dos avós. res dun vendaval nado nalgún pentagrama telúrico, eres a vianda florida da merenda dunha estirpe de sílfides. atávico na memoria de cada unha delas

ouh, bícame, estrábicos os teus dentes, estrábicas as túas pernas e os teus brazos, e tamén estrábico o teu embigo cosido con teas de presos incívicos en cárceres de papel mollado. maldita civilización, meu ben, que non comprende que nos poidamos amar tanto...

báilame as augas das nove ondas do san xoán, quero ser a túa apócema máxica, o teu tráxico final, o comezo de todos os males e de todas os desexos que poidas ter de aquí ate a apocalipse

abóndame con saber que estarás aí cando apunte o sol. cégame con anxos galácticos que saiban ler raios nas cartas astrolóxicas, con fórmulas da física e da química que ninguén máis ca nós poida descifrar. inventa unha lingua pra nós, afastada dos estúpidos místicos que non cren que poida existir nada alén do escuro e do triste. lene, quero que me peteires pola pel toda. mídeme por riba e por baixo do saio, astrónomo de monóculos invisibles. asasíname con caleidoscopios de follos de amieiro, tatúame o teu nome con calígrafos seculares. podo ser a un tempo foránea e autóctona do teu país

mátame. quero sentir o exército das túas unllas. unha miríade de escarabellos agonizando aos nosos pés. convirte este nome mol na máis fermosa das esdrúxulas

(inspirada nunha tarde de xogos de palabras e nun comentario d'o demo, e adicada a todos os devecen por ler poetas de palabras esdrúxulas. que nunca nos falte humor pra rirnos de nós mesmos e do país que nos tocou vivir)


(se queren algo bo de verdade, escoiten isto ;)

25.5.09

hai cousas que pasan e outras que non. pasan cousas como o día da toalha ou ter que enviar papeis e máis papeis por correo ou que che fagan unha enquisa para a universidade. hai outras que non acontecen. como camiñar e atopalo de súpeto nun lugar calquera. que estea, iso é o que non pasa
e tampouco pasa que cambie nada. xa non entendo as estratexias políticas nin as da xente do común que pasa polo meu lado. ser unha cifra máis do señor presidente, que diso ninguén fala porque non lle importa a ninguén
leo libros que non me interesan o máis mínimo e deixo pasar as horas de vagar. comezo a entender iso de que o tempo é unha creación humana

(e será certo que non queda outra que sacar ganas de rir das cousas que nos pasan. e das que non)

23.5.09

apática é esdrúxula. como límpido. como atávico. como telúrico

22.5.09

non sei se vou ou se veño (se quero ir ou vir)

11.5.09

correlengua

non tería sentido enfadarse polo artigo de BV na voz do domingo a estas alturas. pero é que o tema xa fede. e a palabra correlengua tamén. a última vez que estiven en bilbao falaba do tema con a. contábame que por todo o país dos vascos faise unha carreira pola lingua. incluso podes mercar, simbólicamente, un metro do camiño. no meu país este tipo de actividades nunca moven a tanta xente, dicíalle eu. e non foi de todo verdade porque a cifra de participación do correlingua non me pareceu nada desdeñable
tal e como están as cousas, ir a unha manifestación como a do domingo é case obrigado. (coma sempre aquí, é cuestión de botar, ou alomenos de facerse oir un pouco)

4.5.09

alfaias

admito que canto máis escoito máis me gusta



oficialmente declarada (unha vez máis) fan incondicional de fanny+alexander

29.4.09

abril


primeiro foron os axóuxeres e o pumpún - abreaporta - quenseráserá. despois viñeron as recaídas de saúde (quizais fosen antes tamén). mercar algo pra ler (sempre chegando tarde a todo), despedirse de novo, facer ao ego medrar un pouquiño só pra compensar as recaídas. pasan tan poucas cousas que xa nin son quen de lembralas. só que maio non dá chegado, e con el os días de sorrir. que pode que este ano o meu aniversario se celebre no norte, por cambiar un pouco. e unha vez máis, botarei de menos, cando chegue

21.4.09

e triste,

hai días nos que, pensas, nada pode alegrarte. a tristura sae de moi adentro, saibas o motivo ou non. despois chegan pequenas cousas que che arrincan un sorriso. pequeno, primeiro, e despois amplo. ate fai que te olvides das cousas malas. e agradécense tantísimo...

en dez días...

