27.4.07

despedida


é estraño escribir sobre a despedida hora e media antes de despedirse, sentada diante do ordenador que me aturou durante o último medio ano, invariablemente tres días á semana.
sairei pola porta coxeando un pouco (co pé doído trala caída de onte), cunha chapa e un boli do xabarín (un millón de gracias!) e con cara de cansa, aínda non recuperada da cea de despedida.
lembro, agora, a despedida no verán. funme tristemente tranquila -porque sei onde atopalos-, e tamén aliviada. Daquí marcho tristemente triste. Sei que vai a haber a quen non volva mirar. atrás queda todo un mundo, un xefe que é un auténtico anxo, boa xente, e un feixe de recordos e de sorrisos.
marcho co medo de querer quedar para sempre, e coa pena de saber que me quedaron tantas cousas por mirar, por fotografar, por escoitar e aprender.
estou triste, si. non me gustan as despedidas. non me gusta ter que despedirme friamente dalgunha xente cando o que querería en realidade é darlles unha aperta ata que quedasen sen aire. non me gusta o aire condescendente doutra xente ao mirar, sabendo que o luns xa non lembrarán o meu nome.
quero marchar e non quero marchar. deixar isto é o previo paso a rematar a carreira, previo a darme de bruces co mundo real (sair de dentro destes algodóns onde estou metida de sempre, onde estiven metida este medio ano)
estou triste, si. dubido que trala clase de galego (a última tamén) poida aguantar sen que se me note que estou triste. no fondo, os que traballan aquí teñen razón en chamala casa. san marcos é unha grande casa na que se vive realmente ben. agora coñézolle un pouco as tripas, comezo a ver de que pé coxea. gústame a tele, si. agora sei que nunca serei chica prensa -dubido bastante ser algún día chica tele-. e vounos a botar de menos. igual que aínda ás veces lembro a N. ou a B., sei que botarei de menos a algúns de aquí. pero vou tranquila. deixo algúns topiños metidos no edificio, para que me conten como vai todo...



nota: e por suposto, triste por deixar de ser a túa compañeira de prácticas. pero aínda me has ter que ver dous meses máis na facultá...

nota 2: actualización das 11.41: o pé doído acabou sendo pé roto. y-no-digo-más. vaia despedida!!!

24.4.07

a vida é un círculo. a xente que coñeces conforma ese círculo. e ao final, o círculo vaise pechando , vaise pechando tanto, que corremos o risco de que se peche sobre nós.

(e todo isto a pesar de estar coñecendo continuamente xente. o mundo é realmente pequecho e hai un galego na lúa)

22.4.07

a tristeza será a tónica das nosas vidas só se nós queremos
(o mesmo pasa coa mentira)


(mírome por dentro, como estaba hai un ano. esa de aí, si, esa, xa non son eu. non podo ser)

19.4.07

maxia

Hai maxia alén dos ilusionistas e dos prestidixitadores. Hai maxia en regalar piruletas a alguén nada máis pasaron vintesete anos e sete minutos do seu nacemento. Hai algo nos ollos dos magos que che prometen un globo se os buscas por Compostela. Hoxe tamén agardo unha noite máxica. E agárdoa porque a maxia vai aparecer onde e cando menos o agarde. Nas mans de quen menos pense

18.4.07

descubrindo obviedades (iii)

levamos un século
bañándonos en sangue


(pero podemos vivir tranquilos. non pasa nada. viven demasiado lonxe. unha rúa máis abaixo ou noutro mundo. non os miramos aos ollos cada día. non merece a pena preocuparnos, pra que? non podemos solucionar nada. deberiamos ter na alma un buraco tan grande coma o da capa de ozono)

15.4.07

Conversa de peluquería

- Eu teño unha amiga que é mora. Ás veces reza dende a miña terraza. Teñen que rezar mirando cara o sol, ou algo así...
- Cara a Meca
- Que?
- Que teñen que rezar mirando cara a Meca
- Pois a Meca está en Cangas, entonces, porque ela reza mirando para Cangas

13.4.07

descubrindo obviedades (ii)

a poesía non pode axudarnos
desque desaprendimos a ler


(xa non hai beleza nos ollos e os vendedores de zapatos son desagradables. só as series de televisión americanas consiguen facernos chorar. regalar piruletas (ou mollalas en bourbon) é o que nos queda polas noites, pero non agardar sorrisos a cambio. os programas de tipo hai debate ou 59 segundos fomentan o coitus interruptus, di o profesor. a vida toda é un coitus interruptus continuado)

11.4.07

descubrindo obviedades (i)

a felicidade non existe



(regaleille unha piruleta a un acordeonista e non me fixo nin caso. nese momento pasaban uns rapaces que lle gritaron nonseique e non reparou en que eu estaba alí)

6.4.07


A Semana Santa de Marín ten o encanto desas semanas santas que están feitas para os da casa, sen turistas que as enxuícen. Para min redúcese toda á procesión de Xoves Santo, porque, que sei eu, porque foi sempre a que máis me gustou.

A procesión do Xoves bifúrcase en dúas, por unha banda, van a horta dos olivos (se é que se pode traducir así) seguido do Nazareno, e pola outra banda vai a Virxe das Dores. O máis lindo do percorrido chega cando se unen ambas procesións na Farola. Entón, os tambores deixan de redobrar e póñense á nai e mailo fillo mirándose prá cara. Tras uns minutos en silencio, comeza a soar unha gaita moi despaciño moi suave. É o momento máis emotivo. Dá igual que crean ou que non, que lles gusten ou non as procesións, pénseno un intre: un home que vai morrer, que leva tempo sendo torturado, crúzase de camiño á morte coa súa nai. Míranse por un momento, e despois o fillo continúa o seu camiño seguido pola muller, destrozada pola dor. é unha imaxe triste, e máis triste e pensar que é algo que acontece a cada segundo en calquera recuncho do planeta.



-----------------------------------



Nota: agardo atopar en Dublín os ollos máis bonitos que vin nunca en Compostela (agás estes, of course)

3.4.07

Os rumores son moi malos. Esa é a conclusión básica extraída despois da cea do xoves night. Agora, que se é por min que caen mitos, adiante. Que se metan co meu vestido hoxe é case un alivio pensando todo o que puideron dicir de min o venres. Que pouca vidilla teñen as redaccións. Namoreime mil veces trala cea, é certo, pero de quen menos todos pensan.
E xa para respostar ao meme (é así?) que me envían X e mais Besbe, aí vai o meu vídeo


Seino, que debería poñer cinco. Pero só se me ocorre este, que o é por excelencia.
E perdoen por non poder poñer enlaces hoxe. É que estou no traballo. Quizais dentro dun rato poida poñelos...
(editado o tres de abril. e aínda así, vaia por dios...)

29.3.07

Tirar un sujetador (ou sostén, ou axustador, ou como se diga) e que non che fagan nin caso, despois de perder o tempo en decoralo por dentro, é unha falta de respeto.
A partir de agora, miraremos máis con quen temos certo tipo de majerías

27.3.07

Do norte - interior

Ás 8.30 da mañá do domingo, mentres subía as escaleiras do Hotel España, dixen mañá a min non me levanta nin Dios ke te crew. Tres horas máis tarde mandaba calar ao despertador cun shhhhhh cabreado.
En realidade todo empezou coa premonición de que iba a ser unha fin de semana moi intenso, despois de ver á musa cuns señores que tiñan toda a pinta de ser seus pais.
Despois, só teño un batiburrillo de cousas na cabeza: mercar selos do rei no estanco do primísimo, subir nun columpio múltiple, cantar o cumpleanos feliz ás doce da noite, elucubrar sobre o centro neurálxico do independentismo galego, compoñer nomes para os nosos fillos cos de camareiros e bares, rirnos da noite do venres (dos modernitos e das novas "amigas"), pasar toda a comida chorando da risa en Casa Benigno, facer vídeos de Miraxes, coñecer a un cociñeiro e volver a velo por un cúmulo de ¿casualidades?, escoitar a historia do escudo de Friol, descubrir da boca dun clásico da noite lucense que o alcaldísimo foi médico en Pol...
Rallábame, onte, porque non sabía que demo escribir para resumir estes dous días. Boa señal, sen dúbida, de que o pasamos ben, de que rimos de cousas que só nos fan gracia a nós, de que nos fixemos, se cabe, un pelín máis endogámicos
E o certo é que Lugo é precioso, a compañía inmellorable (anque faltaron uns cantos), e paseino como non o pasaba hai ben tempo. No norte desapareceron as preocupacións, e perder a voz por completo e quedar muda ata quen sabe cando non é máis que a peaxe obrigada a pagar.
Ogallá esta vida non rematase nunca!!!

24.3.07

Pesadelos

A idea era coller o estribillo de Supercalifragilístico, versionalo á nosa maneira, e despois cantar o estribillo millor en non sei que rollo. Andabamos polos 12 ou 13 anos. A miña versión foi esta:

Pesadelos, pesadelos teño polas noites
pesadelos con pantasmas, monstros e cadelos
se non teño pesadelos é que xa non durmo
pesadelos, monstros, demos, nin un sono curto


Asegúrovos que as da maior parte da clase eran moito máis cutres. Esta mañá pasei polo lado dunha tenda que se chama Cadeliños e viume a canción á cabeza. É sorprendente que despois de tantos anos siga a lembrala. Estou convencidísima de que non gañou por estar en galego

23.3.07

non entendo as ciencias empíricas. nin a física nin a química. por moi fiables que parezan algúns dos seus postulados, pra min que sempre acaban tirando para onde cadre.
e, mentres, todo o mundo vai gañando terreo, adiantándome por un lado e polo outro. sen ir máis lonxe, nas últimas semanas I. infórmame que xa lle sacou sangue a dous integrantes da miña longuisísima lista de amores. nin da familia te podes fiar...

21.3.07

Isaac Díaz Pardo

O ano pasado déronlle o Blanco Torres, e este sacaron o libro cos seus artigos merecentes de premio. En realidade, creo que non existe galardón que chegue pra el. Enormísimo, cercano e tan lúcido. Aconsellounos facer sempre as cousas tendo en conta as raíces, e canta razón ten. Dixo que cando non se ten en conta o antecedente, a historia, ás construcións fáltanlles raíces. E despois criticou o silencio cómplice de certos sectores aos que non lles gusta que se recupere a memoria.
Admíroo, de verdade. E por se vos queda dúbida, si saiu a musa, da boca de Xesús Alonso Montero, que a definiu coma unha señorita moi moderna. Eu non sería tan benevolente co apelativo, metendo o seu nome e Sargadelos na mesma frase.

(nota: por fin coñecín a Fátima Monteagudo, a alcaldesísima, despois de falar por teléfono con ela tantas veces no verán, e non poder falar e desesperarme outras tantas!!!)

grrrr

Blogger vacílame. Non dou asimilado que a miña conta de gmail estea unida umbilicalmente ao meu blog, así que se pecho sesión mando ao quinto inferno o que teña feito en blogger. E tiña escrito un textiño que reescribín tres veces e agora xa non me apetece. Avogo pola volta ao método anterior, que moitos aínda utilizamos equipos compartidos.
Dios, se eu só quería escribir que me pareceu o libro, que non soporto a un profesor por irresponsable, que o fin de semana emigro ao norte e que xa case non me quedan restos dunha gripe que todos atribúen a unha cousa... Isto é horribleeeeee!!!
(e se non me equivoco, a imaxe mandouma alguén que a atopou por aí e debeuse lembrar de min. gracias!!!)

19.3.07

I´m a loser


-ou así me sentín todos estes días, como unha perdedora-
pero creo que xa se me está a pasar (ou non?)

16.3.07

Meirama


Eran todos vellos, salvo un par de meniños que saltaban polo medio da casa do concello. Arriba levaban unha hora e media de reunión cando o seu voceiro, Juan, baixou para dicirlles que non había acordo, e se estaban conformes en non levantarse ata que se chegara a algo. Unha hora máis tarde, baixaba para contarlle aos veciños que non, que os da central térmica non se queren facer responsables, que lla suda que teñan a casa chea desa carbonilla cincenta e ademais, agora, tamén unha nevarada branca de algo que disque pode ser sulfato cálcico. Que din que é normal que caia, que están dentro dos límites de emisión permitidos, que a cheminea pola que sae leva tres décadas sen limparse.
Apenas hai trinta casas a carón da central. Vai algún tempo xa dende que comezaron a caer pequenos anacos como de tiza, tanto para a parte de cerceda como para a parte de Ordes. O director da térmica, o señor Pedro Vallejo, ten cara de non importarlle nada. Se non hai prensa, din os veciños, eles din o que queren, e a nós ninguén nos cre. Claro que é importante a prensa a nivel local, porque fai que existan os problemas, fainos visibles.
Cando comezan a marchar todos xa é noite e vai moito frío. Francisca contou algunhas historias das Encrobas. A súa casa é a que está máis pegada á mina e ten fendas nas paredes nas que lle colle o puño. E nesta loita ela, igual que o resto dos veciños, saben que non poden confiar en ninguén máis que neles mesmos, nin a policía, nin o Seprona, nin Medio Ambiente dan solucións. Están sós ante un xigante, e non teñen nada que perder
(Foto collida en El Correo Gallego)

14.3.07


Dixo que a entrada de nenapunk lle fixera pensar e que pra agradecermo fixo isto. A min, a verdá, gustoume moito

12.3.07

Domingo

Aí atrás, estaba timbrando nun portal cando de súpeto caeu un globo nas miñas mans, nunha traxectoria directa, que calquera diría que quería ser meu. Cando cheguei arriba, aínda desorientada polo agasallo que levaba nas mans, decidimos que era un regalo do ceo. Púxenlle un fío e ateino como puiden a un anel que levaba.


Cando un gracioso mo pinchou decateime de que non existen os regalos do ceo. E non obstante, podería ser un regalo o domingo lindísimo que tivemos, o paseo pola carreiriña do can para ver o mar e a illa de Tambo, a comida ao aire libre, o chupiño de licorcafé, o paseo por Pontevedra e durmir no tren a Compostela tentando parecer lista cun xornal sobre as pernas.
A familia, estou segura, quedou encantada de que leve catro anos rodeada de xente tal -as promesas do novo xornalismo galego-.
Moitas gracias polo domingo fantástico, rapaces. Na festa do queixo, repetimos

7.3.07




Mamá mercoume uns zapatos. a miña sorpresa foi descubrir a marca "nenapunk". despois, pola tarde, púxenme triste ao pensar que me vou a convertir nunha persoa seria. camiñaba, ao mediodía, pola zona vella, cando vin a un rapaz que coñecín hai un par de anos. vestía traxe e falaba de cousas serias cunha muller, de camiño a un restaurante caro. agora que vive da política xa non me saúda.
o día que eu teña responsabilidades grandes, xa non serei como son, nin terei uns zapatos de marca nenapunk feitos a man?

4.3.07

sólo te pido que me escribas...



Cantáronma, o xoves, só pra min, e dende detrás duns ollos vediazuis volveu ser a canción máis bonita do mundo.

Pero despois, o venres volvín reencontrarme coa rapaza que fun en primeiro, recén chegada a compostela. E sentinme maior, cando lle expliquei a S. que xa ía rematar a carreira, cando el me dixo que xa traballaba como médico.

E hoxe, no bus, namorei dun ollos nos que parecía que collía o mundo todo. Dun neno, de apenas uns sete anos, que iba co seu pai e a súa irmá. Falaban en árabe, e lembrei unha discusión con nonseiquén, sobre a beleza. Sigo sostendo, e cada vez máis convencida, de que a raza máis fermosa que hai sobre a terra é a árabe.

Pero en realidade, destes catro días, houbo unha cousa importante por enriba de calquera outra. E foi oir da súa boca, e con ese sorriso, como me chamabas pequerrecha para que fose onda ti. De todos, ti serás a quen máis bote de menos.

1.3.07

Gustáronme os ollos do rapaz. E gustoume a historia

Hai algo que fai que cada dia de esta semana me levante dun humor excelente. Como era, A.? "A vida componse de pequenas nadas", non si? E pode ser que as nadas de agora sexan algo millor que as de antes, ou mo pareza. Levantarme, ir á primeira clase e despois ter toda a mañá para darlle a vara a funcionarios diversos tamén me anima. Hoxe irei a ver por onde soan as campás. Quizais a solución non chegue ata xuño. E, despois de todo, que o acto de licenciatura sexa aquí ou alá, é un mal menor...


25.2.07

facía frío. mandáronme falar co rapaz, que tiña os ollos máis tristes do mundo. lembrábame moitísimo ao outro, o daquel filme de david trueba. os ollos tristes e unha serenidade inmensa, que daba medo.
pasei todo o fin de semana a remoelo. non se me quitou da cabeza a súa forma de mirarme, de dicirme que non, que non quería falar. e depois, o sábado, abrín o libro ao azar e topeime con isto


"Hoy me es igual
Traedme una hora que vivir
Traedme un amor pescado por la oreja
Y echadlo a morir aquí ante mis ojos
Que yo caiga por el mundo a toda máquina
Que yo corra por el universo a toda estrella
Que me hunda o me eleve
Lanzado sin piedad entre planetas y catástrofes"



e non se me pode sacar da cabeza

21.2.07

Luns de Antroido

Regaláronnos un haicu a Eamare e máis a min


Deixádesme desnudo
co voso cinema mudo



(porque iamos disfrazadas de parella de cinema mudo, claro)

O luns tivo unha noite que durou exactamente 28 horas. Unha noite perfecta. E non sabería que contar dela, porque non me chegaría todo o papel do mundo

(A da foto, a Madonna que fixo posible que o antroido deste ano fose tan espectacular)

18.2.07

De Xarangallos e camelias

Hai algo máis que o entroido de disfrazarse e sair pola rúa, seña de noite ou de día. O entroido en Marín é, aparte diso, oir as canción de cada no do Xarangallo Mángallo e ir ao enterro da Sardiña.
Hoxe pola mañá, cun sol lindísimo sorrindo no alto, saímos mamá e mais eu con dous propósitos. O primeiro, rirme a cachón cos Xarangallos, os marinenses máis ilustres do mundo mundial, que cada ano milloran máis aínda as súas letras, e non deixan títere con cabeza. Obxectivo cumprido.
O segundo que tiña que facer era ir ver a exposición das camelias que xa anunciara Leo hai algúns días. Sobra dicir que as camelias eran preciosas, e as fotos tamén -as que máis me gustaron foron as de branco e negro-. Ademais, o detalle de poñer caramelos e bombóns en cada sala é un puntazo -sobre todo para os lambóns coma min-. Pero o mellor, sen dúbida, foi coñecer a unha blogueira -no seu blog atoparedes máis sobre a exposición-, e descubrir que hai quen me le por aí, anque sexa de cando en cando. Foi un pracer coñecervos, e toda unha sopresa.
Aos que poidades, ide a Marín estes días, a desfrutar de todo isto!!!


Nota: E con que alegría volvín a ver á londinense e mais recibín unha chamada a catro voces dende Roma...

15.2.07

e non puido ser...

seica chovía moito polo norte...

london, london

varios recados que facer en londres: levar saúdos da nena a Jeff -que ten unha tenda vintage na que compran famosas, seica-, ir ao mercado de candem, achegarnos ao topshop de oxford circus, tomar un donut de nonseique en nonseidonde e un capuccino con vainilla en nonseiondemáis. perdoen que non mire a lista de turisteo nin poña máis links, é que estou cansa e en oito horas estarei subida no avión. feliz fin de semana a todos!!!

14.2.07

unha mala contestación, un par de ollos inquisidores, unha bolsa cun lapis de resina e mais un libro, un nome israelita, un cento e medio de bos propósitos, dous compañeiros de piso con setas e arroz, e unha maldita canción que non me sae da cabeza, protagonizada en exclusiva por min, cantada pra min, dirixida a min -non misturemos a ninguén máis nisto, vale?-, e as ansias dunha viaxe tan preto que non dá chegado. e de seguir así o tempo, (fun, son) serei unha flor empapadísima...

junto a las manillas del reloj me esperarán todas las horas que quedaron sin vivir




10.2.07

e tiñades todos razón, que hoxe ía vestida de camuflaxe...

9.2.07

polas apertas. polas caricias. por estar aí sen preguntar nada. pola preocupación. polos olliños tristes. polo hoxe por ti mañá por min. porque todo sigue. por dicir qué ben estar contigo no traballo. por escoitarme cando falo, e cando non falo
porque en realidade non preciso motivos.
dispares como sodes. tan distintos entre vós, tan distintos a min. e tan iguais

tanto vos quero, meus meniños...

6.2.07

"o ollo humano é quen de procesar un fluxo de información unhas dez veces superior ao resto dos sentidos á vez"

máis que o olfato
máis que o gusto
máis que o oído
máis que o tacto
...



4.2.07

hoxe debuxaba o posible asasinato dun profesor. é gracioso poder rirse destas cousas. ademais tomei café, que é un dos sabores que menos me gusta no mundo. e despedinme da empoladinha ata a próxima, que agardo que sexa pronto.
a época de exames, a pesar de todo, é bestial. é o grao máximo de presión e de amizade -ou non-. Poder discutir sobre as rutinas, e os primary definers e a afinidade burocrática, ou planear o futuro que está no aire, ou facer traxes a medida, todo iso só se pode facer en febreiro

e apenas quedan catro meses e gostaría de gritarlle a todo o mundo que necesito unha prórroga, apenas un ano máis, que o tempo que resta non me chega... acaso é tanto pedir?

1.2.07

cada un está só á súa maneira. e uns días estase máis só que outros. que o exame teña 30 preguntas no canto de 21 non é máis que un xeito de darlle emoción ao asunto. e pensar en facer unha grande festa en maio e que nos bote a policía do campus, non é senón un exercicio de imaxinación tan divertido... si, sempre hai momentos nos que sentirse só. pero esta non é a mellor época.

onte recuperei a tempo parcial o meu centoonce, mentres comía comida mexicana caseira que non recordo como se chama pero que picaba na boca, e volvín a pensar moitas cousas. hoxe estou un pouco menos triste, un pouco menos cansada de estudiar


ela está soa
díxomo hoxe
estou soa
e eu
preguntei
que
logo chorou
e eu tamén chorei

(kiko neves)

(e póñoo pequeniño por se acaso, que non sei se é legal poñelo)

30.1.07

Abro o mail e atopo esta sorpresa: Moitas graciassssssssssss Dios cho pague con moitas noites lujuriosas. Saúdos polanquistassssss (non vou a descubrir de quen é). Río soa e a rapaza que estudia enfrente miña mírame estrañada.
Non é a primeira sorpresa internáutica do día, que xa antes houbo outra. E entón, a flogueira dime que marchamos en quince ou vinte minutos, claro, que hai que ver ao home-da-nosa-vida mentres ceamos e despois vir correndo outra vez para poder sacar moi boa nota cun profesor casefavorito.
O chico que está sentado ao meu lado chegou cheirando a gusanitos. E pensei que non ía dicilo, pero esta semana boto de menos a tele. Que ben o vou a pasar recuperando estes días!!!
E tamén fixen cousas importantes: vin á parisina -coas ganas que tiña de apertala- e tamén puxen ao día a E. desta última semana caótica - e deixeino coa boca aberta cun dato en concreto- e fun con C. a escoller a foto da orla e levoume no seu flamante coche -a próxima vez quedo ata que remate o billete-. E falando de billetes, finalmente seremos catro as que vaiamos a revolucionar ao norte.
O encanto de hoxe, o mellor día dende hai uns cantos, está en todo e en nada. En comezar a pensar noutra viaxe con ela a Lisboa (que quizais ao final quede en nada, quen sabe). En ir á facultá e ver á xente, en estar na biblioteca sen facer descanso por non deixar o ordenador solo, e en pensar que desta vou sacar unha notaza, que para iso me mola tanto o profesor

(E si, boto de menos o mar...)

28.1.07

Y apache, ¿sabes lo que quiere decir apache? Apache quiere decir enemigo, algo tan simple. Porque enemigo es lo único que cabe ser en Auschwitz: enemigo de todas las razones de la historia, enemigo de quienes dicen que la poesía está hecha para acompasarnos mejor con nuestro tiempo, para habitar dulcemente el presente -enemigo de quienes llaman moral al lenguaje de los perros guardianes. La poesía no puede ser sino la palabra en armas contra ese lenguaje. La poesía está hecha para combatir, para contradecir, para huír de ese lenguaje. Y la huida es la única moral que cabe en Auschwitz: escapar por la arista de una esquina que siempre está por inventar, haciéndole caso al viento. Y es verdad que la evasión es un trabajo lento, inacabable. Ahora lo sé. Pero, en Auschwitz, la única patria posible se llama Fuga.




A poesía, o último reducto que é tamén roubado. Xa non me quedan armas coas que combatirme a min mesma.


E apenas dez días pra rematar. E este egocentrismo inmenso. E ler e reler outra vez as mesmas liñas, duascentas e pouco páxinas que anovan ao abrilas cada día

27.1.07

Días estraños. De biblioteca. De non saber por que todo o mundo se está a volver tolo ao meu redor. Días de dar dores de cabeza a Q. e mais a M. De noites que rematan cun sorriso diante do televisor, celebrando con retraso un novo contrato ou algunha morte ou que sei eu. Dicen que hoxe volve tocar. Meniños, estar con vós é moito millor que fuxir

25.1.07

Dicíalle a alguén que hoxe é un día máis ben gris, nin bo nin malo. Estou estrañamente serena, e tranquila. Pero profundamente triste. Din que todo axuda a facerse maior. Fuches ti quen preguntou. E eu, covardemente, limiteime a respostar. Que te quero moito, xa o sabes. Que te quixen e te odiei a partes iguais.
E só espero que agora ti non me odies.


(modificada o 26 de xaneiro de 2007)

24.1.07


"Aturdida, la pantera no sabe hacer otra cosa sino dar vueltas sobre sí misma. Y cada noche, minuciosamente, se acicala para nadie".

Son eu, acicalándome para ninguén, estudiando para ninguén, aprendendo para ninguén. Son eu, que vivo neste Auschwitz no que estamos todos. E volvo a el, unha e outra vez. Releo páxinas que parece que nunca lera antes, aínda sabéndoas de memoria. É Auschwitz, na folga do Líbano, na violencia en Iraq, nos ataques a Somalia. Non fai falla irse tan lonxe, sequera. Aprendino del, pero xa o sabía antes. Non fai falla máis que mirar para a ventana de enfrente, na muller esa que tende roupa de bebé na terraza. Vive en Auschwitz, pero non o sabe nin quere sabelo. Lava mecánicamente a roupa do seu fillo e do seu home, e non é feliz porque a felicidade non existe.
Entón é cando matar está xustificado

.

Quixen dicir, quen eres, en que soño vives? E o único que me sae é un que tal, como estás, que é da túa vida? E inmersa nestes folios en branco, nesta portada de xornal que trae todos os días o mesmo, penso en pequenas cousas, nos sobresalientes de fin de carreira de dous amigos, nos ollos do rapaz que está sentado diante miña, na cantidade de cousas bonitas que escoito estes días, no frío, no frío, e outra vez no frío que vai fóra e, tamén, no que vai dentro

Volvo a eles, ao final sempre acabo voltando a eles porque a cidade que levo na miña cabeza está situada na Roma Imperial, na negrura entre planetas e mais en Auschwitz a partes iguais. Dá igual o que digan, o que vaia aprendendo, as cousas que miren os meus ollos. Sempre acabo voltando a estes tres lugares coma o cadáver que se volve fundir coa terra.

Non estaba desesperanzada, hoxe. En realidade tiña un sorriso enorme na cara. Pero a cada instante sempre hai algo que che lembra que debes deixar de sorrir. O medo ao descoñecido, perder a ilusión, quizais. Saber que nada ten por que ser o que aparenta e que, en realidade, aínda non sabes moi ben o que estás a buscar


PD: e acabo de ler que morreu Ryszard Kapuściński, e o mundo todo debería estar de loito. ou cando menos, os que aínda cren no xornalismo

18.1.07

Falábache na miña carta, señor Descoñecido (do que apenas sei teu nome) de que estaba a facerme maior. Non pensaba niso ao que ti te referías, aínda que supoño que todo vai sumando.

Pensaba, quizais, noutras pequenas cousas. Na neve cando cae cara arriba ao darlle par atrás no vídeo, ou esa hora na que todos se sentan na mesa para ver o telexornal trala preñez de cada día (rito tribal que se repetía antes na leitura do xornal). Pensaba nos bicos nos beizos que dou cada semana aos que máis queiro (a última vez na facultá, pero tamén pola rúa e nalgún bar), nos que marchan do meu presente e nos que regresan. No sorriso do que é sempre o primeiro en recibirme, no que foi o primeiro en acollerme. En aprender a calcetar.

Pensaba na maneira na que agora miro os pequenos problemas, na forma de resolvelos. Nas miñas mans, que este inverno non se queixan.

Pensaba frivolamente nun zapatos mourados, ou na foto para a orla.

No indiferente que me resultan algunhas cousas, ou a dificultade de dar certos pasos. Pensaba, si, en canto cambian as cousas cando parece que non cambia nada. Pensaba en ti, Descoñecido, na gratitude e curiosidade que despertaches en min en non máis dunhas liñas. E pregúntome como serás en realidá

11.1.07


Existen tres grandes máximas que unha longa análise empírica me permitiu concluír:
- Os paraugas feos nunca rompen
- Ninguén rouba os paraugas feos
- Os paraugas feos nunca se perden

Estes días de perder o paraugas e recuperalo, son tamén días nos que o mundo xira arredor dunhas tetas, e fas traballos exprés, e ves pelis por un tubo, e vas patinar pra desestresarte caendo de cú sobre o xeo, e fas todas esas cousas que só saen ben facéndoas a toda présa se estás en xaneiro a piques de comezar os exames. E este ano as cousas han de sair ben, pra poder ter na man, en xuño, un tituliño de licenciada nunhas ciencias desvirtuadas que xa ninguén sabe de que son. (sempre quixen ser titiriteira)
Así que se tardo en facer entradas e hai alguén que me bote de menos (hai de todo na viña do Señor), non se preocupen, e saiban que sigo viva, a pesar de todo

(imaxe: esao)

6.1.07

os máis guapos

Mamá era a moza máis guapa do pueblo, con diferencia. Papá era o rapaz máis loiro e cos ollos máis bonitos. Casaron un día de Reis que chovía moitísimo, e todos se lembran porque a miña prima, que daquela era moi pequena e iba de dama de honor, caeu e manchou o vestido todo de lama. Hoxe celebraron 33 anos daquel día. Están todos melancólicos estos días porque eu ando a revolver as fotos vellas para escoller unha imaxe miña de pequena para o orlín da facultá. E é só cando miro as fotos que me dou conta real de canto medrei, que eles se decatan de verdá do vellos que van...
(perdoen pola mala calidade das fotos de fotos. a de arriba é mamá. a de abaixo son eu na foto máis linda que me sacaron na vida. non falta detalle, ate teño o bocata enriba da mesa. acaso non era preciosa???)

1.1.07

Facendo memoria... (egopost)

Teño grandes esperanzas postas no 2007, porque vai ser un ano de cambios. Pero botando un ollo atrás, a todo o que levo escrito no que vai de ano, quizais 2006 tamén fose un ano de cambios.
Un ano de viaxes, de coñecer a Lisboa de inverno, a Roma de primavera, o Túnez outonal.
Un ano de entrada no xornalismo real, de dous xeitos totalmente distintos, pero que me fixeron aprender.
Coñecer e falar con xente moi interesante.
Aprender tamén na facultá, e pasalo ben mil veces facendo tonterías que lembrarei creo que toda a vida -e tamén cousas serias-. Tentando parecer maior en cousas de maiores.
Volver a apreciar -máis se cabe- o lugar de onde veño, a xente da que procedo.
Cambiar o meu aspecto mil e unha veces, comezar a ser gafapasta a tempo parcial.
Namorar dunha ducia de homes ao día, a última hai apenas uns días, naquela tenda na que entrei buscando algo que non ía mercar.
Despedindo xente, algunha pra sempre, outra cun atalogo.
Descubrindo aos amigos de verdá, os imprescindibles.
Facerme maior, notándoo eu case sen decatarme, no xeito de falar, de pensar, sendo aínda moi nena.
Olvidarme de como escribín sempre, recuperándome ás veces.
Coñecer a xente diferente e atoparme ben con eles.
Disfrazarme de flor. Botar de menos antes de irme. Non saber a onde ir cando isto remate.
Todo isto e algo máis, nun só ano.
Si que promete o 2007.
Ten que prometer

21.12.06

Yo no soy bonita ni lo quiero ser...


Lembreime de algo que pasou hai unha semana, a altas horas, trala fantástica cea: al pasar la barca me dijo el barquero, las niñas bonitas no pagan dinero. Lembran esta canción? O chico P. cantoume sen cantar algo parecido. E despois díxome que marchara e marchei, porque a pista era toda miña, así a vía eu: triunfal.
E xa sei que o chico non me citou ao DonJuan, pero, que queren señores, aínda gardo algo da candidez da infancia, e caín. E o certo é que, como dicía, yo no soy bonita ni lo quiero ser, pero iso, nin el nin vostedes o sabían, verdá?

E mentres, respiro triunfal porque non traballo o día do Nadal, nin Aninovo, anque me custe caras largas do xefe de redacción. O millor, saberse co apoio dos compañeiros -bolseiros e non bolseiros- e do xefe, unha persoa incrible. E que máis se pode pedir de agasallo ao Pai Natal?

15.12.06

.Dous días, tres historias.

  • Historia 1
Hai uns días preguntábame como se pode saber se alguén foi feliz cando xa está morto. A resposta víñame despois do enterro. Souben que era feliz polo moito que o quixeron, e polo moito que o coidaron, e polos acenos -sinceros- de dor nas caras das fillas e dos netos. E o único que podía pensar entón é que a morte é unha das dores meirandes prós vivos.

  • Historia 2
Pola noite os nenos decídense a rematar co do amigo invisible nunha cea familiar con dous polos -que estaban moi ricos- como feito máis destacable. Os regalos, moi lúcidos. Dende pacs pra sacar ao mozo do cárcere, ata fotos fotoshopeadas nas que aparece Dolores. Porróns Recuerdo de España e fotos, de todo un pouco. O meu amigo invisible estaba de viaxe, así que quedei sen agasallo. Para compensar, estes tres animaliños, un deles vagabundo recollido por unha alma caritativa, e donado á causa. O cd que acompaña é de C., un cedé así radical y tal.

  • Historia 3
Xa llo dixen a P., que se non conseguiamos integrarnos na cea navideña do traballo, non o iamos facer nunca. Eu creo que está máis que conseguido, sobre todo entre algúns sectores. E aínda que perdín a P. nalgún momento da noite, paseino moi moi ben, e coñecín a moita xente interesante. Como sempre, de quen menos o agardas saen sorpresas moi agradables. Y no digo más.

nota: a primeira foto é un pastel con limas que V. lle regalou a M., porque nunca se sabe...
a segunda foto son os tres bichos co cd radical. o de amarelo e camiseta vermella chámase pepe. o resto están sen bautizar. se teñen suxestións...

8.12.06

As mulleres


E alí estaban todas, e todas eran mulleres. As dúas fillas, a muller, a cuñada... Un peso morto nunha cama, respirando mal, cos ollos cravados no teito. E alí estaban as mulleres a velar, toda a noite, e o día todo, durante horas e horas e horas. Ninguén sabe canto lle queda. Eu, o que non podía comprender é que el fose ese. A última vez que o mirei estaba coma sempre, con eses ollos tan grandes e tan azuis a sorrir, abrazando a papá e discutindo -entre risos- de fúbol. E agora estaba tirado nunha cama agardando a que a morte lle entrara pola boca. De nena, lía un conto dos Grimm, no que a morte para levar colocábase na cabeza do enfermo, se mal non recordo, e un médico enganábaa poñendo a cabeza dunha enferma aos pés da cama. Desta volta non tiven dúbida, e a morte agarda na cabeceira a que o tío se decida a morrer. E namentres, elas velando.

7.12.06

antes o Nadal eran un montón de regalos que aparecían no sofá da sala cando espertaba polas mañás. algúns anos aparecían incluso na metade da noite. sei que me fixen maior porque xa non agardo nada con ilusión. Nadal é decorar os escaparates de iria e comer polvoróns e recordar as cousas tristes de todo o ano nunha soa noite. e oir a mamá gritar e despois deprimirme porque se non saio con vestido en findeano hai quen me mira mal. e para o ano non sei que será de min, nin onde pasarei estas datas. pero seguro que hai un lugar millor. o caso é atopalo.
enonsei, nonsei, nonsei...

2.12.06

Ao bon samaritano:

GRACIAS!!!
GRAZAS!!!
GRAZCIAS!!!



(xa ti sabes ;P)

30.11.06

O sexo dos anxos

Hoxe, as grandes axencias de prensa, as emisoras de radio de máis longo alcance e astra as emisoras de televisión autocalifícanse de veículos "informativos". O feito de que cada unha delas coincida case milimétricamente no seu radio de acción cos intereses de mercado económico-ideolóxico de emisor non eiva que, nalgún caso, cheguen a esquecer o pudor adxetivando como "libre" e independente" a súa actividade. (...) Inxenuamente algúns, con plena consciencia os máis, intentan recrear a vella ilusión do individuo que coas súas forzas pode cambiar a historia poñéndose, se preciso é, por riba dela. (...) Parecen pretender que o periodista pode introducir alteracións básicas no funcionamento da sociedade á que serve no máis estrito sentido da palabra.

Ánxel Vence. A independencia do periodista e o sexo dos anxos. 1982

É por isto, e por moitas outras cousas, polas non quero ser xornalista. Por hoxe xa está ben.

29.11.06


Quero facer unha tontería e deixar de ser aburrida. Pero non me atrevo. A vida non é como as películas. Ás veces olvidamos a fronteira entre o que quixeramos que fose e o que é. Fóra están os demais. Dentro está

...

28.11.06

Estreei os meus zapatos novos coma unha nena pequena. Mentres, en Marín chegáballes a auga ao pescozo, porque o río volvía ao seu cauce natural. Agardei a que chegase o bus e marchei pra casa, un pouco triste, porque un dos meus (xa) vellos amores foi amable, nunha amabilidade condescendiente que desinchou o meu ego a ras de chan. E ando desaparecida por Marín, seino. Pero Dios sabe o difícil que é compaxinar a vida académico-laboral e a familiar. Apenas un cine e cinco mil recados. Non quedan ganas de nada. E aínda soñar cunha historia de novela negra. Ser xornalistiña afeizoada estase a facer máis difícil do que a priori poida parecer

23.11.06

Tres intentos de algo que viña sendo o mesmo pero de xeito moi distinto. Escribir os nosos somes nas inmáculas paredes do novo. Cantar ata desgañitarse o Ai, Maruxiña, ou escenificar María de la O. Sair do paréntese no que estiven metida durante dous anos para volver a entrar en lugares indesexables. Acordar entrar a formar parte de iniciativas lusas como equipo junior. Fartarme dos traballos cos que non aprendo nada. Deixar que se metan comigo por estar na tele. Imitar a presentadores famosos, ou a famosos varios. Botar de menos presencias. Disfrutar coa compaña. Lembrarme de buscar a peli que me pediches. Aprender a modular a voz e traducir teletipos do inglés. Facer visitas médicas a enfermitas oculares -non hai un ollo bo, repito-. Enfadarme, por veces, por algunha que outra intransixencia. Odiar as pintadas nas paredes de pedra dos edificios públicos. Cuestionar o valor dalgunhas cousas. Non atreverme a falar co chico da radio. Locutar unha nova sobre a Fontana di Trevi. Facerme punk por culpa dunhas botas de charol. Asinar cos nosos blogs e facer oficial o noso nome blogueiro. Pensar nun novo proxecto en conxunto...

Os amigos, ás veces axudan a olvidar algunhas penas, anque só sexa un parche dunha noite...

16.11.06

Si, saín na tele. Todos foron benevolentes e me animaron. E, non sei, é todo tan novo. Tan diferente.

14.11.06

O fume do tabaco chegou ao asento de atrás mesturado co vento frío da noite. De súpeto lembreime do verán, do fume que chegaba dende a ventana.
A saída só consistiu nunha entrevista pequena e moi institucional, burocrática, medida. Terriblemente aséptica, como soen ser estas cousas da política. E fun con el, que é moi riquiño, pero calado. Calquera sabe que, polo xeral, a xente calada non me gusta. Pero descubrín, sempre acabo descubrindo, que os tímidos, cando collen confianza, deixan de selo. Por eso sempre dou tempo. O tempo que quixera que os demais me desen sempre a min.
Así que fun, e voltei, e agora estou contenta porque ademais teño compañeira no TX2, e ando á procura dun tema para o meu traballo de guión, que quería facelo sobre algún filme interesante, pero apenas atopo bibliografía... E sigo confundida e nerviosa. Pero que ninguén se preocupe. As cousas serán como teñan que ser

9.11.06

Resumo acelerado en plan diario adolescente


Armo escándalo na clase, que se estivese en primeiro, non volvía á facultá coa vergonza. A primeira, o profesor mándame achegarme adiante unhas tres veces. A terceira, dáme un ataque de risa despois de respostar a unha pregunta do profesor ao estilo Mohamed, pensando que non se me oía. A última, ao meu ordenador non lle dá a gana de ir, e tardo o dobre en facer que un coche corra pola miña pantalla.
Na tarde, adícome a buscar unha academia que non acabe co pouco que cobro ao mes. Que caro é ter un nivel aceptable de inglés neste país. Plantéome seriamente recibir clases de conversa dun rapaz que coñecín nun antro de mala reputación xD.
Preocúpome por alguén que está nun estado mental máis ben caótico, e pregúntome se non o estarei eu tamén. Despois, chámoa para quedar, pero a cabina trágame os cartos. Collo a cousa e voume para a biblioteca. Necesito unha ducha e parasitar un rato. Parasitar mentalmente, claro. Mañá teño que ir. E de pensalo, debúllaseme un sorriso na cara. Por fin, por fin hai algo que me ilusiona. Sen tempo non era.

8.11.06


Chego a casa e dígolles que estou namorada. A tele é todo un mundo. Son riquiños, trátanme moi ben, teñen paciencia, son benevolentes, e responden amablemente ás miñas preguntas de nena repelente "para que vale isto???". Está o rapaz de cara triste, que é polo que digo que estou namorada. Ademais ten cara de blogger, que non sei como é, pero el tena. Hai quen di que teño tendencia a namorar dos homes con cara de tristes. Non o sei. Pero o certo é que xa me tarda en chegar o venres para volver, e nunca pensei que se puidese dicir isto dun traballo, pero é que me gusta tanto...

5.11.06

ti optaches polo egoísmo. agora eu escollo a indiferencia


(imaxe: esao)

3.11.06

TX Serán. A ver que tal

31.10.06

1.

Inevitable, o meu encontro cos seus libros. Chego a casa e agarda por min. Non quería mercalo. Non quería lelo. Pero me persigue. Xa hai tempo que me metín na espiral das persecucións. “Regaláronmo en Xerais”, di miña irmá. “É para ti”. Así que abro as páxinas e comezo a devoralo. Aínda non sei que dicir del. Preciso coñecelo máis a fondo.

2.

Visítoos o sábado, só pra saber que tal están, “pra que non olviden a miña voz”. No medio nunha conversa, S. di que se ri dos blogs dos que fan prácticas en xornalismo. Ë un fío tendido para entender que le este blog e o de Xorna. Que entra nesta casa dende hai algún tempo pra rirse de min. Decátome de que no ano e pico de existencia disto, nunca me avergonzara de que o lese miña irmá, meus amigos, algún que outro anónimo que me coñece ben. Incluso que me coñezan en persoa quen antes non me coñecía. Pero non eles. É coma unha violación da miña intimidade. Anque eu xa violei a súa antes. E faise certa a máxima de non recordo quen, que di que tarde ou cedo os teus compañeiros de traballo acabarán sabendo cal é o teu blog. S., a partir de agora podes entrar cando queiras. Agora con invitación. Dito así, non parece tan terrible que se rían de min.

3.

Vou a cemiterio con mamá, o domingo. Repítolle por enésima vez que quero que me enterren no chan, co abuelo, ou con S.T. Dígollo co pleno convencemento de que vou marchar antes ca ela. Disfruto do silencio, e do ruído que fan as pedriñas do chan cando as pisas. Vou co meu vestido novo, para honrar aos mortos, a todos en xeral. Despois atopamos a un home que nos di que pra ser xornalista fai falla moita voluntá. Xa podían ir aprendendo os detractores da carreira. Volvo a casa e poño a mesa. O primeiro domingo de novembro nunca é coma os demais domingos do ano. Fai calor e cheira a día de defuntos. Durmín unha hora máis. Este foi pra min o primeiro domingo de novembro.

4.

Comprei as katuxas. Párame nun paso de cebra Barreiro Rivas e queda a mirar pra elas. Claro que mira pra elas, pra onde, se non?

Na clase, aposto con E. a que saco unha matrícula. A ver quen dos dous as saca. Esta vez, a aposta vai en serio.

Agora marcho. Quedei con M., para facernos un pouco maiores xuntas falando das cousas da vida. Agora teñen un gato. Terei que ir coñecelo un día destes.

27.10.06

Era o meu chico árabe. Onte, a iso das dez, cando baixaba correndo a levarlle a A. algo que deixara na casa, volvino ver. Pasaran xa case tres anos. E estes tres anos foron moito tempo. Cando o vin por última vez, el era xa licenciado en medicina, e eu era aínda unha novata de primeiro de xornalismo. Non sei que foi del. O mir, supoño. Nin sequera o saludei, non sei por que, e non sei se vai voltar, ou se está aquí, ou que raio pasou na súa vida. Moitas conversas de sobremesa no sofá, acordei de súpeto.
Solo agardo volver a velo, e parame a falar con el. Para que volva a ser o meu chico árabe, alomenos por un rato

25.10.06

Chica TVG

Unha marea de 23 aprendices de xornalistas infiltraranse na compañía pública de radio e televisión de Galicia a partir do día 2 de novembro. Foron especialmente entrenados para un único cometido: destruíla dende dentro. Baixo a apacible apariencia de alumnos en prácticas, estas armas de destrucción masiva rematarán coas emisións antes do 30 de abril.
Aviso: se vostede traballa na CRTVG, fuxa antes de ser alcanzado pola onda expansiva...

(Vamos, que me colleron, a min e a 22 máis, para traballar na tele o próximo medio ano. Polo menos o proceso foi democrático, cousa que non poden dicir eles nin eles. Que emoción, xa son chica TVG!!!)

24.10.06

De probas

Xa todos -por unhas vías ou outras- sabiamos que esa praza de prácticas estaba dada. Eu, pola miña conta, sospeito que a outra tamén o estaba, e por iso fixeron proba. Pero foi divertido, porque fixeron preguntas axeitándose a min. Tamén preguntas para pillar, como "que dis se che falo da Sala Galán?". Divertido, si, e esta vez ninguén me chiscou un ollo -adiosgracias-.
Pola tarde veñen os señores da CRTVG a decidir quen de nós pode pasar seis meses de aprendiz audiovisual e/ou xornalístico na cadea pública. Se non me escollen a min, rematouse a miña aventura practiqueira dos próximos seis meses. É o que ten!!!

{nota: esta noite rematou o Ramadam (مضا). Apuren os preparativos, que hai que comezar a celebralo!!!}

21.10.06

aquí estou, coas uñas pintadas de vermello polo aburrimento. sen gran cousa que contar. sen historias, sen anécdotas, sen creacións literarias ridículas, sen links curiosos.
creo que me estou a facer vella e aburrida.


{ah, si, bueno, o tipo de arvis & bauman chiscoume un ollo. houbo quen considerou o aceno como competencia desleal...}

14.10.06

Porto, Porto

Si, unha ponencia non é a cousa máis terrible do mundo, e sen dúbida estaba máis nerviosa que o primeiro día da carreira. O mellor dos dous días, por suposto, as exposicións de Orihuela e Dans, brillantes, ilustrativos, e enriquecedores. -e non é por facer a pelota-.
A compaña tamén axudou bastante, a verdade. Ambas aprendimos moito neste encontro, o poder que cada vez máis teñen os blogs, o seu futuro incerto.
E faría unha crónica exhaustiva, pero hoxe teño máis cousas na cabeza. Teño, por exemplo, a operación de mamá, que non é para tanto, pero ponme nerviosa. As prácticas, comezar a facer traballiños, xa.
E volver a durmir na casa. Agora a miña habitación é verde. Para os musulmáns o verde é o símbolo do paraíso. Eu, non sei, é que non o teño moi claro.

10.10.06


Tería mil e unha cousas que contar de Túnez, da xente, do deserto, da beleza dos seus homes, da súa forma tan distinta de ver as cousas e de vivir. Pero hox só teño ganas de dicir que o sinto, e que te quero, e que me sinto mala e que o estou a pasar mal. E aínda así, as palabras non chegan