O venres á tarde, cando pasaba pola praza do Toural atopeime cunha "mostra" que non estaba anunciada no sitio-onde-miro-sempre as cousas que pasan nesta cidade. Era unha presentación de traballos de tecnoloxía de rapaces de ESO, que se facía para protestar contra a reducción das horas de Tecnoloxía que van sufrir os rapaces destas idades trala implantación da LOE.Era impresionante (alomenos para min): aparelliños que percorrían circuitos, norias, ascensores... todo saído das clases e feito por rapaces de entre doce e dezaseis anos. As miñas clases de Tecnoloxía nunca foron tan productivas (quizais porque a natureza non me dotou dese tipo de habilidades). E non obstante a odiar esa asignatura, apoio o reclamo dos profesores: unha materia eminentemente útil para crear, para pensar, para construír. Para evitar crear un ensino hiperespecializado e coxo. Para fomentar xeracións de alumnos que saiban algo máis que as catro regras, porque
A Tecnoloxía é o conxunto de coñecementos e técnicas que,
aplicados de forma lóxica e ordeada, permiten ao ser humano modificar o seu
contorno material ou virtual para satisfacer as súas necesidades, isto é,
proceso combinado de pensamento e acción coa finalidade de crear solucións
útiles.
