é inevitable que un enterro obrigue a facer un alto pra reflexionar, incluso se a morte se considera unha realidade máis que afastada. que aínda soan as campás no silencio imposible do camposanto e a cara dos aló presentes, pálidos, cos ollos terriblemente inchados de chorar
as malas novas, aínda que non toquen de cerca, consiguen nubrar grandes alegrías (e é que gardo un segredo, á espera de que a miña cabeza comece a afacerse a el antes de poder contalo)

e despois rematar un libro do que non disfrutei nada, pero que me lembrou de xeito recurrente a unha persoa que coñecín hai uns meses. comezar a buscar cursos e ocupacións varias, darme ao sano pracer da lectura sen presións de ningún tipo, e deixar á cabeza vagar entre recreacións ficticias do que serán os próximos meses.

(e hai xa tempo que non son quen de escribir unha soa liña ao dereito, e non sei por que)

10.4.09

londres (vii e fin)


durmir só dúas de cinco noites, viaxar mil e unha horas. ter dor no pé, e un nocello tamaño paquidermo. despedir a gran cidade entre triste e cansa, e volver a onde sempre dun humor estupendo. volver a onda sempre con todos os quilómetros que supón moverse no perímetro de onda sempre
deixar que chova, vente ou asome o sol por tras da fiestra. pensar que facer nos próximos días. dirixir os soños pola noite pra que vaian aparecendo quen quero que aparezan. poñer o pé en alto

4.4.09

londres (vi)

amor eterno a quen (alomenos) tente entender(me)


e un bico


(mañá despido a cidade)

2.4.09

londres (v)

os helicopteros sobrevoan o ceo gris da cidade. tres coches e mais un furgon de policia arriban unha praza pra deter a un rapaz por un unico pecado cometido, bailar entre a xente alleo a sua presencia. os xornais falan de anarquia e vandalismo, combinandoo con fotos de gobernantes que sorrin antes de recepcions reais e festas nas que van debatir sobre unha crise que non lles afecta.
falo de tradicions e de canto cambiou todo nos ultimos trinta anos. debuxo moito, debuxos coma borranchos negros e fotografo so as veces. desfruto das estacions de metro abandonadas de media tarde. durmo a sesta baixo o sol, escoito musica en directo e esquezo as fotos que deberan acompanhar todos estes textos
vou mercar unha revista e atopo traducions de maria do cebreiro ao gales e mailo ingles. lembro polas tardes a moita xente da que hai tempo que non sei nada. falo soa por parques solitarios. devoro un libro que me fai escorar a cada linha
os tiles perdinos. e non sei onde
(e coma sempre, boto de menos. moitas cousas)

30.3.09

londres (iv)

(tirado da caixa de correo electrónico)

onte ía sol en brighton. paseei ao longo dunha praia de pedras e mirei os carruseis funcionando pegados ao mar. comin nuddles nun banco. despois estiven hora e media nun tren, media no metro e outra media nun bus. e cando cheguei a casa a. tiña sushi pra cear e eu mercara muffins de chocolate polo camiño. e fixen os deberes e durmín unha chea e pensei na volta e no de escoitar ae no ordenador dunha canaria e no que ha acontecer de aquí nun mes, tan decisivo para tanto tempo que nos vén por diante, e no axiña que pasa todo ás veces. pensei de buscar traballo, quizais, en acougar uns meses antes de emrender unha viaxe que quizais se faga longa de máis.

hox comin en trafalgar square, tentando fuxir da ollada das pombas. comín cuquis, lin a vaneigem e vin tremer os cimentos sobre os que se sostén a miña cabeza. fixen plans que probablemente nunca serán realidá. desfruto do sol e tremo de emoción coa idea de que o pequecho xa ande cando eu estea aí

28.3.09

londres (iii)

quero que alguén me conte o conto das cidades imposibles


mentres, paseo pola zona das putas, merco libros infantís, apuro o paso abrigándome do frío, como xelados e cuquis e fico fascinada co axiña que pasan os días


esta nunca podería ser unha cidade imposible. mais tampouco está tan mal

25.3.09

londres (ii)

odiei a deshumanización do museo británico. non só o espolio do patrimonio alleo, ate dos mortos alleos, senón tamén, e quizais máis, a humillación, a ridiculización amosada como cultura


(a cambio, pra arrincarme un sorriso, un deseñador xaponés criticou o meu estilo vestindo. e non saín tan mal parada. cousas das grandes urbes)

23.3.09

londres (i)

camiñar todo o día ten o encanto de desfrutar dos escasos días de sol e da compaña de xente coa que facía tanto tempo que non paseabas

admirar o estilo libre da induentaria londinense pode ser tan asombroso coma un museo vivo. tamén a estética da cidade e a evolución dun propio nela


19.3.09

londres

enorme. linda por quen ma amosa. e a dificultade de atopar tiles neste teclado

non namorei dela polo de agora, mais quedan moitas horas

13.3.09

de illa en illa


a illa estaba preciosa de veras o mércores. á mañá gris sucedeuna unha tarde radiante. sentadas no embigo da cidade falamos dun milleiro de cousas e as horas pasaron axiña. tanto que deu mágoa marchar
di x que a quero tanto porque foi o meu último fogar. pode ser, mais non só iso
tamén a outra illa foi o meu fogar nos últimos meses, e por iso vou botala de menos tanto de aquí en diante
en menos dunha semana estarei no terceiro dos vértices que tanto foron no último ano. unha illa que nunca espertou demasiada curiosidade, pero que agarda sorrinte a que chegue

desculpen se tardo en dar sinais de vida

10.3.09

cuarenteoito horas: marín - pontevedra - donostia - bilbao - mungia - bilbao - pontevedra - compostela - pontevedra - marín

discursitos sobre mobilidade aparte. cúmulo de estrés ou algo así

5.3.09

rabia pos-pos-eletoral

cansei dos discursitos sobre a mobilidade do suxeito posmoderno, sobre o consumo de experiencias. cansei de chinis e de coches de fabricación viguesa e francesa e do quintoinferno. cansei dos discursos de patxi lópez e de que agora, de súpeto, o psoe e o pp sexan máis vascos que o irrintzi. cansei de que me pregunten cada dous minutos que a que me dedico, que que é da miña vida. cansei de que os voos sexan tan caros xusto cando quero collelos e que a administración vaia tan terriblemente lenta


(cansei de que as elecións me teñan tan irascible. quero que os próximos catro anos pasen o máis axiña posible. en realidade dáme medo que comecen)

actualización do 06/03: vía chuza, fraude electoral e conclusións
cando menos, clarificador

2.3.09

rabia pos-eletoral e

derrota


gañou o maior dos males

(no sitio no que vivo e no sitio no que voto)


cando aprenderemos? será que o merecemos?



28.2.09

non lembraba ter estado tan triste en moito tempo. despois todo foi durmir e deixar que o sono baixara a rabia e a agresividade a niveis controlables

26.2.09

m(t), oitenta e seis anos, ou así: facía falla que viñera fidel castro ou chávez, un dos dous, porque se non isto...

sabedoría popular marinense. pueblo de xente enorme

24.2.09

antroido

os antroidos van mellorando cada ano. cada ano gañan en orixinalidade (e en baratez, que tamén ten mérito)

botei de menos a dúas londinenses mais coñecín, pra compensar, xente abondo interesante. van quedando sitios que poden sorprenderme, aínda a pesar de sermos xa vellas coñecidas, a cidade e máis eu

(remiten os males todos acumulados coa friaxe e toca mentalizarse de que vou aló pra algo serio, esta semana)


16.2.09

vivir para ver

o que me faltaba por mirar, álvaro de marichalar (ou un seu dobre) repartindo en compostela publicidade de upyd, alá na praza de cervantes


(sinto a calidade da imaxe. tomada en compostela. fíxome moita gracia ;)

13.2.09

atopei alguén que, coma min, leva os lunares de dous en dous

vinlle ao pequeno x os ollos máis azuis ca nunca, tanto que doía miralos de tan bonitos

tamén perdín un libro pra sempre e a cambio recibín un gintonic. ando a decidir se saín gañando ou perdendo

este domingo toca voltar outra vez á cidade. cando cansaremos de que ninguén faga caso de nada???


(no feisbuc -esa ferramenta do diaño- crearon un grupo os damnificados polos meus berros. non sei como tomalo ;)

9.2.09

gb

pouco que dicir sobre a estupidez de ir a unha manifestación defendendo unha "causa" con argumentos tales que caen polo seu propio peso

e pouco que dicir -que non se tivera dito xa- contra a actuación policial
(continuado estado de sitio, non máis). sobre a lingua, xa botara un longo discurso hai tempo

e eis, algúns dos videos: anosaterra, vieiros, galizalivre, seioque, gzvideos, isca
mágoa non poder ter quedado en compostela

e que noxo, todo

...

(máis enlaces: seioque-madeingz-e un longo etc)

2.2.09

afirmacións

que anonadado vén de no e nada. e podes facer performances con só tirar un papel polo aire e facer abanear a bufanda dun presentador moderno de televisión. hai algún de directos que ten un chinazo na frente. furibundo non aparece no dicionario da rag, mais a quen lle importa a rag? a merenda máis rica do mundo é a dos nenos. tamén os disfraces. e neva en londres. camelo, iso si, dise camelo, e non camello nin dromedario. cortei un dedo coa vasoira, na mesma man na que por fin desapareceu un golpe que non lembro ter dado. chegou febreiro. anda no ambiente a candelaria. vai frío outravolta. paseo de acá para alá e as circunstancias non me deixan planear dunha semana para outra. e de seguro son a única persoa que coñeces que utiliza a expresión mola mil

27.1.09

de chuvas...

a illa anega. o peixiño será caníbal a partir de mañá. españa promete cousas que miedomeda de que xeito se van cumprir. disfruto de cousas como esta. fago como que non oio conversas políticas de perruquería. aproveito as noites chuviñentas para pensar/non pensar. tento desengancharme dunha canción

24.1.09

.:.

foron unhas horiñas agardando polo tren. deume tempo a oir repetidamente ao vegas e a rematar un libriño e tentalo con outro que me pode (e aínda así queda menos da metade xa). todo foi nun exame que non debín ter feito pola miseria na que me sumiu o resultado e un acto no que o máis divertido (sen desmerecer aos actuantes) case foi oir as críticas das acompañantes, que non deixaron títere con cabeza. choveu moito, e molleime moito. adoptei forma de negriña pra demostrar que si podo ser música, perdín un tren por eles e asentín a todo o que dicían, porque tristemente teñen razón. regueille as plantas, e agardo voltar o máis axiña posible de visita. agora busco un curso de clown ou equivalente que me saque do fastío este. admítense (e agradécense) suxestións


21.1.09

non podo prender o televisor nen a radio e non envelenarme coas malditas bandeiriñas de raias e estrelas. un bombardeo mediático que nos americaniza e nos idiotiza aínda máis, se é posible. novas que fan que outras novas pasen a segundísimo segundo plano, como se non fosen tan/máis importantes

na saída da froitería atopo cunha muller tan vella que calcular a súa idade levaría días. pregúntame a hora e cando lle respondo que non teño admite que en realidade ela si ten, mais puxo o reló do revés pola mañán e non é quen de miralo ben. de levar reló, tamén eu querería levalo do revés, e que o tempo puidese ir cara atrás e cara adiante de xeito indiferente

manifestacións
, simbolismos e outras cuestións aparte, pasan as semanas de volta en volta, agardando a que pase o temporal e apareza un novo destino

15.1.09

despois de tantas noites, volvín ter pesadelos. outra vez nenos

11.1.09

comezando

espertamos aterecidas co frío e, para completar a mañá tristeira de casa vacía, puxen o video que j rematara de montar no nadal. ao rematar parecía que a casa estaba máis fría índa.




tiña preparada unha outra entrada pra inaugurar o ano. unha na que falaba do fermoso que estaba o ceo na casa, tinguido de cantos azuis existen. e tamén do terrible que entrou o mundo neste ano. e de celebrar aniversarios polos reis, con bocadillos de nocilla e nubes brancas e rosas. que nevou en compostela e non puiden miralo, como sempre é que perdo todo (ou case)
mais quedo coas tardes de sofá, e algúns bares, e a boa compaña e a bipolaridade dalgunha xente que en verdade nunca me preocupou o máis mínimo

e coas imaxes dun lugar no que dubido se estiven e que fan que a cabeza voe a calquera lado menos onde estou

29.12.08

decembro

non son os outros, senón as dúbidas que os outros fan sementes en ti mesma. abandoar a compostela deserta de sábado tarde cun mar de dúbidas entre as mans sería como falar deste mes pantasma. decembro é un mes pantasma e as cousas que nel pasan lemraranse moi vagamente, coma se só tivesen sido a medias. decembro é unha tarde de domingo que dura exactamente trintaeún días
mentres agardo a que un cóctel de comprimidos brancos fagan efecto, fago reconto dos danos colaterais dos outros once meses que si existiron. estou triste e non sabería dicir por que. quizais porque entrementres dúas viaxes e un novo papel que di que sei cousas que en realidade non sei se sei, fun deixando demasiada xente atrás. demasiada sempre foi unha palabra moi relativa, e case por primeira vez reparo en que a estou a usar de verdade. foi demasiada xente. demasiada pra tan só trescentos sesenta e cinco días
e, non obstante, se o ano volvese comezar, querería que fose exactamente igual do que foi
mentres, cada día resulta máis difícil escribir aquí. pode que sexa o non ter moito que contar (tamén a autocensura terá algo que ver)


...


e querería ter falado dunha morea de cousas. de cando m contou da primeira vez que mirou o mar e chorou. de todas as veces que soñei que atopaba con a polo ceo do caribe. do que estraño a x no inverno frío. das ganas de facer unha maleta outravolta


quixera ter sido peixe ou mariñeiro e pasar toda a vida no mar. que cousas. se nin sequera sei que é o que son (vivindo noutra película)


...


urte berri on e todas esas cousas, por se se me olvida

23.12.08

nadal

non existe maxia no nadal. voltou a miña musa de alén mar (e iso tenme feliz, tras oito meses de espera) mais polo xeral fago esforzos por non poñer caras tristes. non gosto de folgar e teño saudades doutros sitios que non son este. estou entre triste e enfadada cando miro as luces (horribles) polas rúas
non dá chegado xaneiro, e dende o outro lado da costa dinme que por fin recuperei o meu sotaque galego. gastemos os días

e bo nadal a quen pase por esta casa, que xa está case a piques de declararse en ruinas de tan abandonada que a teño...



15.12.08

domingo

voltín cun libro, mais non fun quen de abrilo ata que toda a casa durmía, xa ben entrada a noite. precisaba silencio. tamén pra pensar que (case) todo o interese do día xirara arredor dun conxelador que procuraba a conquista da neveira e da cociña toda nestes días nos que o frío está apegado ao corpo coma unha segunda pel
patente a miña incapacidade de ser eu mesma falando noutra lingua, comprobei que duchil non aparece no dicionario, aínda que ben merecería unha entrada propia, destas de dicionario escolar que ata inclúen ilustración. despois sorrín moito por ter estado co sorriso máis fermoso de compostela e laieime de non ter chegado a tempo de oilos
e, despois, perder os ollos entre unhas páxinas que me fixeron crer que estiven alí. pegar un salto no tempo, desafiando ás leis da... era a termodinámica, non?

11.12.08

post-vodum

pensaba hoxe, mentres poetizaba o estoico acto de separar agullas de alfinetes desa vella lata de marmelo que foi toda a vida a lata dos fíos na casa, pensaba no que supón que sexa neste momento, xusto neste momento, que naza un novo xornal en papel. non hei dicir que non me gustou o primeiro número. de feito -e tristemente- creo que promete máis do que será, especialmente en cuestións tocantes a temas que hoxe en día son peliagudos, como o do idioma, entre outros. desconectada como estou, non puiden ler o que se dixo pola rede adiante del. de feito, tampouco é que me preocupe demasiado o que se diga. teño algunhas esperanzas postas nel -algunhas, porque tampouco hai que "pedirle peras al olmo"- porque coñezo a certa xentiña que traballa alí e creo firmemente que son moi bos xornalistas. agardo que non se decepcionen en pouco tempo

e mentres, rematou o tempo das vodas -tambalea a miña firme posición dubitativa sobor da existencia do amor- e chega o tempo de folgar e darlle voltas á cabeza, o único deporte máis ben nocivo que se me ocorre, amais de sobriñear -cando me deixan- e ler, devorar todo o que cae nas miñas mans, pra facer o frío do inverno unha migalla máis levadeiro

5.12.08



enriba do nórdico de cereixas, un peixiño do mar. ante a ameaza dunha noite invernal de festa, tacóns de máis de doce centímetros de alto pra combater o frío.
días atrás: poñer orde ao caos que reinaba nas baldas do cuarto. clasificar, ordear. lembrar. porque cada libro ten dúas historias, a que conta por dentro, e a que o arrodea por fóra

2.12.08

encantoume a frase que lle oín ao demo a fin de semana, o de ter un blog pra facerse autofelacións. pois si, eu teño un deses. e como estou sen contador de visitas, non podo saber se caeron estrepitosamente a causa disto e as únicas que teño son as miñas. dáme igual. e máis agora que descanso no meu retiro espiritual, sen rede.
o que fago moito, é cantar, iso si. cando veñen os pequechos. creo que esta lles gusta. alomenos, non protestan...



(mode ganas de voltar a compostela on)

27.11.08

na casa


e tamén e isto estar na casa
e moitas cousas máis

camiño polo paseo onde tantísimo cemento impide mirar o mar. fago rutas imaxinarias por rúas que non piso dende hai tanto tempo. prepárome pra voar á pedra a fin de semana. odio non ser quen de adaptarme aos horarios de vida normal

22.11.08

(inciso)

teño dúas minchiñas na casa que fan que non se me quite o sorriso de aparvada da boca. desfruto de dous días de compostela, de falar durante moito rato cos daquí, cos meus. comezarei a darlle ao pandeiro en breves e cando todo o mundo pregunta que vou facer da miña vida non respondo. desfruto do momento. de moitos momentos.

(e ando fóra da rede por motivos de infraestructura. a ratos bótoo de menos)

17.11.08


primeiro foi voltar cun galeano nun paquetiño de papel de estraza, agasallo de y. despois, correr polo metro onda eles, porque o ordenador se puxera maliño e non sabía moi ben quen o pasaba. despois falar co norte, prometendo visita. agradecer que haxa xente que te bote unha man sen coñecerte de nada e tentar durmir ben para afrontar a última xornada na illa

16.11.08

b.

orballaba e a néboa -tan baixa- non deixaba ver se os cumios estaban nevados en b. facía moitísimo frío. j despediuse de min dicindo agur, txori polita, mentres camiñaba cara ao bus. todos entendían esas palabras mais só nós as cinco coñeciamos o seu código. artellar o mundo arredor de catro verbas -begia, polita, beltza, txoria-
pechei entre a pedra dun vello mosteiro a última liña que quedaba por escribir. non só o vrao, senón un ciclo. despedinme con ollos tristeiros da paisaxe, entre vermella e verde de outono. que fermoso o país dos vascos, aínda dende a fiestra dun autobús



14.11.08

rara

aínda lle quedan tres días, mais esta xa está alcumada como a semana estraña. aparece xente nela que sabes con certeza que se pon no camiño por algo. pasan cousas que fan que a cabeza che dea mil voltas e que te plantees o que fas e por que o fas. ris, e bailas, e paseas, e vas a actos e a festas que che amarran forte contra as lousas do chan. falas, falas moito desas cousas que tanto che gustan, do mundo en xeral, do ser galego en particular, do transiberiano, de escribir, de millóns de plans que asedian a cada paso, aos que gostosa lles deixas o pleno dominio do teu maxín


esta é a semana rara porque sabes que as cousas e persoas que pasan por ela veñen pra quedar. porque este verán aprendiches que ninguén nin nada acontece en balde. e ti abres a porta da casa e os convidas a instalarse no pouco espacio que queda entre maleta e maleta

12.11.08

a cidade (ii)

cando soou o teléfono estaba xa media esperta. escoitei, colguei, erguinme e comecei a pasear polo cuarto, como un xeito de asentar as ideas no bandullo. de xeito indirecto, a cidade estaba a despedirse de min, cunha sorte de artimaña revirada, buscándolle as voltas a unha historia que estaba a piques de pechar o seu último capítulo. lembrei, sen querer, a primeira vez que o vin, emblema case forzoso da cidade, de casualidade mentres explorabamos as rúas na noite, recén chegadas dunha viaxe interminable

[fago conta atrás, e sei que podo resultar pesada agonizando ate o infinito a despedida. dáme igual. permítome o luxo -por ser esta a miña casa- de facelo, e tamén de copipegar un textiño que enviei onte ao outro lado da península]



a cidade é ás veces unha cidade de postal, entón é cando menos me gusta. pasean turistas coas cámaras nas mans -nin sequera agochan a súa obscena fixación por retratala toda- e sinalan co dedo as luces, o brillo do peixe, as formas sinuosas de proa e de popa. gostaría de berrarlles e botalos de alí, mais sei que non teño ningún dereito. xa non, porque a cidade comeza a non pertencerme
non hai cousa que máis doia que considerar á cidade como pura pedra, e puro metal, e pura auga. non buscarlle o sentido alén da materia morta. non querela, igual que se pode querer un recordo ou un agasallo sentido
paseo, saudosa, por todos os recantos que foron meus. chega o inverno e as rúas énchense de follas secas, tamén a ría. e a miña cabeza está a medio camiño entre esta e a outra cidade. o debate sentimental entre o titanio e a pedra. entre un inverno duro e outro doce
teño os ollos postos noutro lado, lonxe da cámara. por iso todas as instantáneas que tomo son de postal, insulsas, iguais ás que podería sacar calquera outra persoa. quizais porque a esencia da cidade xa leve gardada moito tempo na retina da miña cámara vella

e soño, tamén, con voltar á casa

10.11.08

a cidade


a cidade é, as máis das veces, máis que un cúmulo de rúas, de edificios, de ceos grises. a cidade vive, muda de pel, fala. vai deixando pegadas no camiño, pra que a descubras aos poucos, alongando ese momento de desenvolver o agasallo máis agardado, demorarse nun bico, nunha aperta
a cidade prefire a noite, cando hai menos xente pola rúa, menos ruído, e todos temos máis facilidade pra falar
agora que vou marchando, a cidade prefire apurar os pasos e deixarme atopala a cada intre. vai poñendo xente no camiño que quizais estea a aparecer por algo. e tanto dá falar do aragonés ou de madrí ou do que é que será ser xornalista. tanto ten con quen. vou marchando e fago unha lista de cousas pendentes. entre elas, voltar canto antes

7.11.08

e xa! por fin!

rematou o trance, con máis gloria que pena, que valga dicir que os comentarios sobre a miña exposición eleváronme o ego ata o infinito, non tanto as críticas ao traballo en si. eles, o tribunal, sabían que no fondo fixeran a eleción axeitada, que entre gastar tres meses facendo un bo traballo ou pasar tres meses en vilapán e facer un traballo así así, calquera escollería vilapán.
e por iso rematou e xa nin lembro apenas que foron as cousas que me dixeron mentres, de pé, agardaba a que me chovesen os paus por todos lados, ao máis puro estilo televisivo, dese que sale nos zapins.
queda o leve recordo dunha dor de cabeza insistente e as despedidas dalgúns compañeir@s de clase que non sei se voltarei atopar algún día

e xa son libre


6.11.08

fin de fines


mañá remata a tortura de pasar un mes cos ollos pegados ao ordenador. remata cun trámite tan pouco espectacular como unha exposición. quince minutos pra contar aquilo no que en teoría traballei todo o verán, e que na práctica traballei só no mes de outubro, por ter cousas mellores que facer.
e rematar gloriosamente criticando os organismos internacionais, as grandes axencias, os propios gobernos. o pouco interese que hai, en realidade, en pechar a fenda dixital. que desesperanza

4.11.08

u.s.a.

estou aborrecida co bombardeo mediático das eleccións nos u.s.a.
como tantas outras veces, estou totalmente dacordo con desorde


2.11.08

de fins de semana

e ten que ser que nun sitio pequeno, cuasi familiar, teño que atopar a tanta tantísima xente coñecida, amigos de amigos, amigas de amigas de amigas, caras que non agardabas atopar máis que nun lugar, nunha cidade determinada. e que traen novas deses que hai tanto que non miras, que non sabes ben onde viven, como lles vai

e despois dunha noite de música, de música de todo tipo, de cantar moitísimo, de acabar caladiña ate os ósos coa chuva, despois, tarde de domingo de seudodespedidas. j que marcha ao outro lado do mundo e eu que non sei cara que lugar do mapa quero mirar